O nacionalismo visto por Carvalho Calero: extensión e intensidade

O nacionalismo visto por Carvalho Calero: extensión e intensidade

Nunha entrevista, publicada ao pouco da súa morte, confesaba Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) que el era -por se houber lugar a dúbidas- nacionalista e autodeterminista. Naquela entrevista, realizada polo poeta e crítico Francisco Salinas Portugal e publicada en libro co título Voz e siléncio en 1991, Carvalho Calero expresábase en termos máis nidiamente políticos que en libros de conversas anteriores. Xulgaba daquela que vivira mundos moi diferentes, estabelecendo unha interesante comparación entre o nacionalismo dos anos trinta e o nacionalismo actuante no postfranquismo e na etapa autonómica, xa na última década da súa vida. Sen ningunha clase de mistificación, non tiña reparos en advertirnos que o nacionalismo dos anos trinta era unha aspiración ideal dunha minoría que no noso País era consciente ou cría ser consciente, da verdadeira natureza dese País. Valorado, pois, como se debe, na súa xusta medida, carecemos de fundamentos reais para pensar que o nacionalismo daquela etapa tiña mellor aceptación, maior introdución social e unha representación institucional máis importante cuantitativamente que o actual, algo que somos proclives a facer habitualmente. Así, temos que ter presente que os deputados nacionalistas elixidos nas Constituíntes de 1931 fórono por figuraren nas seccións que as candidaturas republicanas reservaban ás minorías. No momento en que concorren unicamente baixo as siglas do Partido Galeguista pérdese esa representación.

Carvalho Calero foi unha testemuña excepcional na historia recente de Galiza e nos acontecementos máis relevantes do século XX. Participou do labor cultural do movemento galeguista a través do Seminario de Estudos Galegos e da revista Nós, así como da necesidade de contribuír á produción literaria en galego e ao estudo da mesma. Asistiu nos anos da II República á concreción orgánica do nacionalismo no Partido Galeguista -único partido en que militou- e realizou unha contribución ao Anteproxecto de Estatuto de Autonomía e ao Estatuto que se plebiscitou en 1936. Viviu a amarga experiencia da Guerra e a represión posterior sobre os vencidos. Axudou en todo o posíbel á recuperación cultural de Galiza nos anos da Ditadura e soubo manterse coherente e fiel aos principios ideolóxicos do nacionalismo desde unha posición independente.

Creo que é precisamente a súa actitude na década dos oitenta a que mellor nos permite xulgalo e calibrar a lealdade a estes principios, a non claudicación. Por esa mesma firmeza foi condenado en vida ao ostracismo e tamén despois de morto. El mesmo aludía aos perigos do aparello administrativo do tramado autonomista e sabía das claudicacións de moitos chamados "galeguistas", rexeitando en todo momento vivir do favor oficial e caer en renuncias. Era moi consciente da súa situación; poren mantíñase nela cun patriotismo que sempre o caracterizou. Máis que intelectual considerábase a si mesmo artista. Representa a mellor tradición de valores transmitidos aos novos por algúns dos integrantes da Xeración Nós (Otero Pedraio, Castelao). Foi un bo exemplo do mesmo polimorfismo (crítico, poeta, narrador, dramaturgo, filólogo...) que estes practicaron. Non renunciou ás verdades que máis parecía molestar nestes primeiros anos de autonomismo: a denuncia das tentativas bilingüistas, a necesaria aproximación de galego e portugués. Foi, pois, exemplo de perseveranza, de forte vitalidade espiritual, compromiso e loita. Tamén o foi de fondura humanista. Serviunos de ponte, de elo de unión entre contextos e circunstancias truncadas pola Ditadura,... Velaí o valor que ten para o nacionalismo; velaí a súa autenticidade.

Na mencionada entrevista, analizando a incidencia social do nacionalismo actual desde a óptica do que el viviu, constataba que gañara en extensión mais que perdera intensidade, que perdera aquela forza espiritual dos seus anos de mocidade, unha apreciación que non debemos descontextualizar á luz da axitada, mais breve, etapa de nacionalismo de mocidade. Mais non deixaba de advertir que, para evitar derivas, instrumentalizacións e entreguismos non desexados, era preciso un control moi directo e abnegado por parte de teóricos e dirixentes dese nacionalismo. Na derradeira década da súa vida, naqueles convulsos anos oitenta, Carvalho ollaba con esperanza a evolución do nacionalismo galego, a comezar pola organización nunha fronte común, o BNG, constituído no Frontón de Riazor en 1982. Decatábase de que se estaban facendo grandes esforzos por chegar a máis amplos sectores da sociedade, que había entidades sindicais que podían disputarlle a hexemonía ás españolas, que o vizoso movemento estudantil estaba sendo liderado por organizacións xuvenís como ERGA ou os CAF. Colaboraba con todas as actividades culturais que se organizaban desde as plataformas vinculadas ao nacionalismo.

Recordo a miña chegada á Universidade a comezos destes anos oitenta. Coa ilusión dos primeiros compromisos, incorporado xa ás organizacións do nacionalismo, vivín, igual que outros mozos/as seguramente, o desacougo que provocaban as dificultades polas que estabamos a atravesar, comezando pola forte represión que se desatara sobre nós (expulsión do Parlamento por non xurar a Constitución, intento de golpe de Estado, recorte das liberdades...), polos enfrontamentos e divisións que deixaran o nacionalismo aparentemente debilitado. Evidentemente, moitos de nós estabamos realmente preocupados por que o nacionalismo tivese introdución social que se reflectise tamén en maiores apoios electorais. Foi unha década de grandes mobilizacións sociais que deron resposta á reconversión naval ou á entrada do Estado español no Mercado Común europeo. O nacionalismo estaba nelas con vocación de ser instrumento ao servizo do pobo galego.

Naqueles momentos aínda pouco sabiamos e coñeciamos de figuras como Carvalho Calero. Axiña nos decatamos de que a súa Historia da Literatura Galega Contemporánea era a única ferramenta de que dispoñiamos para informarnos da nosa literatura, para paliar as miserias críticas das Facultades, para prepararmos oposicións e clases. Malia o seu aparente distanciamento -era moi remiso a intervir en público, segundo confesión súa- non puña nunca reparos a concorrer en actos coa mocidade. Lembro que nun acto organizado pola Asociación cultural O Eixo, que presidía o compañeiro de Filoloxía Francisco Barreiro, celebrado no Claustro da Facultade de Xeografía e Historia, non tivo maiores problemas en dirixirlle a palabra aos estudantes alí congregados desde unha improvisada palestra que non era máis que unha caixa de cervexas.

Pasou o décimo cabodano da súa morte (25 de marzo) e pouco se fixo por recordalo. Pasará o centenario do seu nacemento sen facer algo máis pola súa memoria? Non vou reiterar argumentos, que comparto, xa expostos polo compañeiro Foxo nun artigo neste mesmo Dixital. Son unha voz máis que se suma ao xa dito desde diferentes tribunas: abondaríalle só ter publicado unha obra como a Historia da Literatura Galega Contemporánea para lle ter outorgado xa hai tempo os máis altos recoñecementos.