Os “Torques Célticos” do Museo de Lugo

Os “Torques Célticos” do Museo de Lugo

Tamén están ameazados os vellos tesouros, os que inspiraron lendas de mouras, ó “Ciprianillo”, ós contos de Cunqueiro. Ouros que a tantos buscatesouros entoleiraron. Adornos antigos dos que se presumía nos libros, obxecto de tantas teses para gloria dos doutorandos, para reportaxes, atractivo dos museos, cando non secreto dunha casa. Moitos deles achados casuais que referenciaban e dignificaban lugares remotos, montes, lameiros, mámoas ou castros nos que foron atopados e mesmo chegaban a formar parte do emblema heráldico do seu concello. Que relucían nos museos entre reixas, nas vitrinas acoirazadas, revestidas de damasco roxo. Velaí o Torques de Burela que era moito máis que a mesma imaxe do Museo de Lugo, da que se deu en chamar exótica “Galiza Céltica” ou castrexa. Como unha esperanza áurea, semicircular, entre dous cabos que nunca se atopan, principio e fin para pagáns relixións. Torques de Burela, “proba do refinado traballo dos ourives galaicos, os que sorprendían ós cronistas grecolatinos, propio de portar a Raiña Lupa en cirimonias de alborada e solpor no Pico Sacro…”escoitámoslle a Otero Pedrayo.

Misteriosas insignias de casta e rango, cetros, adornos de xerarcas, como anacos astrais das divindades, con tanta historia por novelar arredor de preguntas para complementar o crebacabezas do instinto arqueolóxico que todos temos: ¿Quizais aquel ouro quitouse por escravos das minas romanas dos galaicos, ou por aureanas nos praceres do Sil? ¿quen foi e de onde viña aquel xeito de mago ourive que se fixo coas pebidas, para fundilas e licualas nun molde a altísimas temperaturas? ¿cal era a mensaxe do simbolismo xeométrico, de trisqueis, rosáceas…? ¿Con que ferramenta e como se trenzaron fíos en exquisita e tan delicada filigrana? ¿Como e a que xerarca se entregou a relucente peza xa acabada? ¿... como nas solemnes cerimonias? ¿… de que man a man pasou en herdo? ¿onde se acochou, como se perdeu, espoliou, roubou... desapareceu para reaparecer? Atoparse e quizais entregarse a outro ourive, fundirse e pasar a ser coroa de Virxe, Custodia ou peza dental... caer nas mans dun usureiro, venderse, ocultarse nunha viga, ou cando menos exporse nun museo… ¿e despois do museo.? Historia sempre inacabada esta, cosida con xestos filantrópicos ou tamén embazada polo comercio, para por a proba a capacidade xestora de tanta administración con departamentos, delegacións, comisións, academias e consellos consultivos do “patrimonio cultural”… para ó fin acontecer o que está acontecendo: que tan interesantes mostras coas que gabábamos a nosa orixe, que é dicir a nosa orixinalidade, pasan a mans individuais, á incerteza… para quedar soamente na ilusión dos libros impresos ou entre o papaleisonismo das virtualidades. As fontes da Historia, os documentos serven hoxe como moeda de cambio, quizais camiño doutras coleccións, doutros museos máis agudos na ansia de complementarse. Outra proba da anomia, da sutil neocolonización que a tantos costa enxergar. Non é que o seu valor arqueolóxico sexa moito: trátase de pezas descontextualizadas, con moita perda de datos ó seu redor, pero reafirmantes dos textos antigos, das lendas e da Arqueoloxía, sempre atractivas nos museos. Así é que dende fai décadas e por razóns de seguridade moitos centros museísticos expoñen replicas exactas, quizais feitas en procesos de arqueoloxía experimental, e os orixinais gárdanse en caixas fortes. Aspectos museolóxicos non practicados nunha Galiza que presume de autenticidade.

,Neste tempo de memoria, de Santos, Defuntos e Magostos do 2013 e despois dun longo proceso de avogados, xuízos e conversas que non fixeron mais que enredar e provocar máis ós herdeiros de Alvaro Gil, estes rematan por retirar do Museo de Lugo, dependente da Deputación, nunha operación de vehículos blindados, as coleccións depositadas polo filántropo empresario: formada por pezas da prehistoria, da protohistoria e a romanización galega, brazaletes e diademas neolíticas, da Idade dos Metais torques castrexos, asociados a súa procedencia, Lugo, Melide, Ourense, Ponte Ulla, Riotorto, Boiro, Foz, Mondoñedo, Burela... tamén os mellores lenzos de Correa Corredoira, antolóxicas obras do museo e da cidade murada, a que dende o 2000 é Patrimonio da Humanidade.

