O patrimonio cultural e a Igrexa católica

O patrimonio cultural e a Igrexa católica

O patrimonio cultural deste país ofrece un gran potencial económico como recurso turístico. O turismo cultural ten cada día maior peso na economía galega e, desenvolvido dun xeito sostíbel, debería axudar a valorizar a nosa riqueza patrimonial e a fixar poboación no medio rural. A distribución poboacional de Galiza permitiunos ir acumulando, ao longo da historia, un riquísimo patrimonio espallado por todo o rural galego.

Os principais organismos internacionais dedicados ao estudo ou á promoción do turismo coinciden hoxe en día en recomendaren o desenvolvemento da relación entre cultura e turismo, tanto como recurso e potencial de desenvolvemento local e nacional como garantía de conservación e posta en valor do patrimonio e catalizador para a sustentabilidade.

As e os turistas españois que viñeron a Galiza por motivacións culturais en 2008 foron 550.000. Nos útlimos 7 anos, o crecemento deste tipo de turistas é de máis do 100%, o que significa xa o 7% do total. Este tipo de turistas fan unha estadía sensibelmente maior que a do resto dos turistas e realizan un gasto medio diario superior á media, que só en 2008 supuxo case 220 millóns de euros.

Os turismo cultural, no caso das persoas orixinarias de fóra do Estado español, tamén ten unha tendencia ao aumento. Para este tipo de turistas, os anos santos teñen unha influencia importante, xa que sempre se produciu unha tendencia ao aumento despois de cada Ano Santo: 1993, 1999 e 2004. Esta tendencia á alza seguramente se manteña ao longo de 2011.

Os impactos directos e indirectos do turismo en Galiza supoñen máis do 10% do PIB, en que o 2,53% corresponde ao turismo cultural. A día de hoxe, o turismo cultural posúe unha incidencia maior que sectores moi consolidados, como poden ser a pesca, a industria da alimentación e a metalurxia, e sitúase xusto por debaixo do sector que agrupa todas as actividades enerxéticas relacionadas coa electricidade, o gas e a auga.

Para que a importante rede de establecementos hosteleiros poida medrar e este potencial económico poida seguirse consolidando, é preciso que o sector primario gañe peso e permita, desta maneira, manter vivas as nosas vilas e aldeas, ademais de protexer e valorizar o noso patrimonio. Este é un dos apartados que a día de hoxe se atopa en peor situación. A Consellaría de Cultura vén de recortar nun 82%, en relación co orzamento do ano 2010, os fondos para a protección do patrimonio galego. O PP ten consignados para o 2011 750.000 € para axudas á protección de bens patrimoniais e 1,3 millóns de euros para a conservación de patrimonio eclesiástico. Estas cifras ridículas contrastan cos 23 millóns de euros que o Goberno galego enviará ao Gaiás.

A reforma de Aznar en 1998 permitiulle á Igrexa Católica seguir co expolio patrimonial

A Lei hipotecaria española, redactada en plena ditadura e modificada polo Goberno do PP que presidía Aznar en 1998, concédelle á Igrexa a potestade de inscribir a seu nome no Rexistro da Propiedade bens que non estaban inscritos a nome de ninguén. Este acto coñécese como "inmatricular". O artigo 206 da Lei hipotecaria dálle a posibilidade ao bispo, en cuxa diócese se encontre a finca, a certificar a propiedade e rexistrala.

O lexislador franquista permitíalle á Igrexa rexistrar todo tipo de bens "a excepción de los templos destinados al culto católico". Na primeira lexislatura de Aznar, o PP retirou esta excepción sen levalo a debate ao Congreso dos Deputados, facendo uso dun Real decreto, o 1867.

Grazas a esta modificación, a Igrexa rexistrou a seu nome catedrais e outros edificios históricos de valor incalculábel, chegou a rexistrar en 2006 a Mezquita de Córdoba. O único informe que se coñece da aplicación desta lei é o que realizou o Parlamento de Nafarroa en 2008. Neste tempo, o Arcebispado tiña rexistradas 1.086 fincas e edificios en territorio navarro, onde diferentes plataformas en defensa do patrimonio público están a denunciar este feito.

En Galiza, coñecemos a denuncia do bispo de Lugo, o señor Alfonso Carrasco Rouco, contra 59 veciños da aldea de Ribadulla, no Concello de Santiso, por ter constituído unha asociación veciñal e rexistrar o campo da festa a seu nome. A reacción da veciñanza veu motivada ao coñecer que o Bispado de Lugo tiña previsto vender a Reitoral, en que incluía o campo da festa de Ribadulla. As 59 familias da aldea reclaman o carácter público deste espazo e da igrexa que todos e todas axudaran a construír, despois de que a vella igrexa románica quedase baixo as augas do Encoro de Portodemouros.

Non é de recibo que en pleno século XXI existan todos os días noticias en que se narra a destrución do patrimonio galego que segue en mans da Igrexa. O 2010 remataba co derrubamento da fachada do que fora Palacio de Verán dos bispos de Lugo, a carón da igrexa románica de San Paio de Diamondi, no Concello do Saviñao, unha xoia do románico civil que agora o Bispado pensa restaurar con cartos da Xunta de Galiza.

A Igrexa Católica non pode seguir recibindo cartos públicos para o mantemento do patrimonio cultural que logo considera de uso exclusivo e que a maioría das veces dificulta a súa visita e o seu uso como recurso turístico. Xunta de Galiza, deputacións, veciñanza e concellos financian a restauración de edificios que mañá mesmo a Igrexa podería pór á venda. Ademais, a Administración pública debería esixir unha contraprestación a cambio de lle conceder unha axuda.

É precisa unha desamortización civil que lle devolva a propiedade do patrimonio galego ao pobo e cómpre tamén frear o expolio de patrimonio público que a Igrexa Católica está a facer en Galiza. Ninguén nega a utilización das igrexas para o culto mais, como bens patrimoniais do pobo galego, os poderes públicos deberían garantir a súa propiedade para xeracións vindeiras.

Sería urxente a modificación da Lei hipotecaria mais tamén facer un estudo rigoroso de cantos bens foron inmatriculados pola Igrexa Católica en Galiza.