Queremos realmente ter Investigación e Innovación?

Queremos realmente ter Investigación e Innovación?

O caso do físico galego Diego Martínez Santos ao que lle foi denegada unha praza do programa Ramón y Cajal o mesmo día que recibía o premio que outorga cada dous anos a Sociedade Europea de Física como mellor investigador experimental de menos de 35 anos na física de partículas acadou estes días un grande eco mediático mesmo a nivel internacional.

A conxunción destes dous feitos puxo de relevancia o fundamental: as pouquísimas posibilidades que teñen os xoves (e non tan xoves) altamente cualificados e cunha sólida e recoñecida formación de poderen traballar e desenvolver a súa carreira profisional no estado español e aínda en moito menor grao en Galiza.

O programa Ramón y Cajal convócase desde o ano 2001. Pretendía ser un ambicioso programa para conseguir que os mellores investigadores regresaran ao estado español e desenvolveran aquí a súa carreira profisional, proporcionándolles un contrato de cinco anos. Dos 800 contratos nos primeiros anos pasouse a 250 nos últimos anos e a 175 nesta última convocatoria, que se resolveu un ano e medio despois da anterior. Este é o punto fulcral para reflexionar: moi poucas prazas e moita xente boa que malia todo quere regresar.
O caso de Diego Martínez puxo tamén en tea de xuizo o proceso de adxudicación das moi escasas prazas, polos argumentos empregados polo Ministerio para non incluilo nin siquera na lista de agarda: o informe de avaliación indicaba que tiña un nivel de recoñecemento internacional por debaixo da media en xente con idades semellantes e falta de liderato internacional.

A sociedade galega fai un enorme investimento en formación. Podemos seguir a formación de Diego Martínez Santos: logo da ensinanza secundaria no Instituto de Foz, foi á Universidade de Santiago á Facultade de Física, facendo a especialidade de física de partículas. Fixo a súa tese de doutoramento tamén en Santiago, con longas estadías no CERN en Xenebra, e alí segue a traballar actualmente, nun dos eidos de investigación mundialmente punteiros, no acelerador LHC. Os seus traballos no ano 2012 no LHC están considerados como dos máis importantes logo do descubrimento do bosón de Higgs
Pero agora está contratado por Holanda, pois no estado español non ten sitio. Agora que comeza a producir, teno que facer fóra de Galiza. Poderiamos botar contas do investimento público na súa formación. Como revirte todo este esforzo na sociedade galega?

,Ademáis, moitos investigadores que conseguiron hai anos a Ramón y Cajal sinten gran frustación polos continuos recortes e a falta de incentivos e facilidades. O duro traballo de investigación non se recoñece nin se apoia no estado español, pois non se valora o coñecemento.

Mais non é soamente unha cuestión “romántica”. O pasado ano, a European Physical Society publicou un informe titulado “A importancia da Física nas economías europeas” no que revelaba a gran e significativamente crecente contribución das industrias baseadas na Física e no coñecemento á economía europea e á creación dun postos de traballo de persoal altamente cualificado. No Foro do Emprego celebrado recentemente, unha empresa holandesa viña buscando un altísimo número de físicos e enxeñeiros para traballar en Holanda. O de Alemania e os postos de traballo para persoal técnico altamente cualificado xa o coñecemos pois estivo varios meses nos medios de comunicación, e un longo etcétera. E en Galiza, que? Nin siquera somos quen de facerlle un oco aos que queren volver.

En educación, en investigación e desenvolvemento, contrariamente ao que defende o Partido Popular, menos con menos é menos, e o único que se xera é máis pobreza e máis desigualdade. Esta política de recortes é suicida. Tomando como punto de partida unha entrevista ao propio Diego Martínez: “un país pode ter futuro se ten recursos naturais, xente capacitada cun alto nivel educativo e unha industria que poida xerar valor engadido; se non, so fica ter man de obra barata”. Os únicos recursos naturais que semellan interesar actualmente son os da megaminaría e a expoliación colonialista de minerais. As pouquísmas industrias que temos que poden xerar algún valor engadido como Pescanova xa vemos como están.

Estase a debater no Parlamento de Galiza a Lei de Investigación e Innovación. A asociación de investigadores galegos do programa Parga Pondal e o BNG propoñen que a Lei inclúa a creación dun corpo de investigadores. Que se defina a carreira investigadora. A investigación desenvólvese a partir do capital humano, e a innovación aséntase na investigación. En Euscadi e Cataluña xa existen estas leis que desenvolven a carreira investigadora, e xa están a colleitar os froitos. E máis lonxe, en Ecuador hai unha forte aposta pola educación superior e a investigación, pois é considerada fulcral no desenvolvemento do país. As portas están abertas sen límite orzamentario para contratar doutores e licenciados ecuatorianos e estranxeiros para construír un tecido universitario e investigador. Tamén investigadores galegos están xa desenvolvendo alí o seu traballo con ilusión, e co recoñecemento e apoio que aquí non teñen.

Isto sen dúbida debe ser o cerne en calquera lei que aborde a investigación e a innovación en Galiza: recursos humanos, orzamento e eidos estratéxicos para a investigación e innovación. O resto é retórica baleira e titulares sen contido.