O retroceso xeracional aos anos 70 e 80

Aquelas persoas que naceron na época final da ditadura de Franco presenciaron como a infancia os abandonaba durante a década de 80 do pasado século e tamén contemplaron como a adolescencia se apoderaba deles nos institutos. Os anos da coñecida como “transicion” desembocaran nunha sorte de confluencia de monarquía parlamentar e democracia burguesa occidental, co cal a nación se viu encorsetada nun axustadísimo corsé autonómico en que aínda se agora acha. Do meu acordo, varios temas eran recorrentes nas conversas familiares ou veciñais na altura (a educación, a lingua, o marco legal do aborto, o papel da muller na sociedade…), de análogo modo a como varias situacións socioeconónicas e culturais que afectaban determinadas camadas da populación eran igualmente habituais, cando menos en certas zonas das cidades (a fronteira nalgúns casos bretemosa entre a exclusión social e a integración, as diferenzas formativas xeracionais, o desarraigo nas crianzas que nacen na cidade cunha familia procedente do mundo rural etc.). Entre as substancias de desconexión colectiva, a droga estaba a dar os seus primeiros pasos en determinados sectores da mocidade, alleos ás súas consecuencias. E bastante xente, moita máis que na actualidade, mantiña uns vínculos singularmente fortes co xa agonizante mundo rural que se traducían, por exemplo, na clásica visita semanal á aldea para visitar a familia, nos veráns tamén nesa mesma aldea ou no consumo de “produtos da casa” de innegábel dignidade e calidade (carne, embutidos, froitas, legumes, leite, ovos, viño etc.), provenientes das vellas hortas petruciais.
Hoxe, transcorridos uns anos, algunhas persoas teñen reparado informalmente nunha especie de retorno sociolóxico a actitudes e comportamentos que eran moito máis habituais naqueles tempos que mesmo na década de 90 do pasado século ou nos primordios do XXI e que hoxe, por diversas causas, voltan a se atestar. Evidentemente, unha constatación destas impresións necesitaría dunhas metodoloxías que as confirmasen cientificamente ou que as infirmasen de vez, como as que se recollen no clásico traballo editado por Leon Festinger & Daniel Katz Los métodos de investigación en las ciencias sociales (1992) ou na obra de Stéphane Beaud & Florence Weber Guia para a pesquisa de campo (2007). Con todo, séndomos sabedores que a percepción de quen isto escribe pode estar totalmente errada ao non dispormos de datos avaliábeis, non nos resistimos a comentar nestas páxinas algunhas desas impresións sobre mudanzas nos hábitos sociais que parecen lembrar o que acontecía hai unhas décadas.
Así, a noso ver, asistimos á reprodución de determinados comportamentos sexistas nas relacións entre mozas e mozos. Cientes de que infelizmente nunca desapareceran de todo, moitos deles, por determinados motivos, xa viñan sendo considerados case extintos ou, no peor dos casos, secundarizados, de aí que non deixen de nos sorprender certas actitudes. Agora, nestes tempos de involución, agroman de novo vernizados de óleos de normalidade: así as cousas, non poucas mozas asumiron que as súas parellas masculinas teñen de exercer sobre elas diversas tipoloxías de control, tales como saberen con quen están elas cando non se achan cos namorados, a que horas chegan á casa ou con quen van ao cinema cando non foren co mozo. O máis daniño disto é que elas propias chegan a pensar que tal marcaxe se traduce nunha maior dose de compromiso e afectividade nesa relación por parte dos acompañantes masculinos. Mais sabemos que, na realidade, só se trata dun posíbel preludio a ulteriores e máis graves actitudes.
Evidentemente, as raparigas, protagonistas pasivas desas pautas de comportamentos, non son as responsábeis da súa constatación. Á espiral crecente de caspa intelectual, promovida por círculos mediáticos da ultradereita española, correspóndelle unha boa parte das causas. Os programas lixo orientados maioritariamente cara ao público feminino ou cara á mocidade, o traballo ideoloxizante levado a cabo por algúns sectores do profesorado no ensino primario e medio ou determinados ideoloxemas reaccionarios transmitidos desde os medios de comunicación son, en boa medida, os causantes de tales actitudes. A modo de mostra de ideoloxías caducas, lembro o telexornal dunha televisión española de hai varias semanas, en horario de máxima audiencia, en que se transmitía unha noticia da seguinte índole: as nenas ían vestidas en ocasións de modos que se poderían considerar insinuantes ou impropios da súa idade; polo contrario, dos nenos non se comentaba practicamente nada e poucas imaxes eran pasadas nesa reportaxe, pois o poder de estimular a sensualidade só ficaba adscrito á condición feminina. Cos rapaces parecía non ir o asunto.
