Radon nas escolas


Baseándose nos datos dun estudo realizado polo Laboratorio de Radon da Universidade de Santiago de Compostela en 58 institutos de ensino secundario galegos sobre os niveis de gas radon no interior dos edificios, a CIG ven de reclamar unha actuación inmediata da Xunta de Galiza solicitando que se apliquen as accións correctivas e preventivas necesarias para axustar os niveis aos límites establecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

O radon (símbolo químico Rn) é un gas radioactivo que emite naturalmente e que se atopa en solos, rochas e auga. É un gas incoloro, inodoro e insípido. Este radon radioactivo é o isótopo 222 (222Rn), un tipo de radon que ten 86 protóns e 146 neutróns no núcleo de cada átomo. Provén da desintegración nuclear do radio (226Ra) -de aí lle ven o seu nome-, e este á súa vez provén do decaemento do uranio (234U), que é un elemento cunha presenza importante en toda a codia terrestre e nomeadamente en solos graníticos coma o galego. O radon é a maior fonte de exposición humana á radioactividade natural. En menos de catro días desintégranse a metade dos núcleos, producindo partículas alfa radioactivas que poden ser inhaladas polos seres humanos. Estudos realizados en todo o mundo -e tamén en Galiza- mostran que as persoas expostas de xeito continuado a niveis elevados deste gas teñen maior risco de desenvolver cancro de pulmón -risco que aumenta se son fumadores- debido ás lesións que provocan as partículas alfa ionizantes emitidas nas células do epitelio respiratorio. A OMS considera que a exposición a gas radon é responsábel do 14% das mortes por cancro de pulmón e a segunda causa tras o tabaco.

Até non hai moito, cando se falaba de protección radiolóxica sempre se medían os niveis de radiación partindo da radiación de fondo procedente de procesos radioactivos naturais, isto é, non provocados polos seres humanos. Hoxe en día, está comunmente aceptado que calquera dose de radiación ten un risco, incluso a que ten causas naturais. A presenza de radon no interior dos edificios e na auga considérase que pode ser relevante para a saúde humana e especialmente en sitios con solos das características do galego non se debe desprezar. En condicións normais, o radon constitúe o 43% da dose anual de radiación recibida polo ser humano.

Os solos graníticos fracturados presentan un alto potencial de emisión de radon. Nos estudos realizados no estado español, son Galiza, algunhas zonas próximas a Salamanca e a serra norte de Madrid as que presentas un niveis de radon importantes, no noso caso dos máis importantes de Europa. O estudo do Laboratorio de Radon da USC realizado en 58 institutos galegos mostra que o 34% destes supera o límite dos 400 Bq/m3* en aulas e despachos e un 15% supera nalgún espazo os 800 Bq/m3. Nalgúns casos, como o IES Poeta Añón da Serra de Outes, hai medidas que superan os 6000 Bq/m3 e o 37% superan os 1000 Bq/m3.

A Comisión Europea elaborou xa no ano 1997 unhas recomendacións nas que instaba aos gobernos a establecer un sistema axeitado de medición e a necesidade de emprender medidas correctoras cando a concentración de radon fose superior a 200 Bq/m3 en vivendas e 800 Bq/m3 en edificios públicos e lugares de traballo, supoñendo nestes unha exposición de 2000 horas por ano. Estes valores de referencia aínda podemos consideralos altos se temos en conta que nos Estados Unidos existe un único nivel de referencia de 148 Bq/m3, mentres que a OMS sitúa o nivel en 100 Bq/m3. Nun estudo do 2003, a OMS conclúe que, aínda que o risco se clasifica de baixo, para unha exposición media, promediada no tempo, de 150 Bq/m3 evidénciase un aumento do 24% no risco de padecer cancro de pulmón. A propia Consellaría de Sanidade da Xunta recolle todas estas e moitas outras recomendacións e precaucións nun documento titulado "Folla de información de saúde pública. O radon"

Países como Estados Unidos, países nórdicos, Irlanda ou Reino Unido teñen mapas de radon e lexislación vixentes xa hai anos. En EEUU a axencia de protección ambiental é moi activa e incluso hai anuncios en radio e TV para que a poboación evite este risco nas súas casas ou que o teña en conta cando merca unha casa. Desde o 2004, Francia obriga a medir cada 5 anos os niveis de gas nas escolas, residencias, hospitais, balnearios, etc.

O gas radon entra nas edificacións principalmente a través das fendas nos cimentos, as paredes, tubarias, e mesmo por difusión a través de cerramentos en contacto co chan. As medidas máis efectivas e económicas para previr a acumulación de radon son as que se toman na fase de construción. Pode ser suficiente illar o subsolo deixando unhas cámaras de aire que canalicen as filtracións de radon ao exterior. Para edificios xa construídos ou se a zona é de alto risco, hai que conseguir unha boa ventilación, e se a aireación tradicional non é suficiente, cómpren outras solucións como a extracción forzosa e canalización do aire ou a impermeabilización de chans e paredes. Ironicamente, este problema viuse agravado nos últimos anos polos programas de aforro enerxético na construción e rehabilitación de edificios, que aumentan o illamento e reducen a ventilación. En calquera caso, o primeiro é identificar con precisión o problema, pois cada edificio é un mundo de seu.

Na lexislación española só as Normas do Hábitat establecidas no 2007 polo BNG no goberno da Xunta facían referencia directa ao radon e á necesidade de illamento nas construcións como medida preventiva. Esta norma foi derrogada por Feixóo sen ningunha medida alternativa. Os datos do devandito estudo están en mans da Consellaría de Industria e da de Educación desde 2009, sen que se fixera nada ao respecto.

As emanacións de radon non son consecuencia da actividade humana. O risco que provoca non é debido a problemas medioambientais nin ecolóxicos. Reducir os riscos na nosa sociedade tecnolóxica é a obriga de todos, e nomeadamente das Administracións, neste caso da Xunta de Galiza. Non se trata de alarmar, só corrixir e previr. As medidas correctoras para reducir os niveis altos de gas Rn son na maior parte dos casos doadas e economicamente proporcionadas. Canta maior sexa a desinformación e a pasividade do Conselleiro de Educación e de Feijóo, maior será a alarma e por suposto o risco para a nosa saúde e a dos nosos nenos e nenas. E se son eles os que descoñecen ou ignoran o problema, que lle pregunten á Conselleira de Sanidade.

---------------
*A radiactividade mídese polo número de desintegracións por segundo que ten una mostra dada. No sistema internacional de unidades, cada desintegración por segundo é un becquerelio (Bq) e, no caso dun gas, fálase de número de bequerelios por metro cúbico (Bq/m3).