Producirmos cultura (I). A necesidade de industrias culturais propias

Producirmos cultura (I). A necesidade de industrias culturais propias

Escribía recentemente Manuel Xestoso, neste mesmo medio, un suxestivo artigo titulado Consumo, no que alertaba dos perigos de aceitar a conversión da cultura nunha mera mercadoría espectacular, carente de sentido formador e transformador. Compartimos a alerta, desde logo, e concordamos na percepción de estarmos a vivir a extensión dun modelo cultural basicamente espectacular, de evasión, no que o ocio, o lecer e o entretemento substituíron á cultura cívica e ao pensamento transformador.

Como se pode supoñer, a nosa posición é crítica e defende activamente a necesidade de repolitizar a cultura -no sentido de concibila como o espazo dos valores e das ideas para a vida común, o espazo da creación e do pensamento para a vida colectiva- e de desenvolver, desde as institucións, políticas públicas que avancen no que o propio BNG expresaba no apartado cultural do seu programa para as eleicións autonómicas de 2009: a cultura como ferramenta esencial para a cohesión, a transformación social e o afortalamento da consciencia e da identidade nacional e, parello a ela, unha política cultural con intención formadora no persoal e transformadora no social, que estimule a participación cidadá, apoie a creación artística, visibilice a nosa produción cultural e actúe como elemento de dinamización e vertebración territorial, social e económica do noso país.

Por todo isto quixeramos, desde unha ollada de intención complementaria á do artigo antes citado, realizar algunhas reflexións coas que achegármonos á natureza das industrias culturais galegas, á cuestión da lingua galega en relación a elas e á necesidade de políticas públicas específicas para o seu fomento.

Industrias do lecer e industrias da cultura

Durante as últimas décadas o campo das políticas culturais debateuse entre dous pólos contrapostos: a democratización cultural e a democracia cultural. Se o primeiro entendía necesario ampliar as posibilidades de acceso á cultura por parte dos cidadáns -desde unha perspectiva basicamente pasiva, de recepción- o segundo desexaba favorecer o protagonismo cidadá nos procesos culturais e apostaba pola vivencia social, directa, dos mesmos. Hoxe, inmersos nun contexto de rápidas e profundas mudanzas nos xeitos nos que a cultura se fai, se difunde e se vive, parece gozar de ampla aceptación a percepción destas dúas liñas de traballo como complementarias e non antagonistas.

Non foron alleas a esta mudanza os cambios que se deron neste tempo nas relacións dos cidadáns coa cultura, hoxe concretizadas a través dun abano moi variado de circuítos e soportes: da escola ao espazo familiar, do espazo doméstico ao público, dos medios de comunicación aos centros de ensino, do asociacionismo cultural aos espazos virtuais na Rede... Por poñer un exemplo, e aínda a risco de soar a boutade, non semella esaxerado afirmar que a cultura popular actual, de consumo cada vez máis doméstico e individual, é a dos filmes de Hollywood, a das grandes multinacionais da música, a dos contidos de éxito das televisións, a difundida masivamente a través da axencias informativas e a Rede. Esta cultura popular de masas está convivindo xa coa cultura popular tradicional, coa produción cultural local e coas outras dimensións culturais, de vivencia e sentido moito máis colectivo, cívico e socializador (cultura de base, amadora, formación e ensino, ...).

Nun contexto tal, no que as diferentes dimensións da cultura conviven e se mesturan no noso día a día, as políticas públicas teñen a obriga de definir que modelo de cultura queren apoiar, e por tanto de discriminar que ámbitos precisan de impulso público e cales non. A confusión terminolóxica existente non axudou: cómpre canto antes delimitar o que entendemos por industrias do ocio e do lecer (grande parte da produción musical, audiovisual, mediática, etc á que temos acceso sitúase realmente neste ámbito) do que son os sectores privados que traballan na produción cultural, e que poderiamos chamar máis propiamente industrias culturais. Unhas e outras existen, e conviven, mais entendemos que o papel das administracións públicas en relación a elas debe ser moi diferente.

Deste xeito, non parece moi razoábel que un teatro público municipal contrate e atenda por igual - por exemplo no gasto de comunicación ou na subvención dos prezos de entrada- espectáculos de produtoras claramente orientados ao entretemento -que poderían ser rendíbeis economicamente por si mesmos, a taquilla - e propostas escénicas que, pola súa natureza artística específica (risco, interese cultural ou patrimonial, experimentación, ...) nunca poderían chegar aos seus destinatarios sen medidas públicas de apoio. Ambas propostas son lexítimas e poden resultar satisfactorias canto ao seu interese e calidade, mais mentres no segundo caso semella plausíbel que exista soporte económico público -por motivos de interese cultural e social- que garanta a súa existencia e difusión, no primeiro dos casos resulta abondo discutíbel.

A necesidade de industrias culturais propias

Partir do presuposto anterior supón recoñecer, en todo caso, que a creación artística, no seu proceso, ten compoñentes económicas evidentes e unha dimensión mercantil definida e consolidada na sociedade actual, sen que iso sexa en si mesmo negativo. Os sectores privados da cultura galega xeran riqueza, emprego e valor cultural e simbólico para a nosa sociedade, e precisan, por tanto, de políticas públicas que os fomenten, necesidade alicerzada nunha dupla constatación.

Primeira: necesitamos industrias culturais propias para seguirmos tendo capacidade produtiva no ámbito cultural, é dicir, para facer visíbel a nosa identidade a través dunha produción cultural autónoma, non subalterna, e realizada noso idioma. Ou apostamos por mantérmonos como unha sociedade capaz de xerar contidos e discurso cultural ou, pola contra, aceitamos a nosa conversión nunha sociedade de simples receptores pasivos da produción das grandes industrias multinacionais do lecer e do ocio, a través, ademais, do filtro nada inocente dos conglomerados mediáticos españois.

Segunda: interésenos que ese tecido cultural privado gañe músculo, solvencia, autonomía e capacidade de ser rendíbel, e para logralo precisa de políticas de apoio desde o ámbito público. Como temos defendido historicamente, Galiza ten na súa identidade un activo para producir bens culturais de seu, mais xustamente esa especificidade e diferenciación resulta, a un tempo, un valor engadido e un condicionante no actual funcionamento dos mercados, motivo polo cal necesita ser apoiado desde a acción institucional.

Neste sentido, non percibo onde reside o problema de apoiar e alentar o consumo de libros, discos, filmes ou propostas escénicas galegas, sempre que esta política de fomento non supoña -e non ten por que facelo- prexuízo algún cara os demais ámbitos da acción cultural (e que particularmente considero centrais e estratexicamente máis relevantes: o coñecemento e vivencia individual e colectiva da nosa cultura e identidade, o fomento da lectura e da creación artística, a densidade cultural no territorio, etc).

Dito doutro modo: atender o campo das industrias culturais en ningún caso supón desatender outros. Xa que logo, disquisicións terminolóxicas á marxe, o apoio ás industrias culturais galegas pode e debe ser unha das liñas de traballo do nacionalismo nas institucións. O que cómpre, en todo caso, son políticas culturais dignas de tal nome, ou sexa, integrais, planificadas e estratéxicas, e que a través de ferramentas específicas -como a AGADIC ou o Cultur.gal para as industrias culturais- desenvolvan medidas en todos os ámbitos, empezando polos relacionados coa dimensión social, pasando por aqueles que o están coa creativa, a patrimonial e a turística e acabando, con clareza e sen medos, polos sectores culturais privados que conforman o que se deu en chamar a dimensión económica da cultura.