Noutra orde de cousas, a emigración masiva do campo á cidade na segunda metade do século XX trouxo consigo impactos sociolóxicos aínda hoxe complicados de se poderen determinar con exactitude. Ás mudanzas na populación activa ou ás transformacións na estrutura demográfica acrecentouse o desarraigo afectivo-emocional dalgunhas crianzas a respecto das súas familias, que se traduciu en diversos graos de falta de integración cultural, lingüística, económica ou social. Isto, que se percibía na década de oitenta con relativa facilidade, estivo relacionado xunto con outros factores co feito de que determinadas zonas urbanas gañasen en conflitividade. Na cidade da Coruña, que é a localidade que mellor coñezo, os bairros denominados popularmente como “Corea” (Labañou) e “Katanga” (Casas de Franco), xunto aos da Agra do Orzán, Montealto, a Sagrada Familia, A Silva ou Palavea, protagonizaban frecuentes conversas entre as súas respectivas veciñanzas polas liortas que tiñan lugar con algunhas bandas xuvenís adoito durante as fins de semana. Na década de 90 do pasado século e nos primeiros anos da actual centuria esa problemática desapareceu case por completo, produto, sen dúbida, do avanzo da educación a un universo maior da populación en idade escolar e da mellora das condicións xerais de vida, conquistas sociais todas elas hoxe baixando degraos a ritmos trepidantes.
Mais na actualidade, sen chegar porén aos graos de tensión daquela altura, voltan a se documentar cada vez con máis frecuencia determinados episodios esporádicos de fricción social nalgúns sectores da cidadanía. Varias son as causas en que pensamos: un dos motivos que nos vén á cabeza ten a perda dos dereitos das clases traballadoras como hipótese; incribelmente, máis horas de traballo implican, grazas ao PP, menos ingresos mensais, e unha minoración salarial pode traer consigo a precarización das relacións humanas ou unha redución do tempo dedicado ao lecer, o que é capaz de xerar, de novo, adusteza na sociabilidade. Outra das posíbeis causas que se nos ocorre parte do pioramento das condicións laborais do profesorado, que é cuestionado desde moitas frontes coa subsecuente merma da súa capacidade de referenciación educativa e modelar. E reparemos onde van os diñeiros públicos que tiñan de ir orientados cara á dignificación e mellora da educación: son dirixidos para investimentos en arranxos de igrexas, para festexos ridículos, para touradas etc. Dá para matinarmos en que non é unha moito boa medida.
A precariedade laboral e salarial tamén ten as súas repercusións, como non podía ser doutro modo, na vida diaria das familias. Menos recursos a entraren na casa traen consigo a adopción de medidas máis propias de hai algún tempo e cómpre rendibilizar os que conseguen ficar nos fogares: conforme era unha práctica relativamente habitual en finais do século XX, as irmás máis idosas tornan hoxe en día a cederen a roupa que xa non usan ás máis novas e os irmáns pequenos, paralelamente, herdan a roupa dos máis vellos; os carros de gama media teñen de durar máis que hai uns anos, como na década de 80, e moitos electrodomésticos son adquiridos en loxas de segunda man; ao mesmo tempo, o altísimo indice de desemprego entre a mocidade fai cuestionar se a formación académica ten algunha utilidade para a consecución dun posto de traballo, tal como se podía ouvir con máis frecuencia hai trinta anos; no ámbito da alimentación, quen tiver a sorte de poder consumir “produtos da casa” fai estes apareceren nas mesas con maior asiduidade; doutra parte, reséntese a vida social e a xente fica máis tempo na casa; o coidado da familia, daqueles avós e avoas coa saúde delicada, volta a depender case en exclusiva das mulleres, que, ao mesmo tempo, deben exercer de amantes esposas, nais doces e procuraren, se for posíbel, algún traballiño extra para a axuda na economía doméstica. Por acaso non parece todo isto propio de hai tres ducias de anos ou máis?
