O monte Pindo: tamén un espazo do cotián
Desde hai un tempo a asociación carnotá Monte Pindo Parque Natural vén loitando pola declