O Porto, tan preto


Algunhas políticas coutan ou estiran e deforman o territorio e a cultura. Impoñen orelleiras pra non ver máis alá do formigueiro do localismo. Cando as relacións contribúen ó florecer. Hai moito de nós ó que a Historia lle deu as costas e viceversa: o Bierzo, a Astúrica romana e medieval, pero sobre todo ás activas cidades trasmontanas veciñas, como Vila Real ou Braganza, ás miñotas como Viana do Castelo, Braga, Guimaraes e no Douro, Porto, incluso máis abaixo Coimbra. Parte da Gallaecia Bracarense na que se conformaron historias logo distorsionadas.

Podemos comprobar a riada de turistas que atrae ese Portugal irmán. Viaxeiros que ignoran onde queda Galiza. Estudar e ofrecer este combinado tería razón de ser no mercado turístico. Porto é un gran cidade, por algo incluída como Patrimonio da Humanidade. Cunha historia común, condenadas a entenderse. Comezando pola prehistoria de megálitos ou de castros que controlan o Douro, como o Miño ou o Limia, fluíres que guían e meten na Celtiberia. Tribos noutrora unidas contra o imperio de Roma para recibir o nome de Gallaecia. Onde tanto se conforman eremitorios e seminarios, priscilianistas como reciben afervoados a misión de Martiño de Dume, entre un ir e vir de santos dos que nin se sabe en Roma… Vencellos comúns fronte ó islam en momentos nos que se acollen nas covas caudillos que imitan ó don Pelaio da Gallaecia asturicense, abandeirados do novo lábaro da cruz. Velaí ó outro galaico Vimara Peres (820-870), con monumento a carón da Catedral do Porto, por crear aquí e no Guimaraes, que lle da topónimo, estratéxicas bases militares. Nacemento dun condado e matriz de moito máis. Catedral fortaleza crecida no Románico, erguida sobre o Porto-Calem dese Douro que pasa encaixado por esa canle entre o outeiro do Pilar, orixe de Portugal: miradoiros dunha cidade que vencella herdos mediterráneos cos hanseáticos e os atlánticos... que se reamuralla en tempos romanos, suevos e medievais, que medra nas súas encostas e nas súas ribeiras. Catedral que segue as pautas de calquera outra catedral da Galiza, sólida e reformada en cada tempo: o claustro gótico, do século XIV, recuberto no Barroco polo portuguesismo deses azulexos azuis con escenas míticas enmarcadas entre grilandas deseñadas por Nicolau Nasoni. Ó seu carón o solemne pazo episcopal, pentagrama de xanelas, como versos ó ritmo dos volumes da cidade. Faise obrigado baixar polo convento de San Lourenzo, 1577, de frades xesuítas exclaustrados, ocupado polos agostiños ou “frades grilos, por iso popular Igrexa dos Grilos. Seguimos furando cara abaixo polas labirínticas rúas, case napolitanas. Parte antiga, sempre a recuperarse desa mala sona por cantos se acollen entre as sombras e o desleixo. A Igrexa de San Francisco empoleirada sobre a Ribeira, nese estilo mendicante galego, por ter os franciscanos galegos a Portugal como parte da súa provincia. Compre entrar, baixar á cripta dos enterramentos e das filosofías, meterse no ouridourado outono do exuberante barroco, enredarse entre a filigrana do altar da Xenealoxía de Cristo.

Comprenderemos por qué a palabra e o Barroco ten berce e florecer en Portugal. Á súa banda o gran edificio da Bolsa para expresar o poder da Asociación Comercial do Porto e o gran poder do viño. Obra do 1842 enxalzando o romanticismo. Porto é cidade fondamente decimonónica, de saudades románticas e así se expresa nos estilos dos salóns da Bolsa: da sobriedade ó exotismo, entre eles o “Salón o Árabe”, que recrea sobre temas islámicos granadinos. Igrexa sobre igrexa nos degraus que debuxan a cidade. Detrás a de San Nicolau e a súa parroquia. Nun viría mal un acougo no café do antigo mercado de ferro de Ferreira Borges, que tamén acolle o Hard Club de músicas novas. Visitaremos a rehabilitada construción medieval da “Casa do Infante Enrique o Navegador”, portuense de liñaxe británico (1394-1460) que, dende o Segres no cabo do mundo de San Vicente, abriu á era dos descubrimentos e de máis imperios. Escola na que se forma a enturbada figura de Colon. Di moito de si unha cidade sempre a tramar pontes, como a “ponte das barcas” destruída polos franceses entre miles de vítimas, para logo construírse a Ponte Pensil , a súa vez desmantelada para dar paso á icona da cidade que é a Ponte de don Luis, encaixe de ferro deseñado polo enxeñeiro Teófilo Seyring. Máis alá a ponte ferroviaria de María Pía. Obras nas que participan construtores do grupo de Gustavo Eiffel. Entre outras pontes máis recentes, que conxugan a elementalidade e a funcionalidade: a de Arrabida, de 1963, do enxeñeiro Edgar Cardoso, a Ponte do Infante, e a mais moderna a Ponte do Freixo, con vistas ó Palacio do Freixo, arquitectura de Nasoni, pousada pra soños barrocos. Ribeiras para ollar ós barquiños rabelos, lembranzas turísticas de denantes dos encoros, daqueles outros que dirixidos polo o rabo do seu temón, dende o Alto Douro dos socalcos de Pinhao e Regua salvaban os rápidos do Douro, cargados cos pipotes dese viño que embotellado adornaría cerimonias e misas do mapamundi.

