Palangreiros


Aínda o abrente non asomara polos cumes da serra e a tripulación da Virxe do Carme chega á praia. O patrón dunha ollada revisa tódolos habilites; a vela, os liños envoltos nas garadellas cos anzós espetados na madeira. Mentres outros mariñeiros alisten os palangres, escorren a tanza arrombando os chumbos mentres van colocando a carnada nas bicas cara dentro na beirada da caixa.

Aínda de noite saltaron á embarcación palangreira. Arriaron os cabos da rambla e vogando fóronse achegando ó sinal de Insuela, para dende alí enfilar a boca da Ría.

Á medudia levantouse un airiño á altura do illote de Rua, o pao ergueito e a mecha descansando no primeiro burato do carro, xa que andaba bastante vento e era cousa de apopar un pouco o mastro, asegurárono por diante cunha cuña e amarraron o estrinque ó banco da escota, logo fixeron a manobra de izado da vela, foi inchando o trapo e collendo velocidade. Afastándose cara ao seu destino.

Á noitiña estaban á altura de Vionta. Repartíronse os turnos para durmir. O patrón quedou no temón namentres os outros mariñeiros durmían engruñados coma bonecos de trapo, con toda a roupa posta e os calcetíns húmidos pola suor dos zocos.

Voan os pensamentos, podíanse escoitar os latidos de cada corazón dos que estaban a descansar, impedindo que o silencio absoluto se apoderara de todo, nese mar no que axexan tódalas ameazas.

Cada marea saían como se fose a derradeira, sabíano moi ben, podería ser a viaxe á última costa da vida; emprendendo sos un camiño que podería ser sen volta.

Con estas cavilacións collérono os primeiros raios do sol, o vento quedouse e houbo que baixar a vela e poñerse a vogar. O patrón despois de toda a noite de garda estaba canso, acomodouse debaixo dunha roupa de augas ata a medudia.

Ao espertar topouse coa dorna fondeada mentres preparaba unha caldeireta de congro para o xantar, revolta cunha allada ian botando á gorxa un grolo de viño tinto da terra. O lume nunha lousa de pedra e do panel de meo pendura un pao cun cachiño de arame para soster a caldeireta, xusto por riba das ascuas.

Despois do xantar botaron man do cabo para inzar a poutada e paseniñamente foi asomando chea de argazos, xa abordo arronbarona a proa coa pedra por fora da amura e puxeron rumbo ós cantís

Chegando, armaron os remos e apresuráronse a largar botando a cada dous caceas por ámbolos costados, vogando paseniñamente mentres as cortizas se ían alonxando pouca pouco.

Remataron a manobra aló polo serán e encomezou a chover, botaron por riba dos corpos a roupa de augas e os suestes, agardando o tempo preciso para que o peixe reparara na carnada. Estábanse a xogar se a viaxe ata tan lonxe valera a pena e chegar á casa cun xornal aínda que fora cativo.

Pola mañá encomezaron a meter a bordo a cacea. O peixe era moito e de moi boa medida. A fartura pon a xente con ledicia, e eles rían soios.

Agora cumpría arrombar os palangres, había que limpalos dos argazos e mentres os subían polo costado íannos cobrando para abordo.

Voltar á casa era o que cumpria agora.