Quo vadis Europa?


Calquera observador medianamente obxectivo pode constatar que, malia os agoiros provocados pola crise económica, o discurso europeísta logrou calar no discurso público. Ben por puro pragmatismo, ben por un verdadeiro compromiso coa idea dunha Europa unida, as análises que pretenden explicar e transformar a nosa realidade máis próxima están obrigadas a utilizar o marco europeo como referencia das súas consideracións. Non obstante, é doado comprobar que existen polo menos dúas escolas de pensamento diferentes -e mesmo contraditorias entre si- detrás da omnipresente palabra Europa.

Por unha banda, atopamos unha idea forxada fundamentalmente a partir da Ilustración e da Revolución Francesa: a dun continente organizado segundo a razón, a harmonización dos dereitos individuais e colectivos e a convivencia pacífica de pobos emancipados. Por outra banda, temos a realidade dunha armazón institucional -a Unión Europea- que non acaba de decidirse a definir coherentemente a súa natureza política e que, en consecuencia, atopa innumerábeis dificultades e reticencias para controlar uns mecanismos de mercado cada vez máis opostos á razón democrática.

Nos simplificadores termos xornalísticos, a Europa social e a Europa dos pobos opóñense a unha Europa dos mercados que, paradoxalmente, non dubidará en aniquilar, coa súa insaciábel avaricia, o legado da Ilustración que lle outorga sentido á propia idea de Europa.

Na última edición do festival Cineuropa estreouse en Galiza Film Socialisme, a última película de Jean-Luc Godard, unha fermosísima obra que reflexiona, precisamente, sobre a posibilidade de que esta última crise do capitalismo sexa, en realidade, unha crise da civilización europea que ameaza coa desaparición dese herdo ilustrado. A pregunta Quo vadis Europa? preside a narración e articula un relato que comeza como unha elexía nostálxica sobre unha cultura que insiste en reafirmar a perda dos seus valores, para acabar nunha chamada á recuperación da utopía como motor da Historia.

Godard reinterpreta con amarga ironía a viaxe de Ulises en termos contemporáneos: un cruceiro de pracer reconstrúe o itinerario mediterráneo polos lugares de orixe da nosa civilización (Exipto, Palestina, Odessa, Grecia, Nápoles Barcelona...). Mentres se visitan emprazamentos que forman parte indispensábel do noso imaxinario cultural, no interior do barco as máquinas tragaperras non deixan de engulir e devolver moedas, a distorsionada música da discoteca atorda os sentidos e o filósofo Alain Badiou pronuncia unha conferencia diante dun auditorio baleiro. Unha espía rusa declara que non quere morrer "sen ver feliz a Europa" e un antigo nazi ratifica a fin da memoria. A banalización e a alienación alaga as vidas dos viaxeiros, que esqueceron a ambigua fórmula que deu lugar a Europa -a alianza entre democracia e traxedia- para lle render culto ao mercado, a última e definitiva instancia que dirime cal debe ser o noso lugar no universo.

Unha intricada arañeira de citas e referencias culturais e unha suntuosa panoplia de achádegos visuais converte este filme nunha obra mestra que retrata con implacábel beleza a traxedia colectiva das ilusións perdidas dos europeos. Mais nunha atrevida reviravolta, ese laio melancólico se realiza convocando algunhas das pantasmas que debuxaron a liberación espontánea dos pobos: as famosas escaleiras de Odessa, a guerra civil española, a resistencia ao nazismo na Francia da ocupación. Momentos en que a revolta se organizou sen esperar polas condicións obxectivas que permitisen a vitoria. E xa dende o primeiro diálogo -no que escoitamos que "o diñeiro é un ben público"- se apunta a hipótese de que é a idea de propiedade a que debe cambiar para que Europa sobreviva.

Velaí, aínda que necesariamente dun xeito dolorosamente redutor, as trabes coas que Godard constrúe a súa reflexión sobre o ser europeo. Malia a dificultade da súa linguaxe e a multiplicidade de significados que cada imaxe suxire, o espectador quedará engaiolado. Non só porque se ve concernido por todo o que ocorre na pantalla, senón porque, guiado polo director, se internará na trastenda da historia nunha amalgama na que a vida, a cultura e a arte do pasado se converten en fragmentos cuxa lectura ilumina o presente desa Europa que todos invocan e que moi poucos semellan entender.