O Museo do Pobo Galego: un museo para a Galicia do futuro

O Museo do Pobo Galego: un museo para a Galicia do futuro

Xa teño escrito neste portal sobre o Museo do Pobo Galego. Foi cando nos meteron no medio da crise económica que outros crearon e todos nós padecemos. Daquela o Museo do Pobo Galego (MPG) tivo que recorrer ao cobro da entrada para poder seguir abrindo as portas á cidadanía. Agora, neste mes de outubro, o Museo vai celebrar o corenta aniversario da súa apertura ao público.

Hai corenta anos a apertura ao público foi todo unha novidade e un revulsivo no caduco e gris panorama dos museos deste país e cando, saíndo da longa noite do franquismo, as esperanzas estaban postas nun futuro que albiscaba esperanzas. Foi toda unha novidade no plano museográfico, recuperando e poñendo ao día o discurso dos nosos clásicos neste tema, que os temos; pero tamén foi novidoso no plano organizativo, creando unha entidade na que a base social participa en todos os órganos de decisión da institución que o dirixe; é o único museo que non ten unha asociación de amigos, os “amigos” forman parte do Museo, están dentro, non en paralelo. E foi un modelo para moitos pequenos museos que foron agromando polo país adiante ao tempo que se ía desmantelando o noso sistema produtivo e, con el, o sistema social que xerara. Todo isto fixo que se identifique cun museo público, público no seu servizo, pero privado na súa xestión e personalidade xurídica. Aínda hoxe hai xente que pensa que é un museo da Xunta, é dicir, un museo cuxo orzamento depende do da Xunta. Mais non é así.

Corenta anos son moitos, ou non son tantos na historia dun pobo, para valorar unha das poucas institucións creada pola sociedade civil galega. Institución que engarza nunha tradición civil, a que quixo crear a xente do vello Seminario de Estudos Galegos (SEG) para modernizar o país e situalo á altura dos tempos. Mais esta arela común, esta angueira como a eles lles gustaba dicir, se viu truncada pola barbarie fascista, barbarie que aínda segue campando ás anchas. O final último do ansiado museo do SEG narrouno o crego Xesús Carro nunha carta a Xosé Ramón Fernández-Oxea. As pezas do noso patrimonio, coas que se escribiron páxinas dos que nunca tiveran até entón quen lles escribise a súa historia, os materiais que a xente do SEG convertera en portadores dun significado colectivo, en testemuños dunha vida, algo que identificaba a unha cultura, a un país, eses elementos do noso patrimonio foron arrombadas nun cuartucho porque a Pilar Primo de Rivera, nunha visita a Compostela, gustoulle o lugar para facer unha xuntanza das mulleres falanxistas, da Sección Feminina, da que folclorizou a nosa cultura, e vanse xuntar nun lugar no que se trataba de dignificala por medio do seu estudo e visibilización.

A idea do museo como unha institución ao servizo da cidadanía, nace co ideario da Ilustración e da revolución francesa, e faino como unha ferramenta máis para a educación dos cidadáns, para facelos partícipes e donos do seu destino, para dotalos de ferramentas para construír a cidadanía e a pertenza política. No caso galego, había que educar a un pobo ao que se lle negou o acceso ao coñecemento a súa historia e cultura, impedíndolle que reclamara a súa identidade como pobo. No número 28 da revista Nós podemos ler que “O Seminario ten o pensamento de levar a efeito esta idea, pol-a que ten loitado hai tempo moitos dos nosos escritores, en especial Antón Villar Ponte e Vicente Risco. Podemos dicir que moi logo ha ter realidade...”.

Neste contexto o Museo (o de SEG e o MPG) engarza noutra tradición, na dos museos nacionais dos países que non tiñan que contar fazañas imperiais e si van mostrar “o propio”, e fano para exaltar a cultura de seu e estender o sentimento necesario dunha identidade colectiva, dunha pertenza social.

Algunha da xente que traballou para que o Museo do Pobo Galego fose unha realidade, caso de Xaquín Lorenzo ou Antonio Fraguas, procedían dese vello Seminario [Cando teño que falar destas cousas gosto lembrar unha das poucas fotos que hai da inauguración do MPG. Nela vese a mesa presidenciall no momento de cantar o hino. Pío Cabanillas e outros simulan abrir a boca –seguro que non coñecían a letra- e buscan levar a mirada cara outro lugar. Pola contra, don Antonio Fraguas véselle a forza dos versos saír pola boca, semella que os versos o van elevar, canta con forza, como mostrando a rabia de todos os anos que non o puido cantar]. Os outros que colaboraron nesta angueira, por cuestión de idade, non perteceran ao SEG, pero buscaron o saber e as experiencias dos “vellos” e trouxéronos ao presente, e así puideron gardar a naviña, poder sementala e ver agromar o froito. Agora, neste outono seco, os campos están agostados. Agaremos que chova para que reverdezan de novo.

Mais, para que un museo cumpra a súa función ten que dispoñer dos medios precisos para poder desenvolvela con eficacia. Causa envexa mirar outros museos nacionais. Por citar só dous exemplos que coñezo: o National Museum Wales, cuxa sección de etnografía leva, desde hai un anos, o nome de National Museum of History, enterrando o de “folk Museum”; ou o National Museum of Ireland, que conta cun museo só dedicado á etnografía, o Country Life, e situado no noroeste, no condado de Mayo, nun intento de descentralización e potenciar unha área desagrarizada. Visitando as súas instalacións ou vendo os seus programas de actividades sobre o patrimonio a un vánselle os ollos. Non é só o número de actividades que fan, pois o Museo do Pobo Galego tamén ten un amplo programa de actividades, pero é a estabilidade, a seguridade orzamentaria e xurídica a que permite esa normalidade e calidade do programa, esa disposición a longo prazo e non o estar na inseguridade constante, na escaseza e inestabilidade orzamentaria e vendo como os cartos públicos se van en fogos de artificio, que unha vez que explotan xa non queda nada, ou explotan para ocultar o baleiro.

Volvendo á revista Nós, lemos algo que mantén a súa actualidade: “as Corporaciós púbricas teñen o deber d´axudalo: Diputaciós e Concellos, todol-os Concellos de Galiza, e tamén todal-as Sociedades galegas, da Terra e d´América, e aínda os particulares: todos poden dar algún ouxeto d´interés etnográfico, entendéndose que o ten toda cousa típica, feita por maus galegas, ou eiquí empregada a cotío, que poida revelar calquera detalle, por insinificante que pareza, e tamén fotografías, dibuxos estampas, escritos documentos que poidan ilustrar en col da vida galega”.

Este corenta aniversario debería servir para decatármonos, como sociedade, da necesidade e utilidade dun museo de antropoloxía, dun museo de sociedade, que o Museo do Pobo Galego non sexa un deses museos da frustración só dirixido ao consumo turístico. Un museo no que se mostre a vida das xentes ten que servir para a construción dun sistema de equipamento colectivo e de eficacia simbólica.