Que ben se levan a Opera e o galego
Representouse estes días en Vigo e A Coruña a opera "O Mariscal", unha das tres compostas polo músico arquitecto Eduardo Rodríguez-Losada (A Coruña 1886-1973). Esta obra foi estreada o 31 de Maio de 1929 no teatro Tamberlick de Vigo pola imposibilidade de facelo no Rosalía da cidade natal do autor. O libreto require nada menos que a interpretación de vinte e seis personaxes, un dos motivos, quizais, polos que desta volta foi representada en versión concerto e coa interpretación de varios papeis (9) a cargo dos tres cantantes. A Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Joam Trillo, nado na aldea de Rons en Negreira, puxo a música a unha representación que pide a gritos ser escoitada completa e con toda a súa posta en escena.
Os artistas líricos, galegos os tres, foron a soprano ponteareán, mezzo nalgunhas pezas, Teresa Novoa, premio nacional de música de España no 2001, o barítono coruñés Javier Franco, baixo cando o requiría a obra, gran éxito este verán en Viena en María di Rohan de Donizetti e o tenor de Monte Alto Pablo Carballido posuidor dun fermoso timbre de voz.
Para completar a obra cómpre falar dos libretistas, nada menos que Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas. Xoán M. Carreira autor dunha monografía sobre o compositor di que a Vilar Ponte débese a idea e mesmo a estrutura da obra, xa que era escritor, xornalista e ata político pero non poeta. Correspondería entón a Cabanillas a escritura dos versos. A estrea de O Mariscal tense que interpretar como parte do movemento cultural nacionalista xurdido a raíz da creación en 1916, na cidade de A Coruña da Irmandade dos amigos da Fala, liderada por Villar Ponte, seguida logo pola constitución doutras agrupacións locais.
Centrémonos agora no protagonista do relato, o Mariscal Pedro Pardo de Cela. Sitúase o seu nacemento arredor do ano 1425 en Betanzos ou en Castrodouro, sendo fillo de Xoán Nunes Pardo de Cela, nobre de segundo rango baixo a protección da poderosa casa dos Andrade. A súa voda con Isabel de Castro, filla do conde de Lemos principal nobre galego e sobriña do bispo de Mondoñedo, achegouno a súa gran meta, a de ser un gran señor de Galiza. A dote do bispo foron as rendas do bispado o que lle levou a enfrontamentos cos sucesores do clérigo.
Trasládase a Viveiro á morte do bispo, onde chegou a ser alcalde e nomeado Mariscal polo rei Enrique IV, parece que pola súa participación na batalla de Olmedo, recibindo ademais importantes fondos económicos. Tamén actuou de encomendeiro, ou sexa patrón e defensor militar dos discutidos patrimonios eclesiásticos.
A Segunda Revolta Irmandiña (1467-1469) mobilizou a labregos, mariñeiros, burgueses, comerciantes e incluso a capas baixas do clero e da fidalguía, contra os señores das grandes casas galegas. Dos triunfos iniciais chégase ao contraataque feudal liderado por Pedro Madruga cunhas tropas aviadas con modernos arcabuces que acaban por derrotar a uns irmandiños presos de continuas disensións internas.
Non parece que o noso protagonista tomase partido polos irmandiños dada a súa condición nobiliaria e a mesma morte do seu irmán a mans destes, pero aquí comeza o controvertido da figura do Mariscal, con evidentes intentos de historiadores centralistas de diluír unha figura que a historia popular converteu en mítica.
É por elo que se bota a faltar unha obra definitiva sobre a súa figura, escrita por un investigador con prestixio, que nos poña luz a aqueles que gustamos da historia galega e nos achegamos aínda máis a Pardo de Cela despois de ter gozado coa obra operística.
A vitoria dos nobres sobre os irmandiños durou pouco, pois moi pronto volveron a estar envoltos en guerras dinásticas que levaron ao seu definitivo desarraigo do territorio galego. Así a pugna sucesoria na coroa de Castela entre Isabel e Juana, alcumada inxustamente a Beltranexa ao dicir que era filla ilexítima de Beltrán de la Cueva, provocou unha división entre os fidalgos. Isabel achegaba Castela a Aragón e Juana a Portugal.
Vese aquí outra discrepancia entre os que afirman que o Mariscal apoiou a Isabel e os que din que estivo no bando dos partidarios de Juana. O certo é que vencidos estes últimos, Fernando de Acuña, enviado dos reis católicos a "pacificar" Galiza, cerca a Pardo de Cela, último escollo, na súa fortaleza de A Frouxeira (Foz) onde este inicia unha feroz resistencia que da principio á lenda do personaxe. Así convértese entre o pobo no símbolo da liberdade de Galiza fronte a opresión de Castela.
A lenda e a mitificación acrecéntase co xeito que tiveron de acabar con el. Vendo a imposibilidade de conquistar A Frouxeira, Acuña compra a 23 defensores (23 traidores son moitos traidores) e Pardo de Cela enganado trasládase a Castrodouro (Alfoz) onde é apresado e sen xuízo previo condenado a morte por "cruel e poderoso". A súa dona que viña de Castela có perdón real, por servizos anteriores prestados, é entretida na ponte do Pasatempo (Mondoñedo) que se conserva hoxe en día, contándolle os felóns que non hai presa e que todo está xa amañado e o seu home a salvo. Mentres ao Mariscal córtanlle a cabeza na praza de Mondoñedo e, di a lenda, esta roda polos banzos do cadafalso cos seus beizos pronunciando as verbas "credo, credo, credo".
Lémbranos Manuel María, na súa obra inédita "Galiza" recen publicada, o poema popular: "De min a triste Frouxeira, que por treiçón foi vendida, derribada na ribeira, ca jamais se veu vencida. Por treiçón tamén vendido, Jesús nosso Redentor, e por aquestes tredores, Pedro Pardo, meu señor".
Sexa como sexa Pedro Pardo de Cela é un símbolo e referente histórico da resistencia de Galiza en contra de Castela e como tal o temos que ver. A súa figura unida a unha representación cultural de primeira liña como unha excelente opera, escrita e interpretada por galegos, énchenos de emoción e incrementa o amor a nosa terra.