Reivindicarmos a Alexandre Bóveda como espello de tesón e intelixencia

O 4 de xuño de 1903 nace en Ourense, na rúa da Barreira, a escasos metros da Praza Maior, a carón da Casa do Concello Alexandre Bóveda Iglesias. Bóveda destaca con luz propia entre os moitos ilustres persoeiros ourensáns de todos os tempos. Ourense comparte con Pontevedra advocación ao "santo laico" Bóveda. En Ourense naceu e en Pontevedra foi asasinado. Ambas cidades lle teñen recoñecida a máis alta distinción, Ourense nomeouno fillo predilecto da cidade e Pontevedra recoñeceulle no centenario do seu nacemento o título de fillo adoptivo. Bóveda é, en palabras de Castelao "bandeira da nosa Redención". Aproveitamos o 107 aniversario do seu nacemento para relembrar a súa figura e reafirmar a vixencia do seu pensamento político e humano.
Bóveda era o terceiro fillo de sete irmáns, de pai carpinteiro e nai costureira. Pasou a infancia e adolescencia no seu Ourense natal onde estudou peritaxe mercantil no colexio dos irmáns Villar. Afeccionado á música desde moi novo, aprende solfexo na Academia da Banda Municipal. Participa na Coral de Ruada e no Orfeón Unión Orensana, formou parte tamén dos equipos de fútbol locais. Cando contaba 13 anos, fúndanse as Irmandades dos Amigos da Fala, Vicente Risco e Otero Pedrayo eran na cidade de Ourense os seus máximos valedores. Os dous influíron na formación da súa conciencia galeguista "Que tempos: agora ata os obreiros len o periódico!", foron as palabras que escoitou a alguén dicirlle ao seu pai, cando estaba a ler o xornal, e que o iniciaron na vida política, segundo o propio Bóveda conta.
Rematados os seus estudos de peritaxe mercantil, preparou oposicións en Madrid a auxiliar de contabilidade e tras aprobalas co número un, pasa catro anos na Delegación de Facenda en Ourense. Con 24 anos gañou unha praza como xefe de contabilidade e recibiu ofertas do Ministeiro de Facenda, mais como xa decidira dedicarse a Galiza pediu destino na Delegación de Facenda de Pontevedra. Morou na cidade do Lérez até os 33 anos, cando foi sometido a xuízo militar e condenado a morte acusado de traizón polos militares sublevados.
Da súa traxectoria política destaca ter sido Secretario de Organización do Partido Galeguista, estudoso da economía fiscal, redactor do Estatuto de Galiza no ano 1932, defensor do texto estatutario diante dos concellos galegos, e promotor do Partido Galeguista. "Un home necesario nese momento histórico, novo, sen cargos institucionais, progresista e nacionalista", tal como o definiu Francisco Rodríguez no Pleno do Congreso dos Deputados cando en marzo de 2006 se aprobou a iniciativa do BNG para instar ao Goberno a promover a rehabilitación institucional, moral, xurídica e persoal de Alexandre Bóveda, fusilado por defender a legalidade democrática e as aspiracións de autogoberno de Galiza, coa abstención do PP.
Para profundar na figura imprescindíbel de Bóveda vaian varias recomendacións de lectura, aproveitando a data de aniversario do seu nacemento. Polo emocionante que é , polo ben redactado que está, e por dar a coñecer un ourensán e galego tan digno convén ler, se aínda non se fixo, o libro escrito por Xerardo Álvarez Gallego, 'Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda'. Ademais recomendábel en calquera ocasión a relectura do 'Sempre en Galiza' de Castelao, escrito en memoria de Alexandre Bóveda, segundo consta na súa dedicatoria. Entre os poemas consagrados a Alexandre: "In memoriam" de Celso Emilio Ferreiro, escrito en Caracas, Venezuela en 1971; Lembranza de Alexandre Bóveda" de Manuel María, tamén de 1971; e moi anteriores "Na morte de Alexandre Bóveda", de Emilio Pita do libro "Jacobusland" e "No aniversario de Alexandre Bóveda" de G. Sánchez Guisande, composto en Bos Aires en 1947. Fermosísimo e inequívoco o poema da poeta Luísa Villalta, Materia de Alexandre Bóveda, que remata así:
Porque por ela nos mataron e aínda nos apontan
co fusil do dedo acusador,
cando ousamos pronunciar,
coa boca chea do que somos e queremos,
o nome de teu, Galiza.
A Galiza que soñaron Bóveda e Castelao aínda está por conquerir. A loita e o traballo cotiá de todos e todas as que desexamos poder desenvolver o noso inmenso potencial, dos que defendemos a nosa identidade, a nosa lingua e cultura, segue sendo indispensábel, como aínda o é hoxe reivindicar a figura de Alexandre Bóveda. O seu espírito segue vivo entre nós. De Bóveda quédanos o seu exemplo, a súa morte exemplar, o seu sacrificio e o seu martirio, xa que Bóveda foi un dos mártires pola liberdade da nosa terra. Preguémoslle ao noso "santo laico" que desde onde estea nos axude nesta tarefa.