Que Cristianismo?


O cristianismo é diferente; mais ten andado, como moitas relixións, os camiños ideolóxicos, institucionais, bélicos e de fatigas. Non é este o caso de analizaren igrexas, etapas etc da relixión cristiá. Só un apunte sobre o cristianismo.

CRISTIANISMO E XUDAISMO

Xesús de Nazaré era xudeo. Vivíu a infancia e a mocidade en Nazaré (Galilea), un lugar xudeo de 500 a 1000 habitantes; un lugar de refuxio de supostas familias davídicas. Xente de singular cultura-con sinagoga- e perspectiva mesiánica.

Xesús, aos trinta e tantos anos, abandona Nazaré; súmase aos discípulos de Xoan Bautista; crea o se propio discipulado; é un profeta itinerante con breves estancias en Cafarnaun e Betania.

Aínda que a historicidade dos feitos e da doctrina de Xesús sexa reducida, sabemos o suficiente que é común a todas as correntes formadas ao seu arredor no século primeiro:

Coñece, cita, respecta o xudaísmo, mais introduce elementos de tal calibre que lle ocasionan a morte en cruz.

O cristianismo -o xiro existencial de Xesús de mutación do xudaísmo- é o "anuncio": "O reino de Deus está presente". Xesús non se dedica a filosofar sobre Deus, mais entende que a visión xudea de Iahvé, "Ego sum qui sum", Eu son o que son, Eu son quen vos acompaña, ten que abrirse á que todo ser humano se sinta amado, coñecido e recibido.

O CRISTIANISMO EN SI

Xesús e os seus primeiros discípulos vivían nun ambiente xudeo no que a Biblia hebrea centraba a relixiosidade. Logo esta relixiosidade helenízase e latinízase. Se no judeocristianismo a "thorá"- a lei sociorrelixiosa- contradicía en parte a aceptación cristiá de Deus, vai acontecer algo semellante co helenismo, a latinidade e- a partir do século XVII, a Ilustración.

O cristianismo padece eses influxos; ás veces tais influencias encorázanno e perde a visibilidade . Mais segue aí: o cristianismo na súa orixe é anuncio do "reino de Deus".

Un anuncio escatolóxico. O cristianismo non necesita a relixión; pode vivir nun medio relixioso e impregnarse de relixión, mais nin é unha relixión, nin a precisa. Até agora os cristiáns pensaron necesitaren o soporte colectivo das formas relixiosas e reformularon constantemente as que foron acollendo ou creando.

Anuncio estatolóxico, "iso é o que constitúe verdadeiramente o cristianismo, aquilo que constitúe, din os teólogos, o "kerigma" do cristianismo, e dicir, a esencia, o esquema do que é promulgado, o esquema do anuncio. Que é o cristianimos? É o evanxeo.Que é o Evanxeo? É o que se anuncia, non os textos... Anuncio que vivíu alguén da mesma maneira que o anuncia"(Jean-L.Nancy).

O cristianismo é Xesús Cristo. Tal é así que o Evanxeo de Xoán, escribe: "Quen me ve a min, ve ao Pai", a Deus que o discípulo buscaba. Porque Xesús era visto xa como o ser humano na súa máxima posibilidade: un ser que se da a todos. Que é puro don, e o Deus que manifesta Xesús é iso: don, graza, presenza creante e salvante. É o Deus que salva. Mais a quen? A todos; nin o máis pobre queda fora do anuncio salvante. Todos invitados libremente á mesa . "Xa non hai grego, xudeo, romano, home, nin muller, hai un só Deus de todos e para todos"

O esforzo de Mateo e de Lucas por darmos unha síntese das palabras de Xesús -a ditas Benaventuranzas- son a "gutula" que treme nos beizos, porque só é capaz de suxerir.

"Queremos ver a Xesús", di o 4º Evanxeo; e todo o texto é unha laboriosa creación literaria a demostrar que hai razón para crer a mensaxe xesuática.

Coda. O cristianismo é busca, é anuncio, e apertura do ser humano, de todo ser humano, que camiña na paz, no esforzo e na seguridade de ser amado. É "amor até o infinito", é autosuperación, sempre na busca, a corazón aberto, da verdade, "Mara na Tha, amén".