Porto, Oliveira e a forza da palabra e da cultura

Porto, Oliveira e a forza da palabra e da cultura

O cineasta Manuel de Oliveira (1908) é algo máis novo que Buñuel (1900) e máis vello que Antonioni (1912), que Bergman (1918), que Fellini (1920), que Resnais (1922) e 22 anos maior que o contrapelo Goddard (1930). Nomes de directores, de interrelacións inseparables na historia do cine. Oliveira é considerado denso, barroco, intelectual. Difícil, como a súa mesma terra, incomprensible por soportar a cargada de tanta e tan contraditoria Historia:Porto, na vella Gallaecia Bracarense. Defensor do cine de resistencia, da arte fronte á comercialización e á escravitude do espectador. Autor preciosista, de insultante e barroca pureza, sobredourada con retranca de oito estralos, pese ós medios e ó tempo gris que couta liberdades. Xenio para os menos, aburrido para os máis. A Generalitat de Cataluña deu outra lección ó concederlle en Valldigna no 2002 o Premio Mundial das Artes.

O Porto e o Douro están máis preto de Galiza do que sabemos. É unha historia común dende a Prehistoria. E até ven entrado o século XX, as relacións foron máis das que son. O Romanticismo galaico reavivou o seu europeismo mirando a esta grande cidade. Nesa liña está o cineasta Manuel e Oliveira que neste 2013 cumpriu 105 anos de historia e coa media dunha película rodada por ano. Tripeiro de ida e volta, nacido nunha familia acomodada de fabricantes de bombillas...e velaí a luz, a galaxia da arte dos Lumiere. Amante da rexión do Minho e da Galiza na que a partires do 1919 formouse xunto co seu irmán neses primeiros anos que tanto marcan. Foi baixo o Monte do Tegra, mirando á foz do Miño, na Pasaxe de Camposancos, no colexio xesuítico. Edificación con tanta historia silenciada, de sobranceiros mestres e discípulos: alí impartiu clase o biólogo Baltasar Merino, o historiador Padre Fita e formóuse Tomás Gomez Carral, fundador do Seminario Pontifico de Comillas, os irmans Arana, e alí tivo orixe o nacionalismo vasco e a Universidade de Deusto; aulas polas que pasou Lousada Dieguez, o astrónomo Aller Ulloa, Crespo Pozo ...e sairon predicadores de sona, como o padre Xosé Rubinos…para logo trasladarse a Orde a Vigo e na guerra civil, o Colexio da Pasaxe ser checa de triste memoria e hoxe un escorial en ruínas. Leccións de identidade, teoloxía e mística que prenden na obra de Oliveira e súmanse ó labirinto cultural. Como en Ulises, en Oliveira sempre hai un retorno ás orixes e velaí a súa orixinalidade. Pese a vivir e enfrontarse ós visionarios de Fátima e Batalha, á ditadura de Salazar.... Sendo vixiado e detido pola PIDE.

Nos inicios o cine mudo vive prendido ó universo dos pavillóns de feira e de festa. Oliveira incluso chega a figurar como actor en algunha película rodada en Lisboa. Disfrutamos hoxe, vendo as versións remasterizadas do seu “documentalismo social”, o que nos mete na marxinación, nas frustracións nacionais e individuais: “Douro Fauna Fluvial” de tanto valor etnográfico no cotián da Ribeira portuense no 1931, baixo as pontes de ferro á moda de Eiffel, tipoloxías de naves, apeiros de pesca, carros...a xente. Filmes de vangarda, baixo a influencia dos documentais soviéticos. Xénero que non abandonara e velaí do 1983 “Lisboa Cultural”. Outros filmes das mesmas características testemuñais perdéronse. Consérvase “Famelicao” do 1941 para recoller a vida desta urbe próxima ó Porto, célebre polas súas feiras, a industria reloxeira, de mobles e con tanta incidencia en Galiza. Do 1942 é o longometraxe “Aniki Bobo”, precursor do neorrealismo, recollendo a vida dos nenos da Ribeira do Porto, entre os contraste barrocos, o devalar dos reflexos abstractos no Douro...Na obra de Oliveira pervive prendida a linguaxe teatral da “posta en escena” , herdadas das orixes, os planos e os diálogos extensos e intensos.