O lucense Alvaro Gil Varela foi desa caste de galegos consciente da inmensidade e posibilidades da súa terra, imprescindibles para o seu tempo e referente. Biólogo formado na Europa do Modernismo, na madrileña Residencia de Estudantes, discípulo de Cruz Gallastegui e da súa Misión Biolóxica, vinculado profesionalmente e sentimentalmente á Deputación de Lugo e Pontevedra, membro do partido galeguista e dos que sufrirá as consecuencias da guerra e da ditadura. A pesar de semellantes circunstancias, constante, emprendedor con Zeltia, con Transfersa, con Oural... empresas que asocia a iniciativas de normalización da cultura galega, ó mecenado de artistas, á formación e colaboración con museos, coa editorial Galaxia... Pero principio non ben atado para os intereses comerciais do noso tempo. ¿Que cavilarían Vázquez Seijas, Trapero Pardo, e tantos que entregaron vida e corazón para formar, abrir o museo en difíciles momentos, para ofrecelo a escolares, turistas, visitantes ansiosos de aprender Galiza?. Voluntariosos que paralizaron os atentos intentos centralistas dos museos “nacionales” madrileños, os que dende antes acaparaban pezas representativas da periferia, entre elas moitas procedentes de Galiza, como as diademas de Ribadeo, os cinco torques de Cospeito, o de Sobrado... Cando non caían nas mans dos escudriñadores do Britihs de Londres ou do Metropolitan de New York, hoxe multiplicados na esculca.

Témoslle escoitado a Isaac Díaz Pardo, incluso ofrecéndose para servir de testemuña, que o seu amigo Alvaro Gil, dixéralle no ano 1975, que o fin era doar ó Museo de Lugo aquela colección. Pezas que mercara ó gran coleccionista tudense asentado en Compostela don Ricardo Blanco Ciceron, gardada polos seus herdeiros no edificio da “Unión e el Fénix”, na coruñesa Praza de Mina. Cidade que desprezou a oportunidade de facerse con aquela e outras coleccións e por moi pouco prezo , para quedarse no recen inaugurado Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón… pero pesou máis o interese e a oferta lucense de Alvaro Gil que os ires, vires e os oficios de don Xosé María Luengo, director do museo coruñés. No ano 1975 a Xunta do Museo Provincial de Lugo que dirixía un dos seus fundadores, don Manuel Vazquez Seijas, dedicaba así a Alvaro Gil un catalago sobre a colección, con texto de Narciso Peinado, titulado “Torques Célticos” “Al prócer y preclaro lucense Iltm. Sr. Don Alvaro Gil Varela, miembro correspondiente de la Real Academia de S. Fernando, a cuya munificencia y mecenazgo tanto debe este Museo y cuantas instituciones de Arte y Cultura en Galicia mantienen el fuego sagrado de su fe y esperanza en un venturoso prorvenir”. E aquel porvir é, polo momento, o noso presente. A sangría patrimonial de Galiza, especialmente das igrexas, foi e sigue a nutrir o mercado de antigüidades, coleccións de partes moi diferentes do mundo, a varrer a propia Historia de Galiza. Nese acontecer - e nunca nos cansaremos de dicilo - enxalzamos en mérito a laboura de recolección e con garantías de futuro, sen quedarse nas perigosas “cesións temporais” feita por don Xosé Fernando Filgueira Valverde para o Museo de Pontevedra, de Chamoso Lamas, entre outros.

Custa crer o desacordo, que os herdeiros daqueles “bos e xenerosos”, as mesmas administracións, non entenderan a teimuda lección dos seus devanceiros e foran incapaces de buscar sabios puntos de encontro, de crear resortes legais, que haber hainos, para garantir iso que din as constitucións sobre “o legado cultural dos pobos”. Tampouco o caso é o único entre nós: significativos bens de Castelao, de Maside, de Díaz Pardo, Seoane, da mesma Igrexa están en litixio. Tempos nos que pouco importan os discursos e máis as burocracias.