Os Reis Católicos non unificaron España

Os Reis Católicos non unificaron España

“De Isabel y Fernando el espíritu impera, / moriremos besando la sagrada bandera”. Así dicía unha das moitas patrioteiras letras que tiñamos que coñecer e cantar naquela etapa infantil na que disque se forxaban os bos españois. Aí estaba a base, o nacemento xa adulto dunha poderosa nación que asombrou ao mundo, seguindo “sobre el azul del mar el caminar del sol” e que de toda a vida se mantivo “unha, grande e libre”. Sempre, e desde que a cuestión catalá ocupa importantes espazos informativos máis aínda, escoitamos aos nacionalistas españois, sen distinción de siglas, defender con vehemencia a antigüidade da nación, a primeira de Europa, xa desde Fernando e Isabel. Quen tal di, principiando polo presidente Mariano Rajoy, ou é un trapalleiro mentirán sen pudor científico ou un absoluto ignorante en cuestións que debería de coñecer mesmo moito antes dos seus estudos de dereito. Se tivesen sido alumnos meus de Historia levábana clara.

Non entrarei agora na usurpación de dereitos a Xoana a Beltranexa, da que nunca se puido demostrar unha orixe adulterina, nin na relación dos Reis Católicos, ámbolos dous Trastámaras, co vello reino de Galicia, de onde procedía o nome da súa dinastía. O único que pretendo é pousar aquí unha serie de afirmacións dalgúns dos historiadores que máis teñen traballado sobre esta etapa histórica para afortalar esta idea fulcral e irrefutable: os Reis Católicos NON unificaron España. É máis, semella que nunca tiveron tal interese.

Cinco reinos (algúns englobando outros) había na Península no século XV: Castela, Aragón, Granada, Portugal e Navarra. O matrimonio de Fernando e Isabel uniu os dous primeiros baixo un goberno único, é dicir, fíxose a chamada “unión de reinos”. Castela e Aragón eran moi diferentes entre si en todos os aspectos. Castela era algo máis de tres veces máis extensa que Aragón e tiña seis ou sete millóns de habitantes fronte ao millón escaso de Aragón. Desde o punto de vista da economía, Castela, recuperada do declive do século XIV, está en plena expansión, mentres que Aragón anda en franca decadencia. A monarquía en Castela era forte, baseándose xa na orixe divina do poder e dando así lugar a un estado autoritario moderno; dito doutro xeito, os reis facían e desfacían ao seu antollo, mentres que en Aragón as cortes eran poderosísimas, obrigando ao rei a pactar continuamente con elas. Nas celebradas en Monzón (1362) (moitos anos antes de que en Aragón entrase a dinastía castelá dos Trastámara, o que non aconteceu ata 1412, e mesmo sete anos antes de que se tivese implantado en Castela, concretamente en 1369, cando Henrique o das Mercedes asasina a Pedro I o Cruel ou o Xusticeiro, dependendo de quen fale) creouse a Generalitat ou Diputació del General, órgano encargado de supervisar o cumprimento dos pactos (pactismo é a teoría política) entre o rei e as cortes, o que a convertía no goberno efectivo.

Visto o anterior, non se precisa moita perspicacia para saber que reino avantaxaba ao outro, nin para entender que Fernando, rei de Aragón e consorte de Castela, preferise vivir e gobernar nas terras de Isabel. Dos 37 anos que durou o seu goberno, non chegou a catro os que botou en Cataluña, onde se ocupaba dos seus asuntos un vicerrei, o mesmo que outros o facían en Aragón e Valencia. Fernando, en realidade, tivo máis poder ca Isabel, pois el era rei efectivo en Castela, mentres que Isabel só era raíña consorte en Aragón, e mesmo a diplomacia exterior, tanto de Aragón como de Castela, rematou sendo levada unicamente por Fernando. Stanley G. Payne, en La España Imperial escribiu: “La unión de las Coronas estableció una diarquía, pero no se llevó a cabo ningún intento de fusión constitucional entre Castilla y los estados que integraban el imperio aragonés. Cada principado permaneció autónomo e independiente, con una administración separada... Ni siquiera llegó a plantearse la posibilidad de que Isabel ejerciese autoridad en el sistema constitucional del imperio aragonés”.

Incluso Luís Suárez, medievalista e autor de documentadísimos libros sobre estes monarcas -se ben cuns comentarios sobre a cuestión relixiosa que fan dubidar da fiabilidade doutro tipo de dados-, amais de presidente da “Hermandad del Valle de los Caídos” e autor da biografía, protestada por tendenciosa, de Francisco Franco para o Diccionario Bibliográfico Español da Real Academia da Historia, despois de falar, na súa obra Los Reyes Católicos, do goberno conxunto de Castela, recoñece que “ Las intervenciones de Isabel en la Corona de Aragón, donde las condiciones eran distintas, tienen preferentemente otro matiz: como mediadora o consejera más que otra cosa”. Este autor aplica aos reis católicos e a Franco frases case idénticas; di do sistema dos RR.CC. que se pode cualificar de “autoritario, pero en modo alguno de absoluto”, apreciación que comparto plenamente, e de Franco dixo que montou un réxime autoritario, non totalitario, afirmación que me repugna aceptar. Fernando prefería vivir e gobernar en Castela, deixando aos vicerreis o traballo de se entender coas respectivas cortes dos estados de Aragón, onde era obrigado que o rei xurase observar a lexislación propia, as liberdades e os costumes, e precisaba da aprobación das cortes para ditar novas leis ou esixir impostos; naquel reino as mulleres transmitían dereitos, pero non podían exercelos, polo que Isabel non ditou cousa algunha fóra de Castela.

