Otero Pedrayo e a lingua galega: novos horizontes para a expresión literaria a través do léxico

Otero Pedrayo e a lingua galega: novos horizontes para a expresión literaria a través do léxico

Para a cultura galega, Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) é unanimemente considerado un máis prolíficos escritores e poliédricos intelectuais, para alén de se erixir un dos máis notábeis autores das nosas letras. Neste contributo queremos, porén, apuntar a súa non menor plasticidade lingüística e experimentación co idioma, o que o converte nun dos artistas cunha das linguaxes literarias máis interesantes na Galiza contemporánea. Desde os seus inicios como escritor, o “Patriarca das Letras Galegas”, segundo era denominado nos últimos anos da súa vida, foi (e non só pola cantidade de produción que deixou, mais tamén polas características lingüísticas da súa escrita) un dos protagonistas máis activos na vontade de rexeneración da lingua no primeiro cuartel do século XX. Tencionou dotala de recursos expresivos necesarios de forma a poder ser usada en calquera tipo de texto, xa fose ensaístico, dramático, narrativo, poético etc. A respecto da súa relación coa fala popular, dado que Otero Pedrayo posuía unha enorme capacidade memorística, tal vez debesen ponderarse, como un seu primeiro achegamento a unha expresividade máis ou menos tradicional, as narracións que escoitou ás xentes labregas de Trasalba e especialmente á súa avoa cando ía para o pazo sendo neno.

Tres son as características principais do galego de Otero Pedrayo: a primeira ten que ver coa falta de fixación formal, isto é, co uso de diversas posibilidades morfosintácticas e lexicais, que denotan un constante traballo de experimentación para a enformación do que el entendía por lingua culta; a segunda consiste na preferencia por aquilo que fose o menos parecido co español, tamén, segundo a premisa anterior, sen se decantar por un único resultado; o derradeiro dos trazos da súa escrita, e nisto asenta quizais unha moi boa parte da súa riqueza lingüístico-expresiva, ofrecénolo a capacidade de creación de palabras, baseada nos recursos que lle brinda a fala popular, os cales son rendíbel e vizosamente aproveitados polo autor.

Danse en Otero Pedrayo varios procesos pertinentes para dotaren a lingua literaria de capacidades expresivas de que carecía, na época en que os membros do Xeración Nós escriben prosa non reducíbel á temática costumista ou popular. Interésanos o primeiro deles, que acode ao propio galego nun longo e largo continuum histórico-xeográfico, considerando o portugués parte desa gradación lingüística temporal e xeográfica; entran aquí, pois, tanto os recursos de formación de palabras como a importación de voces provenientes do macrosistema lingüístico galego-portugués, ás veces proporcionando novos valores semánticos a vocábulos do fondo lexical do idioma, nomeadamente agrícola.

Comecemos polo continuum lingüístico. Unha fonte interna de recursos vocabulares é a lexitimada polo galego antigo, pois non estaba supeditado a ningún teito alleo e cubría toda a horizontalidade e toda a verticalidade de usos e de funcións sociais. Deste modo, tanto o fidalgo de Cimadevila como os seus coetáneos do primeiro cuartel do século recorren ao galego da Idade Media en non poucas ocasións para tiraren del, principalmente, entradas lexicais diferentes das españolas que, por veces, coinciden coas evolucións galegas. Mais esta ansia purista sobordou o alborecer secular do autor e evidénciase ao longo da súa obra: en harmonía con tal práctica restauradora, achamos léxico que nos tempos actuais, á luz duns estudos rigorosos sobre a lingua, podemos chamar con toda a propiedade “arcaísmos”, cal é o caso de aas, azúes, door, ren, saas, teebras, vegadas etc. Nalgunhas ocasións non podemos saber con toda a exactitude se Otero acudiu á lingua medieval ou ao portugués por ambas as orixes seren filoloxicamente posíbeis. É o caso, por exemplo, do nome do país, Galiza, forma lexítima restaurada para rexeitar Galicia, ou do xentílico, galega/-o, que comezou a substituír no rexistro escrito, desde a época das Irmandades da Fala, o españolizante e decimonónico gallego. A respecto do recurso ao portugués, a noso ver, só se poden considerar lusismos aquelas formas que probabelmente non circulasen pola fala habitual e popular da Galiza da época, xa que, con toda a seguridade, eran descoñecidas pola galegofonía máis común, a das xentes do campo e do mar: é o caso de léxico que emprega Otero do tipo amizade, anceios, azas, baptizado, estudantes, estudos, gostar de, isolado, nervoso, ontem etc.

