O movemento no cadro socio-político non se televisará

O movemento no cadro socio-político non se televisará

DA VERACIDADE INFORMATIVA

A historia é unha narración do sucedido e, como tal, debería posuír carácter informativo, mais isto non sempre sucede, pois, en ocasións, a relación dos feitos ten sido "modificada". A día de hoxe, os medios de comunicación son axentes determinantes nesa narración, na medida en que constitúen un material importante para os/as historiadores/as. Por iso, a veracidade informativa tería de ser primordial, mais non o é. Os intereses económicos e políticos, condicionan a información que recibimos.

Deste xeito, aquilo que se nos conta na televisión, e, en menor medida na radio, ten de seu unha importante carga de subxectividade ben perigosa e insultante. Perigosa por parcial. Insultante porque, ao afirmarse "obxectiva", cando de certo non é, difunde mensaxes enganosas que poñen de manifesto a pouca consideración que se ten da intelixencia dos/das oíntes.

Pensemos nas folgas, por exemplo. É sabido, por experiencia, que se presta maior atención á "violencia dos piquetes" ou ás entrevistas a persoas que non se suman ás protestas e as critican, que ao éxito da folga en cuestión.

Por esa razón, as declaracións de José Manuel Pinal- director xeral de Centros e Recursos Humanos-, que mentiu ao asegurar que a xornada laboral nos centros transcorreu con "normalidade" o 21 de setembro, tiveron maior "cobertura" que as dos sindicatos.

Daquela, tendo conta do seguimento masivo da televisón e da radio, enténdese a preocupación, nos sectores máis críticos, por esa "realidade literaturizada", ademais, claro está, da morea de programas destinados ao "entretemento", na medida en que serven á plutocracia para distraer a atención do que realmente importa. E o que importa, non é tanto a miseria orixinada pola crise económica, mais o xeito de a combater e, moi importante, a capacidade de facer fronte a nosa responsabilidade no asunto.

A VISIÓN DO CADRO "APARENTEMENTE" INMÓBIL

A este respecto, poderíamos partir, para a nosa análise, daquela frase de Wittgenstein ao respecto da idea que temos da realidade, entendida como a "totalidade dos feitos" que configuran un escenario determinado: o lugar onde se desenvolven os procesos vitais da colectividade. Partindo desa consideración cómpre estabelecer unha diferenza clara entre o aparente carácter "fixo" dun espazo dado e a realidade, isto é, a esencia discursiva dese lugar en cuestión.

O que se presenta ante os nosos ollos como algo "inmóbil" ten moito que ver coas limitacións inherentes ás percepcións sincrónicas que, ademais de non gozar en todos os casos de pre-visión, ou visión anticipada, vense condicionadas pola subxectividade existente en todas as miradas que, tantas veces viven ancoradas baixo o imperio do medo.

A tendencia humana ao sincronismo é natural e moi cómoda. Calquera aproximación ao futuro, suscita temor pola sensación de abismo que dela deriva. Por esa razón, perdemos tantas veces a perspectiva e decidimos "inconscientemente", asumir o carácter fixo dun feito que, como tal, posúe un natural mutábel. Somos, en certa maneira, "fixistas". Caemos facilmente no dogma.

É este "fixismo" o que nos condena á perpetuación das inxustizas e abusos. A actualidade adquire para nós valor fotográfico na medida en que a desidia, concede ao sincronismo un poder que, en realidade non ten. O "lugar" está condicionado, isto non se pode cuestionar, polo trancorrer do tempo e, pola nosa actuación, ou non, no mesmo.

A inactividade política, como moi ben explicou Galeano, coa ironía sutil que achega o seu discurso ás masas, obedece ao medo, unha "tradición que nos obriga a aceptar a realidade en lugar de cambiala, a repetir a historia no canto de a facer" (fragmento de Os sete pecados capitais, extraído do libro Carta ao señor Futuro)

Así é que, ese carácter, presuntamente inmóbil, do escenario no que se desenvolve a nosa vida, é, sen dúbida, unha sensación que obedece á percepción interesadamente limitada que temos do contexto.

E empregamos o adxectivo interesada porque nos resulta imposíbel non facer unha valoración ao respecto desta pertinaz insistencia en negármonos á participación neses procesos políticos que constitúen a base das mudanzas sociais.

O carácter discursivo do escenario socio-político de calquera agrupación humana é unha evidencia histórica. Eis os procesos revolucionarios, non só no ámbito do tradicionalmente concibido como político, mais tamén noutros, talvez menos "incómodos", como o científico.

Pasamos dunha concepción xeocéntrica ao heliocentrismo, non sen certo dramatismo, cuxas vítimas foron os seus propulsores. Lémbrese a Galileo fronte ao Santo Oficio e aos seus seguidores. E, moito máis próximo no tempo, pénsese tamén na loita social polo voto feminino, na independencia da India ou na defensa dos dereitos civís dos afroamericanos encabezada por Martin Luther King.

Teñamos pois conta da importancia que a fusión do pensamento e da "acción" tivo nestes procesos de cambio. Sen unha visión anticipada e a actividade política derivada desa pre-visión dunha posterioridade máis xusta, tales mudanzas non se terían producido. Iso é obvio.

Porén, e, a pesar da obviedade, a colectividade segue inmersa nesa idea do espazo estático e, abstraída nas cousas pequenas, fai da domesticidade un leit motiv que persegue, para que nos imos enganar, unha felicidade estúpida que senta as súas bases no consumo conspicuo, conseguido por medio da cousificación das persoas e do pracer. O uso de instrumentos que, pouco ou nada teñen que ver coas relacións interpersoais, xera o individualismo atroz que nos condena á repetición.

