Pero somos así ou fannos así?

A exposición de Cristina García Rodero no CGAC é, tecnicamente falando, unha boa exposición, pero a imaxe que dá de nós pode ser, con todos os respectos, criticable por buscar o elemento rechamante e raro.
Nas rúas da vella Compostela atopo a un amigo que, sabendo das miñas teimas antropolóxicas, fálame de que foi ver a exposición de Cristina García Rodero no CGAC e pregúntame que me pareceu. Ao dicirlle que aínda non a vira dime que teño que vela, que é unha boa exposición, e engade: "sabe estar no sitio preciso e no momento oportuno. Ademais, non lle treme o dedo ao disparar". E isto dicíao con certa ironía, pois temos falado de que, ás veces, un se pregunta con que dereito entramos na vida das persoas a través da cámara fotográfica. E lembreille unha escena persoal deste verán. Eu andaba coa cámara colgada ao pescozo dando voltas polo campo no que se celebraba a romaría dos Milagres (en Traba, Laxe) e vin un home apoiado coas dúas mans nunha grosa candea máis alta ca el. Entón mireino a través da cámara e vin a súa ollada interrogándome sobre que dereito tiña eu para molestalo mentres manifestaba as súas crenzas e que eran compartidas por moitos dos alí asistentes. A súa ollada dura fíxome tremer o dedo e dubidar antes de disparar.
Pasados uns días volvo encontrarme co amigo e dígolle que non me gustou a mostra de Cristina García Rodero. Contemplando esta exposición sentinme saturado e abafado, non só polo número de fotos, que considero algo excesivo -a colocación das fotos podía contribuír a un percorrido máis livián-, senón tamén polas olladas intensas de todos os fotografados, polos seus rostros tristes. Mais non serei eu quen de criticar as calidades técnicas desta fotógrafa manchega, que leva toda unha vida percorrendo os camiños do mundo coa cámara preparada para captar imaxes sorprendentes; tampouco serei eu quen de negar o valor e calidade das mesmas. Pero estas imaxes teñen, ademais da calidade técnica, un valor engadido, pois intentan reflectir unha realidade con densidade etnográfica, son narrativas visuais con referencia a nós.
Para empezar direi que a exposición titúlase "Transtempo", que, entendo, pode lerse como a través do tempo ou máis aló do tempo. A primeira acepción podería entenderse como un aporte diacrónico dun traballo de documentación fotográfico feito ao longo dun tempo, neste caso máis de trinta anos. A segunda como que o traballo realizado está máis aló do tempo presente, nun non tempo no que ocorren cousas marabillosas, ou non, pero cousas que non ocorren no tempo normal, é dicir, no noso tempo, que é o tempo moderno, o tempo de hoxe.
Outra imaxe que dá a exposición é a que estamos diante dunhas fotografías de estética documental e antropolóxica. Desde a súa invención, aló polo 1839, a fotografía foi considerada desde diversos campos científicos, entre eles tamén as ciencias sociais, como o modo máis obxectivo e fiable de documentar a realidade. Máis tarde, durante a gran depresión e tras o crack de 1929, a fotografía sería usada como fonte de información fotográfica sobre a vida dos norteamericanos. A fotografía é, pois, unha fonte de información, e como tal é usada, entre outros, nos museos antropolóxicos. Pero a fotografía tamén é un xeito de interpretar aos outros, interpretación que acostuma a facerse desde a diferenza e, en casos, desde un discurso superior que permite seguir mantendo unha identidade subordinada. Entón a fotografía non describe, constrúe unha realidade para quen a olla desde fóra.
Que a fotografía serve como documento é unha obviedade, pero a nosa opinión é que a antropoloxía e usada, no caso presente, como un recurso na busca de formas, ou de imaxes, afastadas da vida estandarizadas, é dicir, da urbana, mostrando pois un mundo rural máis atrasado no que se poden atopar personaxes "pintorescos", mesmo grotescos. No fondo está o recurso a un novo "tipismo", algo situado aínda lonxe do progreso, intentando mostrar un pobo inmutable e prístino que aínda conserva unha espiritualidade perdida e na que se realizan rituais imperfectos, mesmo macabros; hai aquí un certo exotismo, un intento por agarrar algo que está ás portas da desaparición polo paso inexorable do progreso, pois este implica transformación e modernización. Aquí a fotografía serve para mostrar esta dicotomía entre o "nós", modernos, e o "eles", aínda en proceso de modernización e con costumes "curiosas" ou "raras". E neste proceso de transformación hai elementos que destacan facilmente, como a vestimenta ou as manifestacións relixiosas, entendidas estas como situadas nun estado aínda retardado. Mostramos aquí os costumes dun pobo mal vestido para levalo cara ao camiño da pulcritude. E este "tipismo" oculta a realidade ou non a mostra en plenitude, polo que non se chega a entender na súa totalidade, tan só resalta aqueles aspectos máis estrafalarios ou inusuais para quen olla desde fóra e desde unha óptica considerada superior.
Un dos temas recorrentes de Cristina García Rodero son as romarías. Ollando estas fotos un ve o exótico, o elemento sorprendente, rechamante, pero non logra percibir por que a xente acode a un santuario e por que acode con cadaleitos, con candeas ou con animais. E acode, entre outros, na busca dunha solución aos problemas de diversa índole, tanto de carácter familiar como social. Para iso se establece un código comunicativo no que interactúan signos corporais e lingüísticos para chamar a atención dos santos e pedirlle que interveñan no seu favor, establecendo unha dialéctica de douche para que ti me deas. Isto é unha opción válida, tanto pola coherencia do propio discurso como pola confianza no propio grupo, de pertenza a un grupo socializado e historicamente establecido. Así as romarías responden a un contexto local e temporal, pero non mantiveron sempre a mesma estrutura nin os mesmos rituais, non están aí paradas no tempo, hai mudanzas. Sabemos que algunhas das romarías fotografadas por Cristina García Rodero, como o Cristo da Agonía de Xende (A Lama) empezaron a destacar no mapa romeiro galego non hai máis de cento cincuenta anos, e como esta outras moitas.
Cristina García Rodero é unha boa fotógrafa pero nesta mostra só nos presenta unha imaxe exótica dunha realidade social.