Outro recurso interno da lingua de acrecentamento lexical, partindo da fala camponesa e mariñeira, é a utilización na prosa de voces provenientes do mundo tradicional en que sobreviviu a lingua durante tanto tempo. Deste modo, a oralidade labrega proporciona vocábulos que anteriormente posuían unha significación restrita ao seu medio rural e que foron atinadamente empregadas no nivel culto do idioma. Hai ben moitas mostras desta rendibilidade vocabular no discurso literario de Otero Pedrayo, proveniente, nun principio, do uso metafórico, para logo o perderen e pasaren a facer parte con total normalidade da expresión artística: ao verbo tradicionalmente agrícola ceibar, ‘soltar o gando’, dáselle a significación de ‘libertar’ (coidabas qu’os átomos iban a ceibarse da lei); do primitivo contido semántico de inzar, ‘reproducirse con rapidez’, pásase ao de ‘multiplicarse’ou ‘proliferar’(Vai sendo inzado de grama o patrimoño); espallar, ‘estender a palla nos labores do campo’, afiánzase na escrita de don Ramón e na dos seus contemporáneos, como xa antes acontecera en escritores do Rexurdimento, a significar ‘reproducir’ ou ‘difundir’ (espallarían seu nome); unha palabra como agromar, ‘saíren as plantas da terra’, soborda este ámbito rural para apropiarse do de ‘nacer’, ‘aparecer’ (Convocou Amaro lembranzas do seu agromar); un fato, ‘grupo de animais domésticos’, poderá igualmente ser un ‘grupo de persoas’ (¡Podrecede dunha ves, fato de ilustres comadres e candongas históricas); engaiolar, ‘meter nunha gaiola’, é usado co valor de ‘enfeitizar’ ou ‘asombrar’ (isa voce que me aquece e engaiola); o nome substantivo gandideira, típico dalgunhas xirias gremiais de canteiros en que significa ‘boca’ ou ‘gorxa’, pasa a se adxectivizar esporadicamente co significado de ‘mentireira’ ou ‘falsa’ (non tiñan mentes de rexistrar os feitos dista vida, ilusión gandideira de sombras); devalar, ‘minguar a lúa’, adquire novos usos ao se utilizar como ‘decrecer’ ou ‘sumirse’(¿Cómo devalaría o són da torre grande de Sant-Iago?); a palabra cerna ou cerne, nun principio co significado de ‘corazón da madeira’, transfórmase na ‘esencia íntima de algo ou de alguén’ (Está no cerne da dinámica diárea do pobo); á entrada esculcar, inicialmente ‘observar’, súmase o significado de ‘investigar’ ou ‘andar á procura’ (anda â esculca de pedras vellas); o vocábulo xermolar, ‘xurdir a semente’, faise cos valores de ‘nacer’, ‘aparecer’, ‘crecer’ (o xermolar de novos corales do Indico en Xosé Courad); o cualificativo resesa/-o, aplicado xeralmente ao pan de varios días, pasa a se poder empregar referido a persoas denotando idosidade ou antigüidade (Resesa, descrebada, aínda locía nos engadidos do pelo e no ámpeto das cadeiras un pouco de aquila graza sensoal); e merece tamén citarse a locución prepositiva encol de, que, con valor locativo, ultrapasa esta utilización para suplantar non poucas veces as tamén galegas sobre ou arredor de, aínda que cunha asimilación incorrecta por operar a falsa equivalencia sobre = encol de (A literatura galega demanda un libro encol d’iles; encol do sentimento da paisaxe); etc.

Aliás, na constante ansia de marcar unhas diferenzas lexicais e gramaticais a respecto do español, as obras de Otero promocionan certas formas face a outras xenuinamente galegas, que coinciden coas homólogas españolas, en ocasións secundarizando esferas semánticas ou contextos de uso. Tal preferencia vocabular pode verse, por exemplo, entre ollar, ver e mirar, pois poténciase a utilización do primeiro verbo: i-olla que pago me dan; etc; da parella crego / cura apóstase no primeiro substantivo: Eu para morrer quero ó crego siloxístico; dos verbos subir e rubir, este co significado de ‘agatuñar’ ou ‘subir con dificuldade’, utilízase moito máis o segundo: Rube. Eu che levo no colo; do par alto e outo, diferencialismo este arcaizante tirado da toponimia (Montouto, Toxosoutos, Valouta etc.), ensombrécese o emprego da forma xeral: outa política americán; aínda a partir deste cualificativo arcaico creou o fidalgo os adxectivos oután (serra oután) e outaneiro (lenda outaneira), o substantivo outura (outura traballada de bacelos) e, posibelmente baseándose no seu carismático Trasalba, o topónimo Trasouto; a mesma predilección diferencialista atinxe as formas procurar e buscar, de que se torna máis produtiva a primeira (Eu procurei a crara sinxeleza da mecánica); etc.

