Que facer cos centros galegos?

Que facer cos centros galegos?

Castelao baixou do barco e puxo o pé nun dos peiraos da cidade de Nova York un día caloroso de agosto de 1938. Chegaba cun encargo claro: recadar apoios para a causa da II República española. Pero Castelao non deixou de lado nunca o seu principal obxectivo vital: Galiza. Entón, dedicouse tamén a traballar politicamente cos galegos que emigraran á Gran Mazá, pois a esta cidade tamén emigraron, e seguen emigrando, galegos e galegas, historicamente menos en número de que o fixeron á Galiza ideal que para el era a dos galegos do Río da Prata, onde entón estaba “a mellor patria que se me pode ofrecer”, pois á “Patria” non podía vir. Esta idea de que a estadía en Nova York ía ser temporal, porque o seu destino político estaba nas comunidades do sur, tamén o levou a que o tempo pasado nesa gran cidade non fora en algúns momentos todo o agradable que podía ter sido dentro dunha vida no exilio, pero foi unha estadía que se prolongou case dous anos, de agosto de 1938 a xuño de 1940. Os días en Nova York non foron desaproveitados, pois nesta cidade e detrás dunha xanela dun cuarto ensombrecido por un rañaceo, rematou a obra Os vellos non deben namorarse, fixo os debuxos de negros e haitianos, o album Milicianos, traballou noutros textos e expuxo os seus debuxos na galería Delphic Studios, en outubro de 1938, e que mesmo mereceu un breve comentario no xornal The New York Times.

Por si isto non fora pouco, Castelao non esqueceu nunca a súa condición de galego e que o seu ideal era unha Galiza liberada. Por iso traballou para organizar aos galegos nesa cidade e, grazas o seu esforzo, foi creada a Casa Galicia.

Sesenta e cinco anos despois entrei un día na Casa Galicia, agora situada no distrito de Queens, e non no Manhattan onde estivera orixinalmente e onde seguen tendo un edificio histórico que está declarado como patrimonio histórico desa cidade e que teñen alugado, -o actual tamén está declarado patrimonio histórico-. Cando entrei e dixen que quería facerme socio, a persoa que me atendeu tiña na chaqueta o pin do PP e estaba sentado baixo o retrato de Manuel Fraga, pero este xa había uns meses que non era presidente da Xunta, e o cartaz de Castelao, “Galegos de América, cumpride a manda dos vosos mortos”, estaba a un lado, cando era o que tiña que presidir o despacho, ou mellor aínda, tiña que estar nun sitio máis visible para que o viran todos ao entrar. Entón lembrei os versos dun poeta da Guarda, Francisco Álvarez Koki, emigrado nesa cidade e escritos vinte anos atrás:

Que foi de ti Casa de Galiza?
Quen escondeu a túa bandeira!
Berro esta tarde, berro!
Porque te ollo estranxeira.
Si Castelao soubese
Que xa non tes compañeiros
Que os ideais de aquela espera
Trabucáronse españoleiros.
Agora só formalismos
Só temos presidentes
Cerimonias paparruchas
Lerias fora dos dentes.
Nen a túa lingua falan
Nesta casa do teu nome …..

E é asi. Un día acudín a unha asemblea e a lingua era o español, pois, como hai socios que non son galegos!!! Algunha das aulas que dan, por exemplo, de pandeireta, danse en inglés porque os nenos xa non entenden o galego. Así, un non debe estrañar que o Día da Patria xa nin sequera sexa o Día de Galiza, senón que é o día de “Santiago Apóstol” e a folla que anuncia os actos, “La sardinada”, veña ilustrada cunha imaxe de Santiago matamouros de Carrión de los Condes, polo tanto, ningunha referencia aos nosos símbolos nacionais.

