O xefe da tribo de Galichurrasco ten un xenio que non lle deixa facer nada
O Xefe da tribo de Galichurrasco ten un xenio que non lle deixa facer nada. El ponse teso, severo e con moita reverencia ditamina: "Este asunto non é da miña competencia". El case sempre se declara incompetente. Iso si, está moi seguro de saber cales son as competencias dos demais. Neses casos ponse malhumorado e con cara de xenio, sen perder a compostura de santo de pau que ten que ter sempre un gran xefe de tribo.
E raro o día que non lle espeta na faciana a outros manda-mais doutras tribos os súas obrigas non cumpridas. E vólvese sólido e grave dende o seu elevado petouto cara os indíxenas e dilles: "Porque isto non é cousa miña que si o fora xa eu tiña tomado medidas".
Estivo mais de dous anos todo alporizado, todo enrabiado e todo indignado ollando polos arredores das súas sancristías e berrando coas pantasmas dos anteriores moradores aos que esconxuraba e esconxura a todas horas. Montou até unha feira de quincalla para a venda de autos usados.
Deulle tal ataque de xenio que estivo dous anos con tremesía. Non facía mais que repetir que lle deran todo desconxuntado. Colleu tanta ansia que o aflixía. Tivérono que andar levando de santo en santo e de romaría en romaría para poder desentangarañalo. Pero a pesares de tantas cerimonias aquela ansia, aquela angueira, aquel proído que lle daba o pensar que na tribo puidera haber rebulicio puño moi avinagrado, tanto que non tiña gañas de facer nada.
Por mor dalgúns malos costumes en que os anteriores gurús meteran aos indíxenas tivo que empregarse a fondo: Ripou de tesouras e dunha cinta e púxose a tomar medidas. Comezou a cortar linguas, sobre todo as malas linguas, as linguas vellas, as murmuradoras.... Tamén cortou ambicións insáns e pecadentas; aos que querían ter o privilexio de ter traballo ben pagado, ter colexios público para os nenos, ter residencias públicas par os vellos, crear o seu pequeno posto de traballo.
Os seus pregoeiros e gurús comezaron a predicar -con mais xenio inda que el, porque a estes o xenio si que lles deixa facer- moita austeridade, moita resignación e sobre todo moito "si Señor " e "mande vostede"....¡Mais austeridade, menos necesidades, menos vicios, menos público, menos autonomías, menos Estado, mais sacrificio e mais amor a pobreza!
¡Ningún traballador ou artesán, ou cidadán normal poderá seguir tendo envexa dos ricos, nin avaricia, nin luxuria....Tapen os rabos e todo o que lles colgue, tapen as pernas, tapen os cornos !
Todo será austeridade. ¡Benaventurados sexan os austeros porque eles calmarán a ira dos mercados! E os mercados repousarán tranquilos a súa merenda deica próxima enchente.
Foi entón cando souberon os cidadáns pillabáns cal era a habilidade do gran xefe da tribo de Galichurrasco: ERA XASTRE! E mostrouse como exemplo a tódalas outras tribos do hemisferio norte. Foi o que mais recortou e o que mais e mellor sabe recortar. Recortou e segue a recortar as súas competencias. A cada paso é mais incompetente.
A tribo de Galichurrasco permanecía como unha colonia da grande tribo de Toropintado. O xefe de Galichurrasco cedíalle tódolos poderes a grande tribo de Toropintado onde pasara a súa mocidade de mensaxeiro. Mandoulle aos seus bruxos que fixeran como facía el, declararse incompetentes para tódolos problemas e laiarse moito; e facer que a xente tamén laiara moito. Os seus bruxos tiñan unha receita que el tamén aplicaba e que lle permitía unha gran admiración dos seus súbditos. Para cada mal que sentía a xente buscarlle un culpable, un espírito maligno, e lograr que a xente lle tivera moito odio aos espíritos. E logo o gran xefe e os seus bruxos aparecían nas festas nas celebracións, nas churrascadas, nas sardiñadas, ou tamén cando había que consolar a xente nas desgrazas e nos enterros.
O propio gran xefe era moi apoucado e botaba a vida recibindo e venerando outros xefes, sobre todo se tiñan simbolismo do pasado: Papas, condes, reis. Ao final foi deixando tan ao pairo a súa tribo que a remataron saqueando bandidos e piratas.
Quedaba sen artes e sen peixes e o xefe mandaba mensaxes e misivas, e parecía que estaba de mal xenio, e os seus pregoeiros facían moito fume e moita luminaria por todas partes e falaban de honradez, conciencia, moralidade, democracia, regulación, corrupción, ou se mentes ti ou minto eu, ou a ver quen minte mellor. E mentres, a Gran Voz e a Gran Nube embobaban a xente, os saqueadores continuaban: Industrias, leite, carnes, montes, augas e mares; todiño todo nolo estaban saqueando, e moitas xentes odiando e pedindo a morte dos malos da tribo, que moitas das veces eran os únicos bos e os que trataban de baixalos da nube onde os meteran os bruxos do gran xefe de Galichurrasco.
Postos a saquear, e como llelo poñía moi doado o gran xefe os saqueadores, viñeron a pola arca dos tesouros da tribo de Galichurrasco onde se foran gardando durante moito tempo os tesouros da tribo. E o gran xefe organizou unha prolongada cerimonia de varias lúas e varios novenarios con moito estrondo e fogos de artificio. Novamente a xente cebaba o seu odio contra os que abriran a cova para levar a arca e colleran unha presa de xoias como pago a súa traizón. E mentres tanto ninguén se decatou de que nos marcharon coa arca enteira e os propios ladróns (que actuaron dentro da legalidade) nos contestaron dicindo que a arca pouco valí, seica so tiña unhas cacharradas. Por enriba de burros, mallados....
Mais non pensemos non que o gran xefe da cara de pau de santo non tiña enredos para, entre el e os seus bruxos, emocionar a xente. Onde a receita dos medos e dos odios non fose dabondo, dáballes uns tragos de ilusión e fantasía.
E a súa receita máxica para curar tódolos males da alma -que son os únicos reais tal como di o pontífice supremo da tribo de Galichurrasco- é o camiño. A gran solución consiste en estar sempre andando no camiño. O xefe da tribo entra a cada pouco xunto ao Apóstolo e non para de darlle apertas para que lle guíe o camiño. Din que ate un día, que non andaba de moi bo xenio o propio Xacobe, por mor de que non aparecía o cadáver do Vin Laden e temía que lle fixeran un camiño da competencia na tumba do musulmán, o santo lle botou unha rosma e lle dixo con certo retrouso: "Estou pensando que non sei se te demandarei ante o Tribunal da Rota por acoso"....
Si seguían o seu camiño serían ricos, porcamente ricos,someterían a outros a traballar para eles, terían unha descendencia moi importante (tamén rica) e serían os amos de Galichurrasco onde se farían grandes fortunas do Camiño de Santiago, e de turismo festeiro. O himno da tribo sería o esconxuro da queimada, e so habería un partido cun Consello de vellos. O Consello dos PaPadores.
Este Consello dos PaPadores tampouco tería moito que facer porque a tribo estaría totalmente baixo o goberno do gran gurú dos camisas azuis da tribo grande de toropintado.
E se esta historia non é como a contei aseméllase bastante. Calquera parecido coa realidade pode que este acontecendo.