Pontevedra: máis que un percurso literario

Pontevedra: máis que un percurso literario

O pasado 16 de decembro o Equipo de Normalización Lingüística do IES Concepción Arenal de Ferrol organizou una excursión á cidade de Pontevedra co obxecto de realizarmos unha pequena homenaxe aos escritores nados ou vinculados dunha maneira especial á cidade. A excursión, integrada por corenta e cinco alumnos/as de segundo de bacharelato, tiña por obxecto, ao mesmo tempo, dar a coñecer ao noso alumnado o diverso e pouco ensinado patrimonio monumental do que dispomos, así como apreciar de cerca esoutro modelo de cidade, de centro histórico, que se está a construír desde o Concello de Pontevedra.

Este tipo de actividades, que temos denominado co epígrafe O escritor na súa terra, tentan levar a cabo unha aliaxe entre elementos culturais, históricos, patrimonio monumental e paisaxístico, moi necesaria para un mínimo coñecemento e posta en valor das riquezas existentes no territorio galego. Só pretende este artigo servir de modesta experiencia para outros Centros de ensino, entidades veciñais, asociacións culturais, etc., e mostrar o enriquecedora que foi para todos a visita a Pontevedra. Aproximadamente ás once da mañá fomos recibidos polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e pola concelleira Carme da Silva, que acompañaría coas súas explicacións o noso percorrido o resto da mañá. A todos nos sorprendeu gratamente a amabilidade e implicación do alcalde cun alumnado que ía dun Centro doutra cidade, respondendo as súas preguntas e explicando dunha maneira amena e pedagóxica como se foi recuperando o Centro histórico da cidade para os veciños, potenciando as actividades do pequeno comercio, retirando progresivamente o tráfico rodado masivo dos principais espazos urbanos, reducindo o número de accidentes de tráfico, e facendo partícipe a veciñanza dun modelo que deberan tamén imitar outras cidades. Precisamente por estas medidas que favorecen a calidade de vida e a habitabilidade, está a recibir recoñecementos mesmo de carácter internacional, o último deles o Premio Hábitat. Aproveitamos a ocasión, finalmente, para animar o alcalde sobre a importancia de aproveitar e promover o potencial cultural e literario co que conta Pontevedra para un “turismo” alternativo que se asente máis nos valores propios.

A partir das doce contamos cun guía excepcional polo seu coñecemento do entorno, ademais de paciente para se dirixir aos mozos e mozas presentes, Fernando Filgueira, fillo de X. Filgueira Valverde, que nos orientou polos principais lugares de interese do casco histórico, un dos máis importantes logo do de Compostela. Presentouse unicamente como médico xubilado, mais axiña todos puidemos descubrir un home amante da súa cidade e coñecedor da súa historia, dos seus monumentos e da súa cultura, en definitiva un auténtico humanista, que lle puxo a guinda a nosa xornada recitando unhas cantigas do pai no Convento de San Francisco. Conduciunos desde a Peregrina, a igrexa de factura portuguesa, polas prazas e rúas que ilustran a conformación da cidade medieval, os restos da cerca, a igrexa de Santa María, que conta cuns rechamantes retablos gravados en pedra no interior da fachada oeste, a rúa Galera, que daba a un estaleiro onde se tería construído a Santa María, chamada tamén a Galega..., un dos feitos que se relacionan coa orixe galega de Colón.

,
A visita ao Museo de Pontevedra, onde os alumnos leron a carta Meu Pontevedra! escrita por Castelao no exilio, deunos pé para soñar con ese gran Museo Castelao que, en xustiza, merece o autor e merece a patria coa que tanto se identificaba. Ollando as súas acuarelas, os seus Cegos, Cego con lazarillo..., non se pode máis que imaxinar a urxente necesidade de ver xunta toda a súa obra gráfica, pictórica e plástica.

A cidade de Pontevedra foi berce ou morada elixida de tantos e tan sinalados escritores galegos que daría lugar a un senlleiro percorrido polas principais etapas da historia da literatura galega. Podemos comezar pola etapa de esplendor da lírica trobadoresca, escollendo o exemplo de Paio Gómez Charinho, señor de Rianxo, mais afincado en Pontevedra. O sartego da súa tumba e o da súa dona están na igrexa do convento de San Francisco. Nobre, militar e trobador, foi Adiantado Maior do Reino de Galiza...; seguramente é unha das historias ilustrativas do papel que xogaron algúns nobres naquel momento.

Frei Martín Sarmiento, nado en Vilafranca do Bierzo, vive desde os primeiros meses da súa vida na cidade de Pontevedra. A súa morada, a carón mesmo da actual ubicación do Museo de Pontevedra, conta cunha placa desde o 2002 en que se lle dedicou o ano das Letras Galegas; era a antiga rúa da Feira ou da Compañía. Sarmiento foi unha das figuras clave da Ilustración para comprendermos a denuncia do silencio dos Séculos Escuros e a reacción desde supostos científicos e pedagóxicos dos ilustrados.

Xoán Manuel Pintos, considerado un dos Precursores coa obra A Gaita Gallega, publicada en 1853, tamén naceu en Pontevedra (O Burgo). Foi homenaxeado dedicándolle as Letras Galegas de 1975 e ten placa conmemorativa no seu barrio natal e mais outra do 2003, conmemorando o 150º aniversario de publicación da antedita obra. A súa figura serve para explicarmos o o renacer literario do século XIX.

E, xa no XX, pódese comezar por Castelao que consideraba Pontevedra a cidade da súa vida e da súa obra; nela viviu entre 1916 e 1936, segundo confesou, os mellores anos da súa vida. Amado Carballo para explicar a Xeración das Vangardas e a especificidade do fenómeno no caso galego. Ou Filgueira Valverde para nos referir á Xeración do Seminario de Estudos Galegos e ás consecuencias da Guerra na mesma.

Quizais Pontevedra conte con máis escritores homenaxeados que calquera das outras cidades galegas. Mais os percursos literarios poden desenvolverse en todas elas en maior ou menor medida e mesmo en vilas e aldeas. Sirvan como mostra contrastada do dito os realizados en homenaxe a Díaz Castro e aos escritores de Lugo, con visitas á cidade e á Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei; a Ruta d’A Esmorga en Ourense ou a dos poetas en Celanova; o ruta polos lugares rosalianos; a do Caurel e Novoneira, etc.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.