Para circo, o PSOE Coruñés
A pasada semana o españolísimo González-Garcés, concelleiro de Festas e Educación do Concello da Coruña e unha das reminiscencias máis viscerais do "Vazquismo", sorprendía a propios e estraños anunciando a marcha da política institucional, unha vez conclúa a presente lexislatura, por desavinzas co actual alcalde da Coruña, o membro do Partido Socialista Obrero e, sobre todo, Español Javier Losada.
Coa marcha de González-Garcés marcha tamén un xeito moi particular de facer política, descarado, populista e de broma fácil. Para o libro de estilo de como non debe ser unha persoa que se adique á "cousa pública" quedarán para sempre as brincadeiras deste cargo público sobre a dotación do corpo de bombeiros, rezumando testosterona polas catro costas, aliás de permanentes e constantes ataques á cultura e a identidade da nosa nación.
O Sr. Garcés, que pasa por ser tamén un dos responsábeis políticos que máis porfiou en manter as subvencións públicas ás corridas de touros, xa atopou unha digna sucesora, tanto nas formas como no fondo. E é que están de sorte as e os cronistas da política como espectáculo vacuo, pois aínda non superados os ecos da renuncia do Sr. Garcés axiña atopou relevista para manter aceso o facho do descaro. Trátase da actual Concelleira de Servizos Sociais, Silvia Longueira, a cal estreouse no seu novo posto de "bufona" do socialismo coruñés, para defender o mantemento da subvención pública ás corridas de touros, con esta lamentábel afirmación: "Nadie le ha preguntado a un centollo qué le parece que lo metan vivo en una olla con agua hirviendo y dos hojas de laurel".
As declaracións da Sra. Longueira, acudindo a unha análise estritamente política, son alarmantes pola súa absoluta carencia de rigor -ou é que os comensais dos nosos prezados mariscos reciben subvencións municipais para a cocción e posterior degustación dos mesmos? Ou é que, por un acaso, as comunidades de veciños e veciñas organizan espectáculos públicos nas súas cociñas para ver o proceso de cocción da centola?- e poñen ás claras onde están as prioridades do gasto público para o PSOE coruñés. Dos "ben dotados" bombeiros coruñeses á cocción da centola, suma e segue, o espectáculo circense continúa.
Noutras colaboracións neste mesmo medio teño reflexionado sobre a desafección da sociedade sobre a política, sobre o enorme descrédito que sofre a política a conta de actuacións e condutas carentes da máis mínima responsabilidade, do máis mínimo rigor e da máis mínima ética, xa que non podemos considerar ético subvencionar con cartos públicos un espectáculo privado coa que está caendo, como tampouco podemos considerar serio e responsábel xustificalo con argumentos como o das centolas.
Esta é a caste de políticos que representan xenuinamente a imaxe que Don Ramon Otero Pedrayo tiña desa Coruña desleigada na súa obra "Arredor de Sí", "Xente 'bien´da Coruña. ¿Non che deprenderon, fidalga señora, que a Coruña era un pequeno Madrid?". Corridas de touros para xente 'bien´da Coruña subvencionadas con cartos de todas e de todos que, como non podía ser doutro xeito, contou coa oposición do movemento social -"Galiza mellor sen touradas" á fronte- e do Bloque Nacionalista Galego ensaiando o que a bon seguro será eixo chave do trunfo do nacionalismo na Coruña: rigor e seriedade fronte á irresponsabilidade e a broma fácil, mellor e máis racional destino do diñeiro público fronte ao dispendio e unha actuación consensuada e coordinada cos movementos sociais e coas necesidades da maioría. E para circos, para circos xa están outros!