A VIOLENCIA NON TELEVISADA

Unha vez que somos conscientes da pasividade que ralentiza os procesos políticos no cadro, conviría facer visíbel a participación dos medios para xerar a ilusión de estatismo no mesmo. Como se consegue isto? Transmitindo a idea da inutilidade de calquera movemento social. Isto poténciase mediante mensaxes alternativas á loita social que requiren un esforzo menor por parte do individuo. Tales mensaxes preséntanse ocultas, mais transversais, pois están por todas partes. Eis a máis difundida: o individualismo é un elemento determinante para o éxito, daquela cómpre competir. Desta procura do triunfo persoal que se nos suxire nos medios e do espírito competitivo que tal procura esixe, xorde a nosa peor cara. A do odio.

Así, o discurso político meritócrata, fainos cobizosos/as. Enfróntanos aos uns coas outras a causa desa ansia que experimentamos por acumular "méritos" que nos fagan merecentes de bens materiais e, xa que logo, de recoñecemento. Eis o berce da envexa, unha manifestación solapada de violencia procedente do odio que comentabamos nas liñas precedentes. Un odio por un/unha mesmo/a para, a partir de aí, odiar aos demais.

Isto é comprensíbel, mais non poderá nunca a explicación do comprendido, converterse nunha xustificación. E o comprendido, pensemos a gran escala, é o seguinte: o binomio que preside as relacións internacionais está baseado na existencia de vítimas -África, India, América Latina e o noso Cuarto Mundo- e vitimarios -O Primeiro Mundo: Europa, EEUU, China e Brasil-. Tal binomio -violento, sen dúbida- afecta a todo. Entón, quen quere ser vítima? Ninguén.

Pasemos agora do grande ao pequeno, pensemos pois no que temos diante nosa. Que vemos? Solidariedade? Xenerosidade talvez? Parécenos que non. Cremos que, baixo a fermosura da linguaxe empregada, na defensa dos dereitos dos/das individuos/as, latexa unha verdade terríbel: eses dereitos pertencen unicamente a un mundo, o noso.

Un mundo este ben estreito e mesquiño que se fai odioso de tanto como apretamos os dentes, pois nin somos capaces de nos apoiar entre nós. Digamos que, a menor escala, reproducimos eses binomios de vítimas e vitimarios nos que a agresividade vai en aumento. Isto é real, mais ninguén vai televisar a mediocridade de espírito que impera en Occidente e os seus subconxuntos.

A VIOLENCIA EXCEDENTE VISTA POR SAMPEDRO E MICHAUX

Sobre esta ira non televisada, mais vergoñenta, e a espiral de silencio bochornosa que dela deriva, reflexionou Francisco Sampedro no seu libro A violencia excedente -Premio da Crítica en 1999-, onde se pode ver, nidiamente, como agroma no "socialismo neoliberal" -atención ao oxímoron- unha violencia solapada, silente, nerviosa e intrigante que condiciona as nosas vidas, mermando o entusiasmo e, consecuentemente, a acción política imprescindíbel e, tristemente, inexistente.

Sobre esa violencia excedente, interesa tamén a visión literaria, pero igualmente enriquecedora neste caso concreto, de Henri Michaux (Namur, Bégica, 1899-1984) ao respecto desa competitividade absurda, cimentada no desexo infantil dunha "recompensa".

Segundo o autor belga, a través dos contos clásicos para nenos e nenas, xerouse un imaxinario da loita individual cuxo obxectivo era o éxito que, dun xeito bastante ridículo, nos ten colocado diante dun "ente abstracto" -o poder económico, político e cultural- con capacidade para aprobar, ou reprobar, o noso labor, alimentando en nós o servilismo que perpetúa a dominación, mais ese medo que nos fai "cutres" tampouco se televisa.

"A través de los peligros y trampas y abismos -presentes neses contos morais-, es verdad, nacen los episodios, demasiado a menudo, con una insipidez descorazonadora, crecidos por el amor a la recompensa, por el gusto primario de ser admirado, de ser amado, de ser reconocido, de ser alabado, de ser el primero."

Así é que vivimos coa preocupación constante polo recoñecemento social. Por esa razón, tantas veces subordinamos a nosa opinión á da maioría, na procura dunha falsa idea da harmonía, pois queremos evitar a violencia da espiral de silencio que acantoa ás persoas que non aceptan o discurso maioritario.

Confundimos individualismo con individualidade e adoptamos condutas egoístas, na medida en que buscamos unicamente o propio interese, chegando, nalgúns casos, á instrumentalización das persoas e das ideas. Facémolo prostituíndo a linguaxe, aproveitando a capacidade de seu para distorsionar os feitos que, en suma, son os que realmente configuran o escenario existente no que se desenvolve a nosa vida, sexa esta activa ou parasitaria.

Por esa razón, e, a pesar da súa importancia, na medida en que transcriben o pensamento, as palabras non sempre serven a fines sociais xustos, pois dependendo do usuario e dos seus rasgos de carácter, máis ou menos egoístas, poden contribuír a mudanzas sociais positivas ou, pola contra, enrarecer o ambiente: facelo estático por mor dos intereses pecuniarios dunha minoría que se presume "correcta e moderada", mais cuxa característica principal é o cinismo e o exercicio constante desa violencia innecesaria, pero feroz.

Lamentabelmente, nin o cinismo nin esa violencia excedente han ser televisadas. Daquela, xa que os medios son parciais, cómpre facer uso dos lugares que nos queden e visibilizar que non existen espazos neutrais nin estáticos. Que todo, absolutamente todo o que nos rodea, está politizado e contribúe á difusión do discurso neoliberal maioritario, ben oculto baixo a estúpida idea de "normalidade" e de falso respecto.

A escola, por exemplo, é un dos focos máis politizados polo dereita neoliberal, mais isto tampouco foi televisado polo de agora.