Propaganda mediática, realidade virtual
Propaganda mediática, realidade virtual
Unha das cuestións que máis me interesan, polo que teñen de relevantes e centrais na deriva ideolóxica das nosas sociedades, é a dos mecanismos e modos nos que a sociedade do espectáculo nos condiciona e adoctrina, e nas maneiras nas que é posíbel hoxe construír e comunicar socialmente un discurso alternativo e antagonista ao capitalismo depredador no que vivimos.
Con ocasión da folga xeral todos e todas tivemos ocasión de comprobar novamente o poder e a capacidade ideoloxizadora dos media e a dificultade para defender, nos tempos que corren, a necesidade e importancia de contarmos con ferramentas de articulación colectiva e organizada dos intereses da maioría social, dos traballadores e traballadoras. Nas conversas con amigos e coñecidos seguramente non foi infrecuente ter que enfrontar os "non hai nada que facer", os "todos son iguais" ou os "todos miran polo seu", obxectivamente desmobilizadores e socializados de xeito nada inocente nin casual. Máis parecía que o problema eran os sindicatos e non a reforma laboral, e sobre o éxito ou non da folga non cabían esperanzas: o fracaso da mesma xa fora decretado polo piquete mediático desde semanas antes.
Como non son amigo de etiquetas modernuquis, marketings de última hora nin rebaixas ideolóxicas para vender mellor o produto, penso que a autocrítica é sempre oportuna, útil e pertinente, mais tamén que nin é necesario reformular a cada paso o que somos nin temos por que caír na trampa de confundir -mudándoos en sinónimos- traballo político con procesos eleitorais ou acción política con representación política nas institucións. Para outros os complexos. Podemos seguir sentíndonos atinxidos polos conceptos que nos definen con clareza desde hai décadas: nacionalismo, dereito de autodeterminación, anti-imperialismo, non renuncia á patria galega. A crise capitalista vén de demostrar outravolta a súa absoluta vixencia e pertinencia. Máis que nunca é tempo de actuar politicamente, de entender a necesidade da política para construír sociedades máis xustas e igualitarias e poder articular, ao tempo, convivencias non desde a imposición do fetiche baleiro do consenso, senón desde a aceptación normalizada do disenso, do desacordo.
Evidentemente expoñer isto así, de xeito sinxelo e con franqueza, será obxecto de inevitábeis sorrisos paternalistas por parte daqueles que ficaron presos do elitismo e da comenencia e botan man desa ironía cínica tan de dereitas -xa sabemos: desmobilizadora, antipartidos, individualista- para, mesmo desde posicións pretensamente progresistas, descualificar a todo aquel que se atreva a falar desde o entusiasmo, o activismo e a defensa duns determinados principios. Linlle hai pouco ao cineasta galego Oliver Laxe que nestes tempos de cinismo a paixón é revolucionaria. Acho que ten razón. O modus operandi é sempre moi similar: un día os adalides do sentido común disfrázante de pesado e anticuado pepitogrillo, o seguinte de iluminado ou falto de sensatez, para o outro de radical, comunista, augafestas. A estratexia será, sempre, colocarte fóra do marco do que é razoábel, normal, lóxico, moderno... isto é, fóra do marco de xogo que crea para si propio o discurso dominante, autopresentado sempre como non político, non ideolóxico.
Aínda conscientes desta grande capacidade de hexemonía ideolóxica do sistema, mantémonos na vontade de ligar as análises teóricas ao traballo diario na nosa práctica política, procurando mellorar na eficiencia e na eficacia e repensando as formas da nosa comunicación co conxunto da sociedade. ¿Como podemos hoxe, en que medida e de que maneiras, abrir fendas na rochosa armazón ideolóxica do capitalismo, que se invisibilizou conceitualmente como contido para facerse indiscutíbel como forma, como estrutura profunda da nosa sociedade? ¿Como facer chegar de maneira eficaz aos cidadáns e cidadás o noso discurso e as nosas propostas a partir da nosa condición de termo marcado, sendo quen, ao tempo, de non prender nin ficar residuais no silvareu cheo de trampas que calquer posición realmente transformadora vai padecer nas democracias capitalistas? A análise do papel dos medios resulta, obviamente, inevitábel e central para a cuestión que estamos a tratar.
Sabemos -advertíronnolo Chomsky, Zizek, Bourdieu e outros- como os medios eliminan, silencian, caricaturizan ou manipulan calquer tipo de alternativa realmente cuestionadora do modelo capitalista, facendo ver que só existe un camiño e que fóra del só é posíbel o caos, o fanatismo, a violencia ou a ausencia de liberdades. A imposición do modelo capitalista apenas resulta visíbel nas sociedades occidentais (faise visíbel e colle forma militar, iso si, cando se trata de democratizar outras, sempre lonxe de nós), polo cal a súa interiorización é aínda máis profunda e máis difícil de poñer en evidencia. O capitalismo é o campo de xogo; pódese escoller que equipo do bipartidismo decretado gaña -o espectáculo, para manter a sensación de liberdade, así o require- , mais non se permite poñer en cuestión a natureza inxusta das regras de xogo. Desta forma, o capitalismo transládasenos non como unha opción, senón como a condición pre-política necesaria para que podamos falar de democracia e liberdades. Calquer outro sistema ou calquer outra opción transformadora será tachada directamente de dictatorial, bárbara, tribal, autoritaria. Pensemos en Venezuela, Ecuador, Bolivia, ...
Zizek: A loita pola hexemonía ideolóxico-política é, polo tanto, sempre unha loita pola apropriación daqueles conceptos que son vividos "espontaneamente" como "apolíticos", porque transcenden os confíns da política.
O éxito de calquer tipo de adoctrinamento reside xustamente na súa aparente inexistencia. Ese poder hipnótico da dominación -do que falaba Virginia Woolf- evidénciase recoñecíbel en situacións como a oposición irracional de moitos estadounidenses de clase media-baixa a unha reforma sanitaria da que potencialmente son beneficiarios, ou no autoodio de moitos galegos con respecto á súa propia lingua, ou no machismo interiorizado de moitas mulleres con respecto ao seu rol social e condición. Explicábao perfectamente Bourdieu no seu estudo sobre a dominación patriarcal: "A forza da orde masculina queda en evidencia no feito de que prescinde de calquer xustificación propia: imponse como neutra e non sente a necesidade de se enunciar para se lexitimar". O sistema capitalista transládasenos, de igual xeito, como o único modelo posíbel e desexábel, e ademais da forma máis eficaz: sen que nos deamos conta. Os media, día a día, fan o seu traballo.
Resulta obvia pois a necesidade de contarmos con máis ferramentas de análise arredor do eficacísimo papel ideoloxizador que cumpren as industrias da comunicación e do lecer, e moi especialmente en relación á xente nova. De non coñecermos as chaves, métodos e estratexias de socialización das ideas nas sociedades actuais dificilmente poderemos axir con eficacia á hora de trasladar á cidadanía as nosas posicións, valores e propostas. A liquidación que busca agora o capital de todo aquilo que quedaba de Estado do Benestar conleva tamén unha maior individualización das relacións laborais, un debilitamento das ligazóns colectivas, o desprestixio das formas de representación dos traballadores e, en xeral, un avanzo cara unha sociedade menos organizada e, xa que logo, máis manipulábel. Saibámolo, actuemos e non permitamos, como de forma xenial denunciaba El Roto nunha das súas viñetas, que sexa a propaganda quen cree a realidade.