Cada un dos monarcas nomeaba aos funcionarios do seu respectivo reino, cuxos impostos non eran transvasables e mantivéronse as institucións e costumes propios, así como as fronteiras. Na súa Introducción a la España Medieval, Gabriel Jackson, despois de dicir que os cataláns eran considerados estranxeiros nos portos de Santander ou Sevilla, así como na feira internacional de Medina del Campo, escribiu: “Las finanzas castellanas estaban en manos de los banqueros genoveses, y estos habían sido los grandes rivales seculares de los catalanes”. En 1480, son despachados os primeiros nomeamentos de inquisidores no reino de Castela, mentres que no de Aragón, onde xa existira unha inquisición papal anterior, foron tales as protestas contra os nomeamentos de inquisidores que fixo Fernando, sobre todo por pretender que fosen casteláns, que a implantación real non se efectuaría ata uns anos despois, principiando en cada un dos territorios (Aragón, Valencia, Mallorca ou Cataluña) en diferentes datas. Tamén Henry Kamen no seu extenso libro La Inquisición española, principia dicindo que Castela e Aragón estaban “ligados por la unión personal de sus soberanos, aunque siguieron siendo independientes en su gobierno e instituciones”. Vemos isto tamén nas diferentes datas de expulsión dos mouros que se negasen a ser bautizados (1502 en Castela, 1526, xa con Carlos I, en Aragón). Fernando dirixe o exército castelán na conquista do reino de Granada, pasando este a ser de exclusiva propiedade de Castela, o mesmo que Canarias ou as Indias descubertas por Colón, e podería seguir citando exemplos que mostran a separación real dos reinos peninsulares; pero prefiro facelo con verbas de autores nada sospeitosos de seren nacionalistas periféricos.

Ramón Tamames, en La España alternativa (premio Espasa de ensaio de 1993) deixou dito: “Porque muy lejos de las complacencias y parabienes de los antiguos libros de texto sobre la Unión Nacional bajo los RRCC, lo que verdaderamente nació fue unha Confederación de cuatro coronas (Castilla y Aragón desde 1476, Navarra a partir de 1512, y desde 1580, Portugal), cada una de ellas con sus propias complejidades”. J. H. Elliot, en La España Imperial 1469-1716, dixo que a unión de Castela e Aragón foi “puramente dinástica: una unión no de dos pueblos sino de dos casas reales. Aparte del hecho de que, en adelante, Castilla y Aragón tendrían los mismos monarcas, no habría en teoría ningún cambio ni en su estructura ni en la forma de sus gobiernos (...) La única diferencia [co anterior á unión] residía en el hecho de que ahora ya no serían rivales, sino asociados”. E segue insistindo en que se tratou dunha confederación en igualdade entre socios, esencialmente distintos, que conservaron as súas propias institucións e modo de vida.

O grande medievalista, especializado no reino de Aragón, José María Lacarra, dixo, en 1972, no seu libro Aragón en el pasado, que “No ha habido, pues, unión de Castilla y Aragón para formar un nuevo Estado español, sino sumisión a la corona de una serie de Estados, reinos y principados, cada uno con su personalidad, sus leyes y sus tradiciones, en los que los reyes ejercen su autoridad con títulos muy distintos y con limitaciones muy diversas también”.

Remato xa, non por falla de autores, senón por economía de espazo, lembrando que, cando Isabel está a piques de morrer, fai ela só testamento sobre toda a coroa de Castela, deixando como raíña e lexítima propietaria a súa filla Xoana a Tola. Fernando deixa así de ser rei de Castela, pasando, polos problemas mentais da filla, a simple gobernador; pero, por suposto, segue a ser rei de Aragón. Curioso reino unido do que algúns falan! Nin á historia tradicional, nin aos propios casteláns da época, nin aos partidarios dunha inventada “España unha” desde os Reis Católicos lles agrada lembrar que, xa viúvo Fernando, casou con Germana de Foix, moza de 18 anos. Motivaron esta voda problemas sucesorios e de disputa con Francia, etc. que aquí podemos obviar.

Na historia que a nós se nos ensinaba, e na que quedaron os actuais políticos como o presidente do goberno, temos autores como o catedrático Antonio Ballesteros, quen, en Figuras Imperiales, despois de falar da “magnífica soldadura de Castilla y Aragón” resalta a “ansia de unidad y el deseo de fusión compartido por gobernantes y gobernados”. Non lle estorbaría ter lido ao cronista de Indias Gonzalo Fernández de Oviedo, cando, ao falar das discordias entre os cristiáns, malia seren todos vasalos dos reis, chega a preguntar quen “concertará al vizcaíno con el catalán, que son de tan diferentes provinçias y lenguas? Como se avernán el andaluz con el valenciano, y el de Perpiñán con el cordobés, y el aragonés con el guipuzcoano, y el gallego con el castellano (sospechando que es portugués) y el asturiano é montañés con el navarro, etc?”. Como dixo Lynch, en Monarquía e Imperio: El reinado de Carlos V: “En efecto, la unidad no era una condición natural en los habitantes de España, por lo cual el impulso tenía que proceder desde arriba”. Ese impulso non se produciu, pois a unión só foi persoal e dinástica e os RR.CC unicamente mostraron interese na unificación relixiosa. Se antes do seu reinado había dous reinos rivais, con eles houbo dous reinos asociados; pero absolutamente independentes e tan pouco dados a se mesturar como a auga e o aceite. España aínda tardará séculos en ser unha nación.

Na seguinte entrega ocupareime da falacia do chamado Imperio Español.