Quén se morde a lingua?
Fai uns días chegou ao meu correo electrónico unha de tantas misivas ás que nun principio non lle dou moito creto, pero que, nun momento de certa calma, puiden determe nela con posterioridade. A cita en cuestión era un manifesto de "supostos" intelectuais (algún día alguén poderá explicarme onde hai que rexistrarse como intelectual ou se hai que facer algunha oposición, que estou moi interesado) que pedía ás autoridades/goberno español que o idioma castelán fose o único oficial.
Sen entrar en moitas consideracións de carácter lingüístico, que para iso existe xente de sobra moitísimo máis preparada que quén rubrica este artigo para afondar en consideracións de fondo calado, gustaríame esbozar unha serie de cuestións.
No mencionado manifesto fálase de imposición doutras linguas por riba do castelán, de persecución oficial ou de superioridade destas linguas sobre a grande e única. Non sei se vivo fóra do mundo real ou son un avatar customizado que se infiltrou entre o resto dos mortais, pero pode alguén explicarme que realmente o castelán está en perigo na nosa terra? De verdade que podemos chegar a este tipo de definicións tan falsas como reaccionarias polo simple feito de terxiversar a realidade e conseguir os obxectivos dun grupo de elite capaz de falar por todos nós? Será o tempo dos mesías sen barba, dos mecenas autocráticos que marcan o futuro desta masa inxente que chamamos sociedade e que, pobriños eles e elas, non saben o que queren?
Sigo preguntando, se falamos de imposición non estaremos retroalimentándonos dun pasado que parece que algúns queren esquecer xa que formaron parte activa e hoxe en día seguen acubillando esas ideas de absolutismo ilustrado? Falemos pois de pasado, falemos de cómo no Perú, señor Vargas Llosa, malviven o aguaruna, o matsés, o quechua, etc, acaso quere vostede eliminar parte da cultura do seu pobo? do seu estado? da súa nación? Acaso é máis fácil ir eliminando rasgos, culturas, definicións propias e identificativas para crear monstros, grandes, que todo o poden, para anular conciencias e dirixir as súas vidas? Todo isto sóanos verdade? Cantas igrexas, rexias, hai nos pobos de América Central e América do sur erixidas co seu ególatra dogma enriba dos cadáveres de xente autóctona (o que vostedes chamarían indios, indíxenas ou aboríxenes co desprezo máis absoluto ) ou dos seus templos? Realmente é iso o que queren, unha globalización mundial da cultura, ou da ausencia desta? Entón, xa que logo, poñámonos xa e aprendamos inglés, ou chino que debe ser o idioma máis falado no mundo.
Volvamos ao inicio, onde ven vostedes a inferioridade do castelán con respecto ás outras linguas de territorio conquistado? Realmente se vostedes o ven así, non deberíamos falar de inferioridade senón de torpeza, case que de inutilidade. Explícome, por si fixera falla. Se coa cantidade de medios de comunicación que hai expresándose en castelán, coa cantidade de xente que só fala castelán, co inmobilismo dalgunhas administracións e coa desleixa da xente en conservar un patrimonio de todos e todas, se con todo iso seguen vendo inferioridade, señores e señoras, con todo o respecto do mundo, poden considerarse uns verdadeiros inútiles e dende logo que eu non contaría con vostedes para nada. Que uns pobres incultos no cu do mundo lles gañen a partida...
Por certo e como dato obxectivo, saben vostedes que a lingua común que vostedes consideran (castelán por si alguén anda despistado/a) atinxe a menos do 60% da poboación do Estado Español? E se ampliamos fronteiras tampouco é que o teñan moi fácil.
En definitiva, que todo isto é para chegar a un fin, vamos palla para o palleiro. Ao que quería chegar eu era aos asinantes. Parte deles xa non me merecen maior opinión, máis quixera determe sobre dous en concreto, pola súa proxección pública como escritores. Un deles xa o nomeei é Mario Vargas Llosa e o outro é Álvaro Pombo, e non é que lles teña manía, pero... vosoutros pensades que alguén que se sinta artista, ou que presuma de ter cultura (literaria neste caso) é quén de tirar pedras contra o seu propio tellado? Acaso alguén que saiba o que é cultura se dedicaría a ser asasino doutras polo simple feito de non dominalas, de non entendelas e non ter nin o mínimo interese en facelo? Se podo responder en alto fareino, NON, esa xente non é merecedora do seu propio pan nin do de ningún aplauso que os exonere da súa falacia, do seu mal. Acaso pensades que Scott Fitzgerald, Graham Greene, Ernest Hemingway, Frederick Forsyth, William Shakespeare, etc deberían estar illados da nosa opinión cultural polo simple feito de escribir noutra lingua? No fondo cal é a diferenza? Eu non a entendo, será escribir nun idioma que non entenden ou é que o idioma en si failles dano? Na miña aldea, humilde, a isto chamámoslle intolerancia, intransixencia ou IMPOSICIÓN, e pódolles asegurar que non temos ninguén co premio planeta ou co nobel.
Para rematar dúas cousas moi breves, a primeira é que para poder elixir en liberdade é preciso estar en igualdade de condicións nos parámetros que nos suxiran esa elección, non pode haber escolla se non hai cultura de información, cultura de igualdade, a partir de aí comezamos a falar cando queiran.
A segunda cuestión breve é a gran mentira de Galicia Bilingüe xa que na súa páxina web anuncian sen lugar a dúbidas a súa adhesión ao famoso manifesto. E digo que menten xa que pasan de ser bilingües a ser monolingües, vamos de "biólogos" a "monólogos", así que xa veremos si perden afiliación agora ou non, é o momento de ver o verdadeiro transfundo das súas intencións.