O mundo máxico da auga en san Martiño de Mondoñedo

O mundo máxico da auga en san Martiño de Mondoñedo

Na parroquia de San Martiño de Mondoñedo existiron e aínda existen varias fontes que levan o apelativo dos mouros, feito que as vincula claramente cunhas épocas precristiáns, intimamente xunguido ao mundo castrexo. Non queremos entrar agora a falar da vinculación entre a auga e o sentimento de limpeza, non so física senón espiritual, xa que este tema da para varios libros. O bautismo cristián significa a pureza ca que entras na nova relixión, algo moi semellante aos ritos lavatorios musulmáns.

O mundo máxico da auga non é propio da relixión cristiá, é unha herdanza que recibe ao longo da súa expansión territorial, co problema engadido de que en cada territorio a relación da poboación con este mundo é distinto. Así, no noso país, polo particular da súa historia e polo seu illamento físico e administrativo, primeiro de Roma e despois dos visigodos, as relacións auga e curacións mantivéronse moito máis enraizadas na cultura popular que noutros países máis romanizados.

Cano dos Mouros, San Martiño, hoxe inexistente.

Cando San Martiño de Dumio chega a estas terras de Galiza, procedente da Panonia, atopa que o mundo máxico pagán está moito máis estendido e implantado que o propiamente cristián. Algo que é sinxelo de entender se pensamos que a relixión dos Suevos, polo tanto a oficial, era o arrianismo. Martiño aséntase en Dumio, preto de Braga (capital do Reino Suevo de Galiza), dende onde consigue que o rei Teodomiro se pase ao cristianismo.

Non responde este cambio de relixión a un sentimento cristián ou á campaña predicatoria de Martiño, responde a unha necesidade política, xa que o dumiense contaba co apoio de Bizancio, que buscaba a amizade política e militar dos suevos. Bizancio era cristián e os suevos toman o cristianismo como relixión oficial, enfrontándose así aos visigodos que continuaban no arrianismo.

Pero unha cousa é que un rei, e polo tanto a súa nobreza e pobo, que lle debe lealdade, se pase ao cristianismo e outra moi distinta é que desaparezan os cultos anteriores á chegada de San Martiño. De aí que o dumiense ataque no II Concilio de Braga (572) as crenzas populares no seu escrito De corretione rusticorum. Serán obxecto das súas críticas o culto aos ratos, as adiviñacións, os augurios e as fontes "¿que é senón adoración ao Demo o prender cirios ás pedras e ás árbores, ás fontes ou adornalas mesas, poñer loureiro á entrada das casas e votar trigo e viño sobre o tronco en lapas ou o viño e o pan nas fontes?".

Tres son os lugares máxicos relacionados ca auga próximos á antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo: O cano dos Mouros, a Fonte dos Mouros e o Rego de Lavalas mans. Tal vez o menos máxico sexa o primeiro deles, xa que polas fotografías que temos pensamos que se trata dunha mina medieval. Sobre este cano dos Mouros xa se nos fala nun apeo de bens da parroquia de San Martiño do ano 1540, no que se menciona coma un dos lindes "topa no monte dos castros de Xinto ao cano dos mouros". Hoxe en día xa non podemos contemplar absolutamente nada do que se ve na fotografía xa que, segundo nos contan, o propietario do monte, que non do que hai debaixo del, mandou soterrar todo cunha máquina padeadora.

O Rego de Lavalas mans é un regato pequeno que baixa preto da igrexa de San Martiño no que se levaban a cabo prácticas pagáns, máis correcto sería dicir, precristiáns. Vemos que no ano 1540 o citado rego testaba "por arriba do camiño francés que vai a dar á porta das casas que foron de Domingo Diaz de Pumariño", polo tanto estaba pegado a un lugar por onde pasaba xente constantemente, algo que debía incomodar á igrexa, de aí que intente acabar con estas prácticas cristianizándoas. Para levar a cabo esta labor emprega a figura cristiá local máis salientable, San Gonzalo, o Bispo Santo. No apeo de 1540 podemos ler "comezando ao rego lavalas mans onde se gañan cen días de perdón dicindo un pater noster a loor do noso señor e do bispo Santo don Gonzalo que foi no dito mosteiro". De nada debeu de servir esta cristianización. Os ritos continuaban e así na visita pastoral do ano 1549 podemos ver como se intenta acabar con eles dunha vez para sempre "e mando so pena de excomuñón que ningunha persoa de aquí en diante mire polo abuso que tiveron no regato que din de lavamaos dicindo que fai virtude nin usen diso co dito abuso e vana crenza nin de outras semellantes cousas de superstición ni vaian a tomar consello nin meleziaa dos agoireiros adiviños encantadores e melizineiros". De exemplo para a comunidade serviu Tareixa Guerra quen será excomungada por ter acudido aos citados melizineiros.