Na Ribeira tomaremos uns petiscos, ou xantaremos algo máis na compaña dun alegre viño verde ou da sobriedade do maduro, si acaso un bacallau á boroa, para seguir no sabor e ritmo da viola e da beleza. Casas vestidas de azulexos, ou caleadas, dando esa cor e ánimo que se perde en Galiza. Para despois, andando, entre os versos de ferro da ponte de Don Luís, meternos en Canle, en Gaia e nalgunha desas adegas para catar os Ruby, os Late Bottled vintage, os Tway... universo de retrogustos, de séculos de vinicultura, embriagando os sentidos, o cheiro doce, a pasas e madeira de carballo enchoupada en décadas de vinificación.

Nunca é tarde no Porto, compre subir pola rúa de Mouzinho da Silveira, entre tendas de todo, mesmo de obxectos litúrxicos entre os que se pode atopar a imaxe de calquera santiño insospeitado...deixar a Estación do San Bento, punto de encontro da cidade, con ese rebulir de solemne cuarto de estar, entre azulexos coa historia de Portugal, obra de Xurxo Colaço. A rúa dos Aliados, a Praza da Liberdade, o modernista e literario Café Guarani, o Concello co ergueito beffroi, a rebuldeira rúa de Santa Catarina á que se abre o decimonónico Café Majestic, de dourados, espellos e lámpadas de vidro entre o marmurio de turistas... O art-decó do Teatro Coliseo...as multinacionais entre as esencias artesanais e as vellas pastelerías, tradicións que aínda abren portas entre os tripeiros, así popularmente coñecidos os portuenses, por alimentarse das tripas en momentos de penurias. A Praza da Batalha co Teatro Nacional do Sâo Joâo.... Deixamos o mercado do Bolhao e sempre arredor do Concelho, con esas rúas que nun intento racional soben ou baixan para rematar por perderse no Barroco ou no Romanticismo. Sobre a cidade, como outro beffroi a competir o faro barroco da Torre dos Clérigos, obra do Nicolao Nassoni, sinálanos o imprescindible barrio do Carmo, enredado entre o decimonónico tranvía, cos seus templos, a universidade, a fermosísima Librería Lello, templo do libro que semella máis para perpetuar a tradición que para vender...e o rexio edificio da Cadea de Renta, paredes coas historias do máis grande escritor, como xulgaba Saramago, sobre o romántico e contrapelo Camilo Castelo Branco, e o seu amor adúltero Ana Plácido. Aquí, en 15 días, escribiu “Amor de perdición”. Espazos que acollen hoxe o Centro Fotográfico de Portugal. Perto o Palacio de Cristal, que foi para a gran exposición do 1865, demolido para dar lugar ó Palacio de Deportes do 1951. Parque co Museo Romántico, casa dos últimos días do último Rei de Italia. Por Cedofeita, seguiremos cara a Igrexa de Lapa, solemne neoclásico pra acoller o corazón de don Pedro, o emperador do Brasil. No seu camposanto o nicho do grande Camilo, que todos tutean...

Seguiremos á Praza Mouzinho de Albuquerque, centrada pola columna conmemorativa da vitoria fronte ós franceses, preto da deconstructivista Casa da Música do arquitecto holandés Rem Koolhaas, referente do novo Porto. A avenida de Boavista condúcenos á Foz, ó Castelo do Queixo, ó de San Joao... deixando a medio camiño a Fundación Serralves, coa súa mansión art decó e os novos espazos deseñados por Alvaro Siza para as instalacións e as performances contemporáneas. Pouco mais abaixo, en Lordelo do Ouro, cara Mazarelos e á Ponte da Arrabida atopamos, aberto ó Douro o estudo do arquitecto Siza, anovador do espírito portuense, o mesmo que ainda latexa no cineasta Manuel de Oliveira, con máis de cen anos de vida, de neno formado entre esas pedras con tantas historias por contar do colexio xesuita de Camoposancos, na Guarda.... E ise outro novo Porto a medrar, o do Estadio do Dragao do arquitecto Manuel Salgado, o do modélico aeroporto do arquitecto Joao Carlos Leal ...Pasado e presente entre o que serpentea un camiño que busca Compostela, a Galiza orixinal, esa parte súa, como canta e nos da esperanza Paulo Bragança en "Sou galego até o Mondego"