Ramón de Liripio
O pasado 13 de xaneiro o amigo Alfonso de «Xermolos» preguntoume se o quería acompañar as terras da Estrada para renderlle homenaxe no centenario da súa morte a un personaxe moi popular daquela comarca e alá nos fomos desde o Guitiriz da Terra Cha as Terras de Montes. Era a primeira vez que visitaba esas terras e a primeira vez que oía falar da parroquia de Liripio. Deume magoa ver casas de canterías tan ben labradas, que amosaban que noutros tempos deberon ser de fartura, que abrigaron tantos soños e ilusións dos seus moradores, hoxe abandonadas e a pasto das silvas por mor das políticas agrarias que fixeron que esa parroquia pasara de 139 a 79 persoas entre os anos 1976 e 2009, cando xa no ano 1842 tiña 210 habitantes.
O acto, no que se involucraron todos os veciños, tivo lugar no local social «O Chiringo» de Liripio, organizado pola Asociación Cultural «Vagalumes» da Estrada, rendíalle un sinxelo pero emotivo homenaxe a Ramón Garrido Iglesias, máis coñecido, tanto nesa como nas parroquias limítrofes polas que andivo (Ribela, Codeseda, Souto, Meavía, Forcarei e Quireza) como Ramón de Liripio, que segundo o presentador do acto, o profesor David Otero, biógrafo e autor do libro Ramón de Liripio (un colo no que contar), era «un tipo talentoso, ocorrente, aduanante e xaraneiro, corredor e soñador: un filósofo da vida» que lles recomendaba aos veciños «que ninguén bote máis millo do que poida sachar que despois Ramonciño para aquí e Ramonciño para alá», ou cando estaba catándose os piollos e un veciño lle pediu que parase e Ramón respondeu, «que paren eles que son os que se moven». Este xornaleiro, que sempre procuraba gardar unha distancia xusta entre el e o traballo, xa que, como ben dicía, «farase sempre a grolos pequenos e soamente en caso de última necesidade». As contestacións de Ramón sempre eran diplomáticas e axeitadas, aínda que gustaba de atacar ao caciquismo e ao poder establecido. Por iso, e a pesar de morrer xa fai cen anos, a voz de Ramón segue escoitándose polos lugares das súas andanzas e incluso traspasaron as fronteiras da nosa terra levadas mundo adiante polos nosos emigrantes. Se hoxe se coñece a parroquia de Liripio máis alá desa comarca é porque alí naceu Ramón. De seguro que houbo xentes máis ricas e máis estudadas nese lugar pero ningunha como Ramón popularizou o seu nome. Todos se foron despois dunha vida máis ou menos desafogada, pero Ramón quedou para sempre na memoria das súas xentes.
,No devandito libro, editado en 2006 e do que xa está esgotada a primeira edición, David recolle algúns contos e aconteceres deste personaxe que naceu en Xestás, parroquia de San Xoán de Liripio, polo ano 1845 e morreu -parece ser que dunha gripe- o 11 de febreiro de 1911. Alí puiden comprobar, a pesar da diferencia de época, o respecto e o cariño con que o lembran os seus veciños cen anos despois do seu pasamento. O acto, no que o propio David leu e cantou un bonito romance de cego da súa autoría adicado ao homenaxeado, consistiu en contar contos, como non podía ser doutro xeito tratándose de Ramón, e alí estiveron lendo un conto del os alumnos do IES da Estrada, Martiño, Brais e Edu xunto a outros contacontos que nos deleitaron con contos populares e tamén do propio homenaxeado.
Ramón non escribiu os seus contos e as súas anécdotas en ningún caderno, Ramón deixounas escritas no corazón e na alma do pobo e, cen anos máis tarde, o pobo ségueas revivindo e conservando, porque Ramón pensaba en voz alta para que o pobo escoitara os seus ditos, anécdotas e sentencias, enriquecendo así co seu talento a nosa cultura inmaterial. Os seus contos e as súas ocorrencias foron pasando de boca en boca, de pais a fillos a través do tempo. Esa é a grandeza da literatura popular que aínda que non estea escrita segue vivindo no pobo durante anos e anos.
,El andivo a pedir polas portas buscando as casas que fumegaban porque lle indicaba que alí había mantenza a base de caldo quente e pan con que enfrialo e os veciños foron sempre xenerosos con el. Algúns afirman que estudou un tempo no seminario de Santiago pero, certo ou non, por onde máis gustaba de andar era polas casas dos curas e a monear coas criadas. Quizás porque era onde mellor se comía e onde menos se traballaba xa que este consistía en cortar unha pouca leña ou levarlle auga a algún animal que tiñan nos cortellos.
As veces os curas tamén eran os destinatarios das súas ocorrencias como unha vez que estaban uns cantos xuntos na porta da igrexa e preguntáronlle a onde ía, ao que lles contestou que ía dar unha volta polo inferno. A seguinte vez que o viron preguntáronlle se xa volvera e que fora o que vira no inferno, ao que el contestou: Curas a montón e misas a patacón.
Nestes tempos nos que predomina a voracidade capitalista, a avaricia e a insolidariedade, para moita xente quizais non sexa doado entender que un pobo poida honrar cen anos despois da súa morte a un probe de pedir polas portas por moito talento que tivese, pero en Galiza sempre se tivo un cariño especial aos probes sobre todo no medio rural no que se consideraban case coma da familia. Manuel María ten escrito sobre algúns destes personaxes populares que enriqueceron a nosa tradición oral, a nosa cultura popular; ese patrimonio inmaterial que debemos de preservar xa que forma parte do noso ser, que nos identifica e nos define como pobo, por iso é moi meritoria a labor que está a facer a Asociación Cultural «Vagalumes» honrando a memoria deste home utilizando o mesmo procedemento que utilizou el: pedindo aos veciños unha colaboración para deixar un recordo del as xeracións vindeiras.
Tamén na miña tribo temos grandes regueifeiros, como o capador de Sesulfe e a señora Requecha do Cando sobre dos que tamén cumpría facer algo parecido e a poder ser en vida deles. Incluso meu pai tamén é aficionado a contar historias e feitos que ocorren na aldea deste xeito entre poético e burlón: «A Ramona é a muller máis valente do mundo enteiro,/ matou un raposo a paus no seu galiñeiro./ Despois de morto e derrubado, veu Chacón todo cabreado,/ colleu un machado e, ¡chas!, cortoulle o rabo/ e díxolle: ¡Toma malvado, tamén comiche o meu pavo!».(1)
De seguro que haberá moitos Ramóns pola Galiza adiante, pero sen traballos dese tipo pasaran desapercibidos e rematarán no esquecemento, porque os nosos gobernantes en vez de apoiar e darlle pulo a nosa cultura popular con un mínimo gasto non lles importa investir grandes cantidades de diñeiro en facer mausoleos faraónicos como o do monte Gaiás onde poder engaiolala e enterrala para sempre. Son aqueles que sofren unha domesticación degradante, van esquecendo a súa fala e xa comezan a ladrar na lingua imposta polos amos como ben di Manuel María no libriño «Saturno» que editamos aquí en Euskal Herria aló polo ano 1989.
(1).-Os nomes son ficticios pero o caso ocorreu verdadeiramente.