Recuperar
É preciso recuperar os contidos de luz das nosas raíces culturais. O pasado deixou lixos, tamén xermolos de vida. Trato de evocar unha obra de profunda sabedoría para nós os galegos que comeza con esa indicación.
“Repensar a Teoloxía, Recuperar o Cristianismo “, libro homenaxe a Andrés Torres Queiruga. Un volume de 615 páxinas, con artigos do 50 autores (case a metade galegos), especialistas de todas os saberes.
Ante esta presentación pode pensar o lector nunha antoloxía dos milleiros que enchen as librerías. Non é iso. A.T. Queiruga abre o texto e pechao con páxinas decididas: autobiografía cultural desde os días da escola en Rianxo até o seu longo maxisterio en Compostela. Evocación dunha profesión de teólogo: a teoloxía como camiño de liberación; un maxisterio educativo a descubrir o Deus de Xesús, un Deus “pura salvación”, un Deus que crea por amor.
A este comezo responde un epílogo de análise das colaboracións: síntese, agradecemento, valoración e ese toque de luz para a converxencia na recuperación de xermolos imprescindíbeis.
Mais logo, os 50 autores enfróntanse coa obra escrita de ATQ e co seu maxisterio escolar e de evanxelización. Xosé Luís Barreiro en “De mestre a mestre” (PP.42-58) ve deste modo a ATQ: “ Desde o seu compromiso con Galiza, pasando pola interpretación da obra ruibaliana; filosofía e teoloxía da revelación; o diálogo interrelixioso; poder, autoridade e democracia na Igrexa; o problema do inferno; creación e salvación; o carácter persoal de Deus; sobre a resurrección; aperturas feministas; a cuestión da oración; teoloxía e espiritualidade, até a consideración do pecado e do perdón”. Todo un ensaio de Barreiro a ponderar a influencia de Amor Ruibal -este gran filósofo galego da primeira metade do s. XX- até a grande síntese de ATQ. Penso que é o ensaio máis definidor da xenialidade de Queiruga no “tempo e modo” da realidade galega da Universidade e dos seminario de Santiago de Compostela.
Imposíbel aludir a cada un dos 50 participantes neste libro - homenaxe que foi preparado para a imprensa por dous dos discípulos de ATQ: Pedro Casteao e Xosé M.Caamaño
O libro está distribuído nunha presentación, seis partes e tres apéndices. Introdución de dous autores; relatorio das xornadas de teoloxía, 15 autores. Estas xornadas, en Compostela abriron a homenaxe a ATG e deron visibilidade ao material tan complexo deste libro. Cuestións de teoloxía sistemática, 12 autores; relixión e cultura, 10 autores. Comeza cunha sorpresa: un diálogo interdisciplinar entre Andrés Queiruga e Gianni Vattimo. Teoloxía e vida, 13 autores, e a resposta de ATQ. O segundo apéndice trae unha longa bibliografía na que aparecen autores de varios países: Galiza, España, Italia, Francia Alemaña, Brasil etc.
Un dos temas que na actualidade trata ATG é o das relacións fe - ciencia. En “fe e cultura” aparece, mais constitúe un dos novos ensaios que responden á proposta dunha espiritualidade a coñecer e valorar que emerxe nas relixións e nas culturas.
O libro, de aparencia teolóxica, é así mais cunha forte impregnación nas preocupacións humanas de todos os sectores. É un libro no que aparece a realidade dun país -Galiza- con teólogos, filósofos e intelectuais de todos os saberes, dunha cultura en diálogo internacional, aberta e a igualar coas numerosas realidades deste planeta. Unha obra de inmensa aportación á busca de verdades, éticas e estéticas.