Seguen os sórdidos anos de ditadura, de censuras, nos que pese ás limitacións, no 1972 roda “O pasado e o presente” drama sobre a insatisfacción dunha viúva reiterada que remata idolatrando ós seus antigos maridos. Até aquel 25 de abril do 1974 soamente filmou unha ducia de películas, fundamentalmente documentais: “Acto de primavera”, “A Caza”, “As pinturas do meu irmau Julio. Co fin da ditadura chega a apoteose, roda “Benilde ou a virxe Nai”, no que pon mirada irónica sobre os tabúes da burguesía lusa: unha moza queda embarazada por obra e graza de non se sabe quen. Visión sobre o enigma da relixión e de Deus. No 1977 Viaxe ó principio do mundo”, interpretada por e para un Mastroiani que se despide do cine e de vida: tres actores, un director de cine e un chofer viaxan por un lugar habitado de lembranzas e rancores para meditar sobre a fugacidade. O seu é cine para a reflexión, no que, como noutros xeniais contemporáneos, Buñuel, Bergman ou Fellini, entran as contradicións de clase, as crenzas, sexo por medio e cuestións freudianas…filmes para ver varias veces e enxergar.

O amor polas orixes ponse de manifesto na mirada ó romántico novelista do norte, Camilo Castelo Branco, a novela “Amor de Perdiçao” será o argumento dunha das súas películas do 1979. Autor que endexamáis perderá de vista. Roda tamén o “Zapato de raso”, sobre o drama teatral romántico de Paul Claudel: máis de 400 minutos de planos largos e largos parlamentos, polo que recibe o León de Ouro do Festival de Venecia de 1985. En 1988 “Os canibaes”, nova crítica ó ensimismamento da burguesía. Do 1990 é “Non á vana Gloria de Mandar” sobre a Historia de Portugal.

A obra de Oliveira multiplícase na década dos noventa: no 1992 roda “O día do desepero” sobre os últimos días e o suicidio do seu admirado Castelo Branco na casa de San Miguel de Ceide, en Fameliçâo. No 1993 “Val de Abraham”, esteticismo, filigrana de imaxe, palabra e música. No 1995 “O Convento”, baseada na novela de Agustina Bessa- Luis ... e seguen varios outros films, entre eles“As terras de risco” na que interven Catherine Deneuve, actriz á que recorre para outras películas. Argumento no que os persoeiros son vítimas do azar, o “fatum” (codicia, orgullo, amor) mesturando perfiles. Obra considerada posmoderna, caracterizada polo seu espírito irónico, liberalizador, crítico e desmitificador. Do 1997 é “Inquietude”, drama en tres historias que converxen na inmortalidad. No 1999 destaca “ A Carta”, cine arriscado sobre o drama de Madame de Lafayette, película pola que recibirá o Premio do Xurado no Festival de Cannes…novamente sobre os paradoxos da burguesía. Oliveira aplica seriedade ás cousas serias e faino con esa retranca galaicoportuguesa case perdida fronte ó consumismo. Obra dirixida á xente intelixente, con certo desprezo á mediocridade prendida ós seriais e ó escándalo. No 2000 roda “Palabra e utopía” sobre os sermóns barrocos dun predicador xesuita do século XVII e o seu encontro coa inquisición no Brasil. A autodefinición en “Vou para casa” do 2001, sobre o teatro: a historia dun vello actor que se nega a protagonizar un telefilm sobre sexo e terror, para preferir quedarse nun segundo plano dunha adaptación do Ulisses de Joyce. E “Porto da Miña infancia” do 2001, “Unha película falada” do 2003, novamente coas súas actrices preferidas, Caterine Deneuve ou Irene Papas. Cine baseado na forza da palabra e a cultura a través dun itinerario que leva do Atlántico ó Exeo, nunha Europa en crise, a autodestrución da cultura…. “El Quinto imperio” (2005) “Belle de Toujurs” (2006), homenaxe a Luis Buñuel...… “Cristobal Colón, o enigma” no 2007, o acontecer dun historiador que busca a identidade de Colón ....”Singularidades dunha rapariga loira” argumentada nunha historia do seu Eça de Queiroz. E dende o 2010 “O extrano caso de Angelica”: un pintor que recibe o macabro encargo de facer un retrato dunha moza morta.... Debate sobre a morte e a beleza, crítica á rutina entre o surrealismo, o real e o fantástico.

Oliveira é Oliveira, e SER é difícil entre tanto prefabricado. Non deixa indiferente e pon a proba o valor universal do local, o humanismo. Un clásico contemporáneo galaicoportugués.