Pois claro que é unha folga política
Acusa o Conselleiro de Educación aos profesores que andan a se manifestar e a realizar paros académicos de que están a facer unha folga política É a mesma acusación que, nas súas respectivas comunidades, repiten as autoridades educativas de Madrid e Castela-A Mancha.
Como diría Arzalluz, onde buscan, de onde sacan a estes individuos? Certamente, en ocasións semella que os cargos públicos son elixidos ao chou. Dáse como cousa certa que, cando o coruñés Eduardo Dato viña de ser nomeado Presidente, mentres paseaba polo Retiro co político andaluz Francisco Bergamín, comentoulle que non sabía a quen nomear Ministro da Guerra. Cruzáronse cunha rapaza fermosa e o andaluz dixo: "Haga uzté miniztro a eza". Dato, que andaba, loxicamente, preocupado e nin tan sequera vira a moza, respondeu: "¿a Eza?, pues no es mala idea". E ese foi o camiño polo que Luís Marichalar y Monreal, Vizconde de Eza e avó de Jaime de Marichalar, chegou a ser Ministro da Guerra.
Saben moi ben os que teñen poder para facelo onde deben buscar ministros, conselleiros ou mesmo secretarios xerais de política lingüística. Todo consiste en chamar a xentes dispostas a defender as directrices emanadas do xefe, aínda que teñan que empregar e repetir argumentos que non soportarían o exame máis elemental de lóxica. Semellan incapaces de elaborar un siloxismo en bárbara, ergo semellan imbéciles; pero non xeneralicemos, pois con independencia da intelixencia e coñecementos que algún deles seguro que terá, o único que se lles esixiu para ser nomeados foi a capacidade de dicir estupideces con rostro impasible. Triste papel aceptaron!
Coidan os que teñen mando en praza que só eles son os depositarios, os propietarios da política, que só a eles corresponde falar e actuar politicamente e que o resto dos cidadáns o único que debe facer é dedicarse a "sus labores" e calar. Nin tan sequera inventan nada, pois este monopolio foi pretendido desde o mesmo nacemento do parlamentarismo. Vexamos o que dicía don Carlos Marx, no ano 1852, no seu libro "O 18 Brumario de Luís Bonaparte": "A disputa dos oradores sobre a tribuna provoca a disputa dos periodistas; o club de debate do parlamento compleméntase forzosamente cos clubs de debate dos salóns e das tabernas (hoxe diría dos parladoiros); os representantes, que apelan continuamente á opinión popular, autorizan á opinión popular a expresar en forma de peticións a súa auténtica opinión. O réxime parlamentario deixa todo á decisión das maiorías; como non van querer decidir as grandes maiorías fóra do parlamento? Se vosoutros, na cima do Estado, tocades o violín, que outra cousa cabe esperar, senón que os que están embaixo bailen?"
O Partido Popular tenta, pola proximidade das eleccións, ocultar a súa ideolóxica predisposición privatizadora. Levando ás máximas consecuencias o vello liberalismo económico, sente verdadeira fobia pola verba "público", mesmo nestes tempos nos que tan estrepitosamente se derrubou o vello mito de que o privado está mellor xestionado. Sobre isto, coido que sobran comentarios, aínda que costa traballo non citar o desastre que veñen de facer cos nosos aforros e, para mellor gardar os divinos, as indemnizacións que se adxudicaron como premio á desfeita que ocasionaron. Que a pretensión do PP con respecto ao ensino, o mesmo que co outro grande piar, a sanidade, é entregárllelos como ofrenda aos grupos empresariais e relixiosos afíns non precisa dun esforzo aclaratorio, e o camiño a seguir estase a mostrar de xeito acelerado, como se comezasen a ter moita presa pola liquidación.
Non é elegante transferir o ensino público ao privado por decreto. Habería que dar moitas explicacións, por iso hai unha nidia estratexia que se está a desenvolver en tácticas paralelas e complementarias: deteriorar o ensino público ao tempo que se potencia o privado e o concertado. A degradación do primeiro, parella coa potenciación do segundo, levará, indefectiblemente, a un progresivamente acelerado transvase de alumnado ata chegar, non á desaparición do ensino público, pero si á súa transformación nun gueto para as clases máis desfavorecidas. Por iso a protesta é totalmente política.
Sempre se dixo, e é certo, que a escola fai a nación; outra cousa é quen faga a escola. Alá polo século XVIII, Catarina a Grande de Rusia mandou que se fixesen escolas; o gobernador de Moscova queixóuselle de que os rapaces non acudían a elas e a resposta foi que non se aflixise, que se as mandou facer foi para que en Europa visen que se preocupaba do ensino, pero que o día que os campesiños rusos quixesen instruírse "nin vós nin eu conservaremos os nosos privilexios".
Durante a Idade Media chegouse a dicir en Europa que a luz non viña de Oriente, senón de España. Que non se me emocionen algúns, pois España constaba de dúas partes moi diferentes: al-Andalus e Galicia, e a luz, a ciencia, emanaba da primeira, dos andalusís ou, se prefiren, dos musulmáns españois. Un cordobés do século X, Ibn Yulyul, médico de califas, deixou dito: "Os sabios só aparecen nos estados cuxos reis procuran a sabiduría". En verdade, cando vexo ao conselleiro de educación, profesor universitario, máis que no sabio cordobés penso que talvez non desentoase como integrante do claustro da universidade de Cervera, cando en abril de 1827 a doutísima institución se dirixiu ao rei felón Fernando VII para lle dicir: "Lonxe de nós a perigosa novidade de discorrer". Eran tempos nos que os correlixionarios políticos do PP (mutatis mutandis), tiñan como berro de cabeceira: "Vivan as cadeas". Desde o punto de vista da ciencia, preferiría vivir cos musulmáns de Córdoba do século X antes que cos servís do XIX ou cos seus descendentes os neocons do XXI.
Naturalmente que a folga é política.