O sentimento nacional galego e a forte identidade das nacións celtas
Ben sabido é o que din as crónicas do "Lebor Gabála Érenn" (Libro das invasións de Irlanda) acerca de que guerreiros procedentes de Brigantia, o que hoxe é Galiza, desembarcaron, conquistaron e poboaron as terras da illa irlandesa. Contan tamén que viñan capitaneados por Ith, fillo de Breogán caudillo de Brigantia daquela e construtor dunha torre (Hércules) desde a que Ith divisara as costas de Irlanda, tralo que decidiran iniciar a aventura. Segundo a lenda, os conquistadores galegos bautizaron a illa tomando o nome da deusa Eriu que na súa forma xenitiva Eirinn (a terra de Eriu) deu orixe a actual Eire.
Estes celtas que poboaron Irlanda pasaron co nome roman de Scotti, a terras do norte da illa xemelga dando orixe a Escocia. Ao tempo ocuparon a Illa de Man, Cornualles (Fisterra británica) e Gales. Estas terras con Bretaña (Fisterra francesa) son as que se consideran nacións celtas. A teoría ou lenda foi corroborada recentemente por Brian Sykes, xenetista de Oxford, tras analizar o ADN de 10.000 británicos. Sykes concluíu que fai 6000 anos os habitantes do noroeste da península construíron embarcacións capaces de cruzar o océano e chegar as illas británicas. O territorio xa estaba habitado, pero estas persoas foron asimiladas polos invasores.
Curiosamente a posta en valor dos Celtas nace no século XIX e a través dos nacionalistas franceses no seu empeño de valorar a resistencia e heroicidade dos galos fronte ao todopoderoso imperio romano. Describiron as loitas do caudillo galo e celta Vercingetorix como míticas.
De sempre se quixo poñer como exemplo as nacións celtas, nomeadamente Irlanda e Escocia, no intento de acadar un forte sentimento nacional galego que hoxe, infelizmente, non existe. Poderíamos dicir que Galiza ten unha forte identidade cultural carente de proxecto colectivo de pais e que Irlanda e Escocia teñen unha forte identidade nacional con proxecto colectivo de pais.
En 1836 José Verea e Aguiar foi o primeiro en introducir na súa obra "Historia de Galiza" estas consideracións, sendo Manuel Murguía a partir de 1865 o encargado de difundilas, introducindo ademais o aspecto racial celta presente nos galegos. Para Murguía, Galiza é plenamente celta, unha Fisterra máis, que no pasado mantivo intensas relacións cos outros pobos célticos e que viviu séculos separada do resto da península polas montañas, confinada no seu recuncho atlántico. Deste xeito, a partir e fundamentado nos celtas, xurde en Murguía e en todos os seus estudos a idea clara de nacionalidade galega.
Irlanda ten arredor de tres millóns oitocentos mil habitantes, a súa maior parte diseminados como Galiza, dispón dunha tradicional economía baseada na agricultura e gandería, un mesmo illamento xeográfico, idéntico clima húmido oceánico, e unha tradición migratoria froito da pobreza. Mesmo na adaptación ao territorio este foi dividíndose en pequenos campos ou leiras separados por muros de pedra. Irlanda foi incorporada ao Reino Unido en 1801 pola Acta da Unión, tendo dende sempre un forte sentimento nacionalista debido a varias causas, a primeira delas a relixiosa pola súa maioría católica en contraste co anglicanismo, cousa que non se deu no norte de Irlanda de maioría protestante.
Ademais entre 1845 e 1849, unha praga afectou as colleitas de patacas, alimento da poboación rural, provocando que máis de 1,1 millóns de irlandeses, morreran de fame, tifo e outras enfermidades relacionadas. Un millón de persoas emigraron, fundamentalmente aos USA, dando pé a outra característica que os emparella cos galegos. A pesar da fame, Irlanda continuou exportando alimentos pola neglixencia e desleixo dos propietarios británicos que vivían fora das súas terras e a actitude de deixar facer do goberno británico, aspectos que agravaron a situación enormemente.
Para remate durante séculos Irlanda sufriu numerosas intervencións militares inglesas, ademais dunha importante discriminación en canto a dereitos civís da poboación católica, incrementándose despois do cisma anglicano.
A maioría nas eleccións do Sinn Féin en 1918 obrigou aos británicos en 1921 a outorgar a independencia aos condados de maioría católica e Irlanda do Sur converteuse nunha rexión autónoma dentro do Reino Unido, creándose en 1922 o estado libre irlandés, non sen antes entrar nunha guerra con Inglaterra. O resto formou Irlanda do Norte con goberno en Belfast e representación no Parlamento británico.