Fago este paseo pola miña memoria persoal a raíz de varios feitos ou novas recentes. Especialmente a proposta por parte da Xunta de Galiza dunha nova Lei de galeguidade, pero tamén unha exposición sobre as escolas financiadas polos emigrantes ou a recepción da medalla de ouro ao mérito cívico que o concello de Barcelona entregou ao Centro Galego de Barcelona ao ter cumprido os 120 anos de presenza na capital de Cataluña, medalla que quedou depositada no Museo do Pobo Galego á espera, sempre estamos á espera, dun Museo da Emigración Galega. E, aquí, permítaseme un breve inciso. Por desgraza a teoría dominante na práctica museolóxica é que a musealización de algo faise cando ese algo xa perdeu o seu uso ou papel orixinario, cando iso a musealizar xa é peza arqueolóxica; por desgraza, tamén, aquí a emigración aínda non perdeu o seu “uso”, pois podemos seguir dicindo aquilo de “este vaise e aquel vaise, e todos, todos se van”, outra vez.

Pero volvendo aos centros galegos espallados polo mundo. Hainos onde a emigración está estancada e os residentes envelleceron, polo que a actividade social non pode ser dinámica ou tan dinámica como se puidera desexar. Pero hainos onde a presenza da xente nova e forte, onde os contactos coa Terra son constantes, podendo falar mesmo de “transmigrantes”. Nestes lugares a actividade tiña que ser intensa, cara a dentro e cara a fóra, para aglutinar a xente e para tratar de facer visible no país anfitrión a presenza cultural e identitaria galega.

Camiñando polo barrio de Queens, onde está a sede da Casa Galicia, un pode ver como locen as bandeiras de Croacia, Brasil, Bosnia, pero especialmente a grega, en tendas e letreiros, desde perruquerías a tendas de roupa. Entrei algunhas veces nun comercio grego e sempre se dirixiron a min, ao principio, en grego. Con isto non estou defendendo o modelo americano, nin moito menos, nin entrar nunha guerra de bandeiras, pero si hai que facerse visibles e para ser visible tes que existir, e para existir tes que saber que es.
Un pode ser seareiro do Madrid, pero os centros galegos teñen que servir para algo máis que para ir ver un partido de fútbol, comer unha tapa de polbo ou ver ao presidente da Xunta en campaña preelectoral. Deberían servir, primeiro, para entender a emigración como unha parte dun proceso global de desigualdade, tamén no político; segundo, para reforzar e potenciar o orgullo de ser galego ou galega e poder falar o noso idioma coa cabeza alta; terceiro, axudar a que as novas xeracións, nacidas xa neses países de acollida, non perdan os lazos que os identifiquen como galegos e poidan sentirse orgullosos da historia vital dos seus antepasados e orgullosos de pertencer á cultura galega, aínda que neses países de acollida se teñan que expresar noutro idioma; cuarto, que a presenza dos emigrantes sirva para potenciar e vender a marca “Galiza”, os produtos galegos, pero tamén a cultura galega nun contexto de globalización. Entón, esa emigración podería axudar a colocarnos no mundo e a reforzar a nosa identidade de galegos e galegas.

E poderiamos seguir, que temos un patrimonio moi importante fóra do país que tamén temos que mirar por el, etc.

Os centros na emigración teñen un papel a cumprir na visibilidade da nosa cultura e da imaxe de Galiza como país diferenciado, tamén en levar a nosa cultura fóra. Por que non teatro galego en Londres ou Nova York? Por que non ser lugares para a formación e a expresión, lugares para axudar a mostrar a nosa historia e a nosa cultura aos outros e mostrar o que fixemos nesas terras? Non só ser centros para a nostalxia e a morriña, que tamén pode ser un dereito, pero hai que mirar ao futuro e o futuro virá si somos capaces de proxectar con orgullo unha imaxe propia dentro dun mundo diverso. Pero para isto hai que deixar de entender estes centros como canteira de votos e aos emigrantes como unha simple mercadoría nun discurso político sempre en clave de ir rabuñar un puñado de votos e diluíndonos dentro dunha identidade española.