O PP quérenos facer calar

Manifestación de Queremos Galego, esta mediodia en Santiago
O PP quérenos facer calar

A decisión tomada pola Mesa do Parlamento esta pasada segunda feira de nin tan sequera admitir a trámite a Iniciativa Lexislativa Popular promovida por Queremos Galego evidencia, de xeito máis gráfico imposíbel, o terror do Partido Popular xa non a ter que debater no Parlamento, abertamente, sobre os dereitos lingüísticos das galegas e galegos no seu relacionamento coas administracións públicas ou no ámbito do ensino; senón o que para eles é peor, que ese mesmo debate se traslade ás rúas do país, "cara a cara", durante un período relativamente amplo. Xa non serían eles os que controlarían os tempos, axitando mediaticamente o "espantallo" da lingua a conveniencia, e xa non o poderían controlar, ademais, "a distancia", como mellor se lles dá: quer desde os medios quer desde as institucións e entidades que controlan.

A intensa campaña social de promoción e recollida de apoios para unha ILP como a que promove a plataforma cidadá da que participa activamente o nacionalismo significa afortalar "por abaixo", a pé de rúa, un debate social de seu tan revirado e manipulado como é o que xira arredor da lingua. Destecer a gran trapallada da imposición, explicarlle á xente con exemplos concretos todo o que está a desfacer o actual goberno e todo o que significa un proceso normalizador digno de tal nome, é xusto o que non quere, porque non lle convén, o Partido Popular. Para seguiren a gozar do poder no marco dunha sociedade tremendamente desinformada sobre si mesma, á galegofobia válelle calquera recurso: mesmo vulnerar, se for preciso, un dereito democrático tan básico como o de promover unha iniciativa lexislativa popular, garantido mesmo pola súa sacrosanta Constitución española. Toda unha declaración de principios, abofé!

Non importa. Asegurábamos hai uns días que, mal que lles pese, este pobo seguirá adiante na defensa da súa lingua a súa cultura. Non verán os ollos do PP e os seus acólitos a Queremos Galego dobregarse.