O panorama legal do proxecto da LOMCE non é moito mellor: unha disposición ministerial que é capaz de segregar por sexos nas salas do ensino, que é quen de xerar estudantes de primeira e de segunda clase grazas ao cuestionado sistema de reválidas (até un máximo de cinco, contando coa hipótese de as facultades organizaren unha), que sitúa a materia de relixión ao mesmo nivel que outras disciplinas fundamentais, que favorece a inxerencia do Estado nas nosas competencias en cuestións educativas, que acaba coa xestión democrática ao depositar na dirección do centro a tomada de decisións, que defende que as axudas económicas aos colexios e liceos estean en función directa dos seus logros educativos e non das súas necesidades reais… Unha lei así, ao noso ver, equivale a regresarmos non xa á década de 80, mais a antes da Lei-70 de Educación, cando a formación que podían recibir os escolinos dependía umbilicalmente do poder adquisitivo da familia. A situación da economía, dise desde os gobernos galego e español, lexitima tomar esas medidas de reaxustes. Mais a tan mentada crise económica que, conforme afirma o BNG, “non é unha crise, é un roubo” ás clases traballadoras, non afecta nin o IBI das propiedades eclesiásticas, nin a case perpetuación dos convenios de axudas a colexios concertados, nin as escuras finanzas do PP.
,En 2013, voltamos igualmente á decada de 80 desde o marco lexislativo ao pensarmos na lei do aborto que a ultradereita e a Conferencia Episcopal queren impor. Ruíz Gallardón, para poder ter certa hipótese de acompañamentos entre o seu partido e así promocionar en política, tivo de pactar cos sectores máis resesos do PP os tales apoios. Por iso, se esa lei saír adiante, o racional dereito de toda a muller a decidir sobre a súa potencial maternidade, que debería ter garantido calquera persoa do sexo feminino, non só non avanza, mais antes retrocede case catro décadas. E, como acontecía na década de 80, as mulleres que quixeren interromper voluntariamente a súa gravidez non terán oportunidade de o faceren con todas as garantías de normalidade propias dun país desenvolvido: por un lado, aquelas con recursos acudirán a un centro médico privado, aquí ou noutros países, para levaren á práctica a súa lexítima decisión de non seren nais; mais, por outro lado, quen se achar na situación de non dispor de posíbeis, quer vai verse na obriga de parir unha crianza non desexada, quer terá de acudir a unha clínica de dubidosa profesionalidade embora asumíbel en termos económicos.
Nalgúns casos, até se non poden descartar os servizos das compoñedoras especializadas en tales mesteres: en palabras dun ancián dunha aldea próxima da Coruña, así como aquelas arranxaban en tempos as malentendidas honras himénicas portadoras da virtude, agora quizais algunha se vexa na obriga de “compor o corpo” ás mulleres que llo solicitaren. En rexións próximas de Portugal, mesmo haberá xente que sinta saudade das axudas dunha abortadeira, muller do ámbito rural que, de acordo con José Leite de Vasconcellos (Etnografía portuguesa, vol. X, 1988), se dedicaba no século XX a interromper a gravidez. E lembramos aquí, grazas á brillante prosa de Marica Campo, a figura de María Balteira, que tivo de acudir a Eusenda de Armea para “desfacer aquilo que lle fixeran ao seu pesar […]. Apenas unha semana” e voltaría “á vida de sempre, como se nada tivese pasado” (Confusión e morte de María Balteira, 2010).
Ben, abonda por hoxe. Deixemos a comparación dos nosos días con aqueles. É moito probábel que alguén defenda que o retroceso sociolóxico non torna aos anos oitenta, mais a moito antes, aos tempos da posguerra máis dura e máis represiva. E, sen dúbida, non lle faltará razón nin quizais memoria. Actualmente, faise necesaria, máis que nunca, a contestación cidadá a estes e a outros atropelos en que os gobernos nacional e estatal asentan as súas políticas antisociais. Non queremos estas leis nin unha precarización da calidade de vida, igual que tamén non queremos, como galegas e galegos, nin que a lingua desapareza nin que macrominarías selvaxes en Bergantiños poñan en perigo a fermosa rexión cantada polo bardo Pondal. Convennos, pois, a necesidade de dicirmos “non” ben alto para que o eco dese berro seco colectivo implique a tomada de consciencia da sociedade galega no sentido en que só a soberanía é capaz de frear e reconducir esta involución social. Unicamente un pobo autoorganizado en termos políticos posúe verdadeiras ferramentas capaces de construíren o seu futuro para non tornar ao pasado, sexa este recente, como os anos oitenta, sexa máis lonxincuo.