Predicar co exemplo
Hai pouco máis dun mes que o Goberno da Xunta de Galiza presentou o anteproxecto da Lei de convivencia. Fíxoo, como é habitual neste goberno, en período vacacional e sen consulta cos axentes implicados. Unha vez analizado o anteproxecto, vemos que o presentado non é máis que unha simple escusa para levar a cabo unha regresión nos dereitos do alumnado e do profesorado.
Por un lado está a polémica cuestión da consulta ás familias no que se refire a aspectos relacionados directamente co que até o momento eran competencia da administración ou do profesorado. O texto pretende darlle rango de lei ás "preferencias individuais ou colectivas das nais e pais ou titores dos alumnos, dos propios alumnos se son maiores de idade e, de ser o caso, doutros membros da comunidade educativa, sobre aspectos determinados da programación xeral do ensino" (artigo 29.2), o que supón unha intromisión até o momento nunca vista nas funcións docentes e a perda da calidade educativa do alumnado.
Por outra parte, no que respecta á lingua galega, temos o exemplo do acontecido o ano pasado coa polémica consulta ás familias respecto á lingua vehicular no ensino: tanto o procedemento como a metodoloxía das consultas resultaron tan nefastas e tan manipuladas que a suposta libre elección dos pais e nais non era tal, ao se introduciren preguntas capciosas nos inquéritos.
De se aprobar a Lei de convivencia e participación da comunidade educativa, o alumnado galegofalante verá coutados novamente os seus dereitos para ter un ensino na súa lingua propia, e de novo asistiremos a confrontacións dentro dos centros de ensino que non achegan nin un ápice da convivencia para a que supostamente está feita esta Lei.
Ben polo contrario, o que se conseguirá será efectivizar, baixo unha aparencia pseudodemocrática, o antollo dun goberno que pretende deseñar un modelo educativo regresivo e autoritario, galegófobo e ultraespañolizador.
O discurso do Partido Popular queda en evidencia cando escoitamos dicir ao Presidente da Xunta de Galiza, hai apenas uns días, que van reducir un 30% os gastos dos concellos aos que accedan nas vindeiras eleccións municipais, e por outro lado, lemos no texto que con esta lei pretenden impulsar a figura de autoridade pública do profesorado.
Agora ben: que autoridade vai ter un docente cuxa programación, feita con criterios pedagóxicos e baixo o consenso dun equipo de profesionais especialistas na materia, queda supeditada a unha "consulta" tal vez manipulada e na que se cuestiona precisamente a valía do profesorado?
E por outra parte: que exemplo de austeridade é para os concellos ver como o Goberno da Xunta gasta inutilmente centos de miles de euros en consultas sen ningún tipo de rigor científico que o único que fan é dividir a sociedade cada vez máis e ir en contra dos nosos símbolos nacionais?.
Esta é a maneira de actuar do PP: a procura da confrontación. Non lles viría mal predicar co exemplo e practicar o diálogo para asuntos que atinxen ao conxunto da sociedade, como é o tema do ensino.
Porén, na loita polos dereitos do alumnado e do profesorado están Galiza Nova e a CIG-Ensino que xa comezaron sendas campañas de información e recollida de sinaturas contra a prepotencia de quen pretende implantar en Galiza o esquema reaccionario das políticas educativas da Comunidade de Madrid.
Así como o Consello Escolar de Galiza rexeitou por maioría o anteproxecto, igual que fixera co Decretazo contra o galego, pídese a todo o alumnado e a todos os claustros dos centros de ensino galegos que se manifesten en contra dunha Lei que prexudica a todos e a todas e que de convivencia ten pouco. Só deste xeito poderemos demostrarlle que a convivencia e o respecto gáñanse a pulso, e non de maneira autoritaria e demagóxica como fai este desGoberno que temos.