Por outro lado, aínda que as formas dialectais vocabulares características da rexión xeográfica de Otero non constitúan un número abondoso de casos na totalidade da súa obra, pois quitando puzo e algunha outra son, en xeral, bastante escasas, xulgamos que merecían un comentario certas particularidades do léxico dialectal. Así, hai que sinalar que lle son de grande rendibilidade, en harmonía co resto da súa produción escrita, os verbos caír, traguer ou ouvir, en vez dos máis estendidos caer, traer e oír, a pesar de se tamén poderen achar ás veces nas obras oterianas. O factor diferencialista puido, consciente ou inconscientemente, estar detrás destas preferencias a respecto das máis comúns.

Máis recursos de acrecentamento lexical interno son os que posibilitan formaren novas palabras. De entre os procedementos derivativos, un deles signifícase pola súa produtividade, cal é a sufixación: un dos sufixos máis recorrentes na súa escrita sexa tal vez o nocional e semanticamente polivalente -eira/-o, que o une a nomes substantivos e até a nomes adxectivos, nestes últimos connotando un valor apreciativo con matiz ponderativo: abrileiro, fresqueiras, griseira, pequeneira, raposeiros, tristeiro etc. Certa relevancia teñen, polo seu valor diferencial, os sufixos -doira/-o, e -deira/-o, unidos a verbos, como en crecedeira, devaladoira, lembradoiro, namoradeiros, rañadoira, tremadoira etc. Por seu turno, a vontade de estabelecer unha fronteira máis nítida entre o galego e o español provocou que Otero Pedrayo crease palabras para reprobar aquelas que se parecesen ou coincidisen co español. Deste modo, previo aditamento do sufixo á base, xérase aplausar, centrosos, inmorrente, rixideza, sabidentes, solideza, velleza etc., que conscientemente evitan o uso de aplaudir, centrais, inmortal, rixidez, sabios, solidez, ou vellez.

Canto aos mecanismos de xeración de palabras por composición, unha das ferramentas que foi máis produtiva ao escritor consistiu na unión dun verbo + un nome substantivo. Desta forma, á parte de empregar formas xa existentes na lingua popular, como acarranchapernas (de acarranchar + pernas), podemos aínda achar palabras como calcaterras (de calcar + terras), tornavolta (de tornar + volta), vaivoda (de vai, terceira persoa do presente de indicativo de ir + voda); papalardo (de papar + lardo) etc. Mais os compostos que encontramos nos textos non se reducen unicamente á fórmula anterior: moi eufónico e connotativo é o nome do pazo do fidalgo nocturno protagonista da peciña O fidalgo e a noite (1970), “Casdenoite”, xerado a partir da estrutura substantivo + preposición de + substantivo; o mesmo tipo de composición se dá na forma Bocarribeira (1958) nome do seu poemario, a pesar de neste caso desaparecer a partícula relacional; e a formación substantivo + substantivo produce a palabra cachicán e o nome Laiovento, que aparece nunha das pezas do seu Teatro de máscaras (1934) e que deu nome a unha ben coñecida e comprometida editora galega.

En síntese, sen pretenderen ser estas páxinas máis do que unhas anotacións para salientaren a expresión literaria de Otero Pedrayo, hai que subliñar que os trazos do seu galego fan da súa linguaxe artística, sen ningún tipo de dúbidas, unha das máis interesantes da Idade Contemporánea. Nela conflúe o aproveitamento estilístico-expresivo da oralidade popular coa xeración de novos elementos lexicais e coa ampliación semántica de vocabulario orixinariamente do mundo popular e rural, todo motivado pola vontade de rexeneración da lingua galega e da súa escrita, sen deixar de ter en contar a variedade máis internacional do noso idioma, encorsetada con rixidez na norma lisboeta.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.