Quen publicou Cantares Gallegos?

A tradición crítica consagrou a visión dunha Rosalía de Castro reticente á publicación da súa propia obra. Segundo esta versión, foi a férrea decisión dun Murguía consciente do seu enorme valor a razón de que a primeira obra galega da poeta vise a luz. Ao modo d´Os Lusíadas que Camões logra rescatar das augas do océano, erguéndoos gloriosos sobre as ondas cristalinas que os terían consumido impunemente, tamén imaxinamos o historiador galego portando ocultos os manuscritos da obra fundacional da literatura galega contemporánea, até os dar entregado ao editor vigués Juan Compañel, salvos da ignorancia a que estarían condenados. O seu fatal destino, tan nefasto como o salitre que tería consumido o poema épico camoniano, foi ben outro grazas á determinación de Murguía, como tamén se deduce das palabras de García Martí: «El gusto de su vida solitaria y doméstica hubiese impedido la publicidad de sus obras literarias sin la voluntad decidida de su esposo. Sin Murguía, acaso no hubiesen alcanzado divulgación sus libros. Él lucha para obligarla a dar a la imprenta su primera obra, "Cantares", en el año 1863, después incluso de engañar a Rosalía, prometiéndole que la obra saldría con otro nombre».
Segundo o relato do esposo, só unha vez impresos os primeiros pregos de Cantares gallegos (1863), Rosalía se viu na obriga de redixir o resto da obra. A rapidez do acontecido imporía que moitos dos poemas fosen escritos da noite para a mañá, sen revisión posíbel. Nunha sorte de máxico trance, a escritora pon o ramo a unha empresa de cuxa existencia, ao menos nun primeiro momento, sería descoñecedora. Mais resulta difícil acreditar neste feito, como tamén son inverosímiles as palabras de Murguía ao nos asegurar que as sesenta oitavas do Conto de Vidal foron compostas dun só golpe e sen erguer a pena do papel.
A espontaneidade de que Murguía reviste o proceso creativo dos Cantares acentúa o valor de Rosalía como poeta verdadeiro, dotada dunha habilidade innata para a versificación, cuxos primeiros froitos xa se manifestaran desde os once anos de idade. Nunha sorte de trance xenial, case que arrebatada, os seus versos abrollan de forma natural e logran ser expresión aínda non superada do espírito popular ou «volkgeist». A autenticidade da obra e, sobre de todo, a súa «casual» publicación, son dous motivos intelixentemente brandidos por un Murguía moito consciente das fendas que podían facer cambalear o predio.
Mais a resistencia de Rosalía de Castro a que os seus Cantares vexan a luz resulta moito confusa, por máis que creamos columbrar algún dos seus desencadeantes. Contrasta de forma radical coa moza que tan activamente participara nas actividades do Liceo de la Juventud compostelán e, xa instalada en Madrid, dera ao prelo o seu primeiro poemario en español, sen se acubillar endexamais en pseudónimos masculinos que terían feito máis doado o camiño.
Sen dúbida, para respondermos con tino á pregunta que dá titulo a este artigo, cómpre termos moi presente que Rosalía de Castro está sometida a unha lexislación para a que é invisíbel, o que condicionou o seu papel como escritora e podería explicar parcialmente o dificultoso proceso de publicación dos Cantares tal e como nos foi transmitido. Con efecto, cómpre non esquecermos que o visto e prace á petición de Anette Meakin para verter ao inglés a obra da escritora é dado por Murguía;[1] e tamén é el, como representante legal da esposa, o encargado de asinar o documento do ano 1866 en que se rexistra a venda dunha terra herdada pola autora de Follas Novas.
Do mesmo xeito, cómpre valorarmos adecuadamente en que consistiu o «patrocinio» atribuído a Murguía, dilucidar até que límite o esposo é considerado o seu promotor literario e o xestor dos seus éxitos e, sobre todo, comprendermos a existencia dos condicionantes legais e sociais que explican esta circunstancia. Considerando a relevancia que o historiador compostelán acada nos círculos literarios e políticos e, consecuentemente, o carácter beneficioso que esta situación comportou para a difusión da produción rosaliana, debemos, porén, cuestionar o carácter «decisivo e positivo» que á influencia de Manuel Murguía foi atribuído de forma case que irrefutábel, sen obviarmos que o sistema legal decimonónico exixía que fose o esposo o representante legal da sociedade conxugal, correspondendo só a el xestionar a tramitación das distintas publicacións e aínda os seus rendementos económicos.
Por conseguinte, se ben é certo que Rosalía se beneficiou dos contactos que o historiador xa establecera en Madrid, non é o autor de Los precursores quen a convence das súas posibilidades poéticas, xa que Rosalía, escritora profesional, foi sempre plenamente consciente da dimensión histórica que a súa obra había acadar. Con todo, o intelectual galego orientou, revisou e difundiu o traballo literario de Rosalía, mais tamén a escritora emprendeu pesquisas históricas en arquivos e bibliotecas en orde a completar estudos do propio Murguía, colaboración insuficientemente (re)coñecida e divulgada, mais que ilustra excelentemente a recíproca admiración e orientación intelectual que practicaron.
En definitiva, a crónica murguiana do proceso de publicación dos Cantares gallegos debeu de obedecer, xa que logo, a outras causas e intereses que as tradicionalmente transmitidas. Da nosa óptica, Rosalía de Castro non só era coñecedora dos pasos que daba o seu esposo, senón tamén artífice e indutora dos mesmos. As palabras que ela mesma expresa no prólogo que precede Follas Novas, referíndose á obra de 1863, son clara proba da súa importancia tamén no proceso de publicación dos Cantares: «N´era cousa de chamar as xentes á guerra, e desertar da bandeira que eu mesma habia levantado». Foron as limitacións legais e sociais (que a escritora ataca de vez a través da súa obra), o que nos permite comprender mellor a secuencia dos feitos. Así, as aspiracións de dignificación nacional que o matrimonio albergaba achan na publicación dos Cantares gallegos unha primeira batalla que librar, cuxo inesperado suceso sela o compromiso da escritora con aquel proxecto, de que é protagonista indiscutíbel, tamén na publicación da obra fundacional da nosa literatura renacente.
[1] O art. 52 da Lei de matrimonio civil de 1870 prohibía a publicación de escritos e obras científicas ou literarias de que a muller fose autora ou tradutora, sen previa licenza marital.