A non aceptación das condicións por parte dos loitadores na guerra de independencia provocou unha encarnizada guerra civil, durante a cal foi asasinado Michael Collins, heroe irlandés e presidente provisional. A constitución de 1937 considera a Irlanda un territorio único e en 1948 converteuse nunha República, retirándose formalmente da Comunidade británica.
Irlanda venceu na súa loita contra Inglaterra non tanto pola violencia, que por desgraza foi empregada, como porque o pobo expresou claramente o seu desexo de independencia ano tras ano con repetidas vitorias electorais do Sinn Fein o que lle deu unha forza moral irresistible. Así os irlandeses puideron dar o seu pais unha orientación netamente nacional, que os levou pouco a pouco á prosperidade.
Escocia ten 5 millóns de habitantes e foi chamada Caledonia polos romanos que ocuparon Inglaterra e Gales pero non eses territorios do norte. Na actualidade o eixo económico e político está situado no Central Belt formado por Edimburgo e Glasgow, a semellanza de Coruña e Vigo en Galiza. Glasgow é máis industrial podéndoa identificar con Vigo e Edimburgo, a capital, é máis do tipo da cidade coruñesa.
O patriota máis famoso foi Willian Wallace que derrotou aos ingleses en Stirling, sendo posteriormente traizoado e non acadando Escocia a independencia ata anos máis tarde nos que Bruce foi coroado Rei. Famosa é a pugna pola Pedra do Destino, sobre a cal os escoceses sempre coroaron aos seus reis e que foi roubada polos ingleses en 1246 (a actual Raíña inglesa foi coroada sobre ela), non recuperándose ata 1996, data desde a que está no castelo de Edimburgo, debaténdose na actualidade que pasará cando morra a Raíña inglesa.
Tamén as loitas nacionais tiveron compoñente relixioso, sendo de subliñar o pacto nacional dos Covenanters, asinado polos presbiterianos reformistas para defenderse dos católicos e que posteriormente foron duramente reprimidos polo Rei de Inglaterra por non dobregarse as súas pretensións en canto a relixión. Os Covenanters foron engaiolados no cemiterio de Edimburgo e sometidos a condicións inhumanas ata a morte polo seu carcereiro McKenzie. Precisamente este persoeiro nos da pe a comentar ese gusto escocés polas historias de ultratumba a semellanza dos galegos, xa que se converteu na pantasma máis documentado do mundo, atemorizando aos visitantes do camposanto. Dise tamén que non hai castelo en Escocia, e hainos dabondo, sen pantasma, así como tamén rúas en cada cidade onde se aparecen.
Escocia pode lexislar e executar lexislación sobre as súas competencias, sendo definida a atribución destas por unha Lei do Parlamento británico polo que outra Lei en contra as podería revogar, cousa moi difícil polo xeito de ser dos Británicos. Este modelo de Devolution escocesa xurdiu en consideración de que Escocia se anexionou voluntariamente ao Reino Unido tras o Tratado da Unión en 1707.
Na actualidade goberna en Escocia o SNP (Scottish National Party), socio dos nacionalistas galegos no Parlamento europeo na ALE, e o seu Presidente Alex Salmond ten prometido un referendo este ano para decidir se aumentar o grao de autogoberno ou ben camiñar cara á independencia. Comentar tamén as atribucións económicas escocesas dispoñendo dun Royal Bank of Scotland e mesmo de libras escocesas, de curso legal pero sen capacidade de cambio por outras divisas.
Teñen os escoceses unha importante diferenza no Parlamento europeo en contraste cos galegos, e está é que os temas importantes que nos afectan enormemente, caso da pesca, o leite ou os estaleiros, non os pode defender Galiza, senón que forma parte simplemente da comisión delegada. No Reino Unido, se hai que negociar unha cuestión de pesca, por exemplo, só iria a delegación escocesa, que é a máis afectada. Xa vimos, e estamos vendo (carbón) a grandísima importancia que ten isto.
Podemos concluír que os condicionantes que se deron en Escocia e Irlanda e que moldearon a súa identidade nacional non se deron Galiza onde tampouco se deron pugnas relixiosas, agás a de Prisciliano. Argumenta algún historiador, ademais, que as condicións vitais do campesiñado galego foron mellores ao garantirse un dominio estábel das terras.