Queremos Galego vai a Bruxelas... e a Xunta preocupada

Queremos Galego vai a Bruxelas... e a Xunta preocupada

O pasado 16 de abril, o xornal El Correo Gallego recollía unha información que falaba dun relatorio da Consellaría de Educación sobre a visita da Plataforma Queremos Galego a Bruxelas.

Este relatorio, que polo momento só se coñece a través da información dese xornal, parece que foi elaborado coa intención de desmontar a importancia das reunións que a plataforma mantivo aló.

Canto tempo levaría elaborar ese relatorio? Como se elaborou? Elaborouno persoal da propia Consellaría ou foi preciso contratar algunha asistencia externa para chegar a esas conclusións? Os extractos do relatorio que aparecen nesa noticia inclúen valoracións totalmente subxectivas, relacionadas co disque escaso interese dos contactos estabelecidos, por exemplo.

Sería verdadeiramente interesante podermos ler a literalidade dese texto, pois quizais así puidésemos comprender mellor o estado da paranoia dos nosos gobernantes. Non é este lugar nin estou eu cualificada para facer unha análise psicolóxica derivada dese relatorio que alguén na Consellería de Educación sentiu a necesidade de encargar.

En calquera caso, parece que esta Consellaría está a facer un esforzo importante destinado a facer comprobacións sobre os contactos europeos dunha plataforma de entidades. Para outras cousas, o traballo e as suxestións de Queremos Galego e doutras entidades é transparente, non interesa. Mais ese esforzo dá que pensar que algunha influencia ten o traballo social a favor de galego. Unha influencia que desde a Xunta de Galiza queren desmontar.

A capacidade das institucións para influíren na sociedade vén por moitos lados. Ademais de que os medios de comunicación transmiten a súa mensaxe, os responsábeis políticos teñen a capacidade de decidir sobre os obxectivos xerais da xestión. E catro anos seguramente dean para moito se falamos de modificar a tendencia da imaxe social da nosa lingua.

As entidades que conforman a plataforma Queremos Galego teñen outras ferramentas ben diferentes, como calquera pode imaxinar. A comparación é de risa, claro. Mais non é de recibo que a Consellaría de Educación, con todo o traballo que ten por facer e todas as frontes que ten abertas, dedique recursos humanos e económicos a investigar esa visita.

Todas as persoas que levamos, dun xeito ou outro, uns meses protestando contra o decretazo e contra canta medida aproba esta Xunta en contra do galego, sabemos que temos motivos. Estamos coa verdade por diante e sabendo que defendemos algo xusto sen irmos contra ninguén. Sabemos tamén, porque andamos polas rúas e vemos a realidade social das nosas cidades, vilas e aldeas, que o galego non está no seu mellor momento. Igualmente, sabemos que o actual goberno non cre ter o deber de facer nada para modificar esa situación. Mais o descaro das súas actuacións e a manía persecutoria contra as entidades que lles lembran as súas obrigas comeza a ser preocupante.

A mesma plataforma xuntou 7.000 persoas en Pontevedra nun concerto reivindicativo o pasado sábado . Haberá alguén na Consellaría de Educación preparando un relatorio sobre este tema? Quizais nese relatorio se falará de que esas persoas foron obrigadas? Ou falará de que había moitos castelán falantes?

Non sería mellor que o goberno autonómico se centrase nas súas obrigas e deberes? Cando os estudos falan de que o galego perde falantes a unha velocidade preocupante, que pensa a persoa que encargou o tal relatorio? Encargará outro para ver que poden facer para parar esa tendencia? Ou estarán preparando máis medidas para acelerala?