A lenda di que o bispo San Gonzalo, nun momento de seca pronunciada, lanza a súa zapatilla e onde cae mana unha fonte santa da que si se lle da de beber aos enfermos "aos nove días ou os sana ou lles declara o perigo que teñen de morte". Tendo unha fonte santa ao lado da igrexa faise innecesario visitar o Rego de Lavalas mans e arriscarse a unha segura excomuñón. Vemos como o elemento cristianizado, a Fonte da Zapata, acabará substituíndo o elemento precristián.

Hoxe en día o citado rego baixa seco, mentres que a Fonte da Zapata, fora da súa orixinal ubicación, segue manando.

O terceiro dos puntos máxicos é a Fonte dos Mouros. A única que fomos capaces de conservar ata hoxe en día. Pola contra é da que menos noticias documentais temos. Aparece nun documento do ano 1704, no que se nos fala das curacións que se producen na ermida do Bispo Santo, coma a dunha rapaza enferma de lepra "que chaman os médicos salgada", xa que os galenos coidaban que a lepra nacía dunha flegma salgada. Esta boa muller, despois de consultar a varios médicos marcha á ermida do Bispo "fíxolle novenas; lavouse na fonte que está xunto á dita ermida e ao cabo de nove días milagrosamente veuse limpa e san".

Algo moi semellante confirma o cura párroco de Fazouro (concello de Foz) quen asegura que a súa sobriña estaba baldada dos dous brazos e tras consultar a varios médicos, e non conseguir resultados, "veu en romaría á ermida e os lavou na fonte que está xunto a ela e milagrosamente quedou san". A existencia desta fonte pode sela razón que explique por que se fan as romarías na ermida do Bispo Santo e non en San Martiño, onde está soterrado. Na Idade Media e Moderna o culto ás reliquias estaba moi estendido, provocando romarías ao lugar onde se gardaban as reliquias curativas, máis as reliquias de San Gonzalo, zapata incluída, están en San Martiño, logo ¿por que facer as novenas nesta ermida lonxe das reliquias?. Pois, porque as novenas son consecuencia dun proceso de cristianización, unha capa que intenta tapar os cultos pagáns anteriores, sobre a crenza do poder de curación da Fonte dos Mouros.

Non é esta a única auga sagrada no concello de Foz, tamén se conserva a tradición de que se levas auga e a bendices na capela de San Brais (lugar de Vilaxoane, Foz) terá poder de curación sobre todo tipo de doenzas relativas á gorxa. Hoxe en día, tódolos días 3 de febreiro, centos de romeiros se xuntan entorno á capela buscando a bendición da auga e dos panos, que posteriormente pasarán polos pescozos dos seus meniños enfermos, algo que miña avoa e nai fixeron tanto comigo coma con meu irmán. Pero esta non é unha costume nova. No ano 1752 o cura párroco de Foz, don Diego de Quindós , falando da devoción existente nesta capela di "era tal a devoción que ardía con San Brais, que con calquera dor que tivesen de gorxa todos enviaban a buscar auga tocada pola reliquia". Vemos outra vez o culto precristián de auga e curación.

Cando enfermaba de gorxa, aparte dos medicamentos receitados, sempre me traían un pano que fora bendito en San Brais, para pasarmo pola gorxa. Non sei se foron os antibióticos ou o pano os que me curaron, do único que estou seguro é que o pano bendito, dano, non me fixo ningún.