Onde gardaremos a memoria?
Durante case sesenta anos, Auschwitz ten contado a súa propia historia, modelada durante os últimos anos da Segunda Guerra mundial. Dispersos, breves e apenas explicados, alí se despregan os obxectos que pertenceron aos mortos. E os visitantes, tan pronto atravesan a porta presidida pola lenda infame, transfórmanse en parte integrante daquela exhibición. Pero agora Auschwitz quere cambiar. Son os efectos do paso do tempo, da presión do turismo e, sobre todo, do cambio xeracional. Case non quedan supervivintes e os avós que foron coetáneos daquela xeira de horror xa son historia. Cómpre, pois, modificar a perspectiva. Explícao Piotr Cywinski, director do Museo Estatal de Auschwitz-Birkenau: hai que suxerir outro nivel de educación, un nivel de conciencia sobre o significado daqueles feitos. Non abonda con chorar. A empatía é un sentimento nobre pero non chega. Auschwitz non pode ser ollado como unha historia antiga senón que precisa de converterse nun fito relevante para o novo século, nun piar da Europa da posguerra que resulta clave para comprender o presente. E nós, deberemos viaxar ata alá para comprender o mundo de hoxe?
Cinco anos despois de que un goberno, e unha consellería, maldicidos como poucos houbo acordara elevar á categoría da normalidade a nosa memoria da represión, apenas fican algúns rescaldos daquel proxecto. A vitalidade asociativa que, arredor da reivindicación da nosa dignidade colectiva, ten agromado por toda Galiza aguanta a duras penas os embates da indiferenza. Os monumentos que se ergueron son símbolos, poderosos, pero incapaces por si sos de conmover as conciencias. Os libros, os documentais, os manifestos e os catálogos acabarán entobados en estantes e anaqueis, privados da voz propia que axude a explicar a súa orixe. E a calquera que lle dea por preguntar, daqui a uns anos, sobre as evidencias físicas da represión brutal que asañou este país a partir do mes de xullo de 1936 pouco lle poderemos contestar como non sexa con mostras virtuais do que houbo e xa non hai. ¡Tráxico!
Falar das feridas que nos causaron os golpistas de 1936 estase a converter nun exercicio virtual. Unha tras da outra, todas as probas materiais da barbarie desaparecen. Quen recoñece na restauración alucinada de San Simón os vestixios dun terrible campo de concentración? Como percibir a imaxe tétrica de penais odiosos, como foron Camposancos, o mosteiro de Celanova, a abadía de Oia e tantos outros, na aparencia fachendosa de urbanizacións de luxo ou de hoteis de elite? Cegadas pola ceifa deconstrutora, as nosas autoridades galicianas non ven chegado o momento de desfacerse de calquer restiño do pasado que poda cheirar a represión. Pero o curioso, é que os outros, os que seica estaban empeñados na rexeneración da memoria fanada, tampouco queren ceder o paso. Agora que hai que procurarlle utilidade ao vello cárcere d´A Coruña, aquel que nas palabras de Manolo Rivas foi "gran centro de detención e paralización da esperanza", a ocorrente solución do Goberno estatal non podía ser outra: facer un parador. Borrar de vez o estigma daquel réxime oprobioso e facer táboa rasa da memoria da represión.
É urxente a reacción dos colectivos que terman da (tenue) chama da memoria, e do corpo social que os alimenta, porque do contrario daqui a uns anos nin sequera teremos que modificar o enfoque educativo dos escenarios da represión franquista. Simplemente, porque non haberá escenarios.
Sostén Rivas que os lugares falan, que adoitan expresar o que queren ser. ¡Ogallá! Eu, que teño unha relativa confianza no que sexamos quen de facer os humanos que andamos por estes lares galaicos, só podo agardar polo sentido común dos lugares.