Poesía contemporánea europea gay
En xuño do 2009 recibín un correo electrónico do poeta e editor esloveno Brane Mozetič quen, grazas á poeta Yolanda Castaño, sabía da existencia da miña poesía. Brane Mozetič pedíame que lle mandase uns poemas porque estaba a facer unha antoloxía da poesía contemporánea europea gay. (http://www.branemozetic.com/)
Cando a finais de ano recibín o libro, titulado MORAL BI SPET PRITI sodobna evropska gejevska poezija, nunha coidada edición da colección Lambda de Ljubljana, marabilloume que fose en Eslovenia onde se ideara este moderno proxecto. Setenta e seis autores das diferentes nacións de Europa estabamos alí representados. Da península ibérica, os casteláns Francisco Brines, Pablo García de Baena, Juan Antonio González Iglesias e Luis Antonio de Villena; os cataláns Biel Besquida e Manuel Forcano; os portugueses António Franco Alexandre e Joaquim Manuel Magallães; o vasco Rikardo Arregi Díaz de Heredia; e mais eu.
É dos poetas portugueses de quen vou falar.
António Franco Alexandre, natural de Viseu, estudou Matemáticas e Filosofía, e é profesor desta última materia na Facultade de Letras de Lisboa. É un poeta innovador, cun estilo ben diferenciado do dos seus coetáneos e unha temática vinculada á vital cidade de Lisboa.
Son os seus libros Quatro Caprichos (1999) e Duende (2002) os máis premiados, publicados con fidelidade, como toda a súa obra, na editora Assírio & Alvim.
Como mostra do seu quefacer poético vou centrarme nun texto do libro Uma Fábula (2001):
"Nesta última tarde em que respiro / A justa luz que nasce das palavras / E no largo horizonte se dissipa / Quantos segredos únicos, precisos, / E que altiva promessa fica ardendo / Na ausência interminável do teu rosto. / Pois não posso dizer sequer que te amei nunca / Senão em cada gesto e pensamento / E dentro destes vagos vãos poemas; / E já todos me ensinam em linguagem simples / Que somos mera fábula, obscuramente / Inventada na rima de um qualquer / Cantor sem voz batendo no teclado; / Desta falta de tempo, sorte, e jeito, / Se faz noutro futuro o nosso encontro."
En ausencia do outro, fican as palabras. O amor está no pensamento, no poema -capaz, por outra parte, de ser a súa xusta expresión, segundo o poeta- que nos inventa. Poema críptico, como moitos de A. Franco, no que a complexidade do tema se manifesta nun contraste latente que paira polos versos: capacidade ou impotencia na expresividade do amor, coma se só nun tempo futuro fose posíbel amarnos, na palabra, no poema, do que formamos parte ao sermos "mera fábula".
Joaquim Manuel Magalhães, nacido na década dos 40 -como António Franco-, doutorouse en Literatura Inglesa cunha tese sobre a poesía de Dylan Thomas. Profesor de Poesía Contemporánea, cunha ampla obra, sempre sometida á rigorosa autocrítica e á eliminación, bascula entre o ton coloquial, narrativo, e a metáfora. Tradutor de Konstantino Kavafis ao portugués, a súa temática, alumeada pola ética e o pensamento libertario, reflicte nos seus versos todo o social e todas as rebeldías, incluída a do amor homoerótico. Con títulos como Os Dias, Pequenos Charcos (1981), uma luz com um toldo vermelho (1990) ou Alta Noite en Alta Fraga (2001), este prolífico autor, bo coñecedor da última lírica española, achéganos unha sensualidade especialmente natural e musical. Do libro uma luz com um toldo vermelho (1990) rescato este poema:
"Deita-te comigo nesta cama de pedra. / Canta de novo esse convite, tantos anos passados, / de novo nas ruínas da rua do emprego / onde fiquei de te esperar. / Está deitado aqui o corpo que recorda, está deitado. / Os ornamentos de metal, a música portátil, / o tambor de uma criança na rua, / o risco amarelo da coberta. / O braço que descai debaixo do pescoço / o coração cujo ritmo decresce / os olhos em que dói a luz do candeeiro / os pés à procura da lã do cobertor / o esperma que seca sobre o peito / o sono entrecortado da respiração. / Trocas de luz errante, ervas sem nome / que me dizias serem feno grego, junça, melodia."
Cunha ambientación que remite aos cuartos e escenarios poetizados por K. Kavafis, amosa unha visión nese "corpo que recorda" próxima ao " Recorda, corpo" do poeta grego. A música, a luz do candeeiro, as plantas, aparecen como atrezzo dese corpo exposto, esencial na poética de Magallães.
Sirva esta colaboración para presentar os dous poetas portugueses e alertar sobre a necesidade de visualizarmos a poética gay de expresión galego-portuguesa.