O Val de Abeleda


É difícil imaxinar, subindo a dura encosta da montaña que despois de Doade e o río Sil nos leva a Castro Caldelas, que á nosa dereita, no punto en que se sinala o topónimo Abeleda, poida abrirse un val aínda extenso, verde e alegre, vizoso e farturento como un soño sempre desexado. Despois de ver o Sil desde os Miradoiros de Monforte ou Sober (Duque, Pena do Castelo ou Soutochao), coas abas precipitas ateigadas de viñedos e os espellos sombreados do río, entrar na Abeleda, no propio outeiro que centra o val e sobre o que se erguen a igrexa e o mosteiro de San Paio, é como chegar a unha meta inesperada .

Alí, esa mestura de paisaxe humana e monumental, énchenos decontado os ollos e pon a mover o pensamento, a análise de como estas xoias que foron definindo o propio ser cultural van agonizando no esquezo e mesmo no desprezo. Igrexa e mosteiro comezan xa a ruína definitiva, sen volta. Igrexa de xanelas e arcos de medio punto ou apuntados, policromados aínda, vencendo heroicamente os ataques do tempo variado; sen teito xa, sen os altares roubados, con esa lección do románico compostelán ou do gótico baril abríndose á luz. A harmonía e sinxeleza do axadrezado nas impostas e arcos, as xanelas puras, altas, os canzorros escondidos tirando á dozura do erotismo, con fermosas flores ou fantásticos monstros que nos miran como espantados, as pinturas milagrosamente conservadas... son en si a protesta muda deste tesouro que berra contra o abandono e a atroz barbarie dos insensíbeis.

Rodean a igrexa de San Paio de Abeleda as ruínas dun mosteiro que foi luz e poder durante a Idade Media, cando os galegos e galegas enchían o Val e as montañas de Castro Caldelas e das ribeiras do Sil. Que sarcasmo, o medieval escuro, pero cheo de vida, fronte a esta modernidade que mata e bota a xente do seu medio en nome do avance social e desta estraña democracia. Percorrer os camiños que arrodean os altos e potentes muros e mirar para esas xoias de firmes e harmoniosa arquitectura, nesta Abeleda sosegada, é acougo e paz, interrogante e, quizabes, premonición da necesaria rebeldía.

A rebeldía que manteñen xentes e organizacións populares da contorna ou de máis aló, como a Asociación cultural e de veciños "Cocas e Danzantes", da parroquia de Santa Tegra que linda coa de San Paio, sempre de Abeleda, ou a que batalla tamén polo noso Patrimonio, "O Sorriso de Daniel", ou a tan movida, "LugoPatrimonio"... constantes na defensa que as institucións oficiais abandonan covarde e interesadamente. Que estraña actuación. O comercio tan rendíbel da explotación da ignorancia como arma política. Porque non é só o patrimonio material o que aquí se defende como base da nosa identidade, senón outro de grandísima importancia para reforzala: o inmaterial, tan rico e diverso e máis maltratado aínda.

Sempre á beira dos nosos monumentos aparecen reflexos do comportamento e creacións populares. En Santa Tegra, curiosamente, celebran o primeiro domingo de agosto a "Festa da Luz", e nela realizan a Danza das Cocas, curiosa expresión rítmica de oito danzantes masculinos ante as Cocas, que son dous personaxes xigantes que observan o fermoso xogo dos mozos. Levan eles cada seu arco de cores cos que fan ensaiadas figuras no ar. Unha delicia que nos lembra as danzas da Cervela, no Incio, a piques de desaparecer por falta de mozos na parroquia. Serían antano, as Cocas, personaxes pagáns que hoxe comparten presenza principal coa Virxe da Luz, introducida, supoño, coa cristianización dos ritos.
Estas festividades, paisaxes e monumentos antigos en curiosos lugares que teñen ese imán co que inmediatamente comunicamos, son parte importantísima da nosa diferenciación, creada así, co viver de cada día, coas formas propias de realizar o traballo, a comunicación e o lecer, a crenza ou o mito ao longo da historia. E hoxe podían ser, axudadas e recuperadas, esa parte cultural e mesmo económica fundamental para deter o descoñecemento, expulsión ou exilio da nosa xente, dos nosos mozos e mozas.

Mais parece ser que aos rexedores do momento non lles interesa. Contraditoriamente. aplauden a campaña de facer da Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade. Nesa ampla zona temos outros monumentos máis a piques de esboroarse, como son a igrexa de San Mamede de Vilasouto, no Incio, ou o vello Pazo de Diomondi, no Saviñao, tamén medievais. Acaso pensan que se poden presentar ante a Unesco cunha rica e impresionante zona tan descoidada? Ah, señor Feixó, vello encantador de serpes, que argumentos poderá argallar entre a súa rápida resposta ao estrago do santuario da Barca e o seu xélido silencio ante o que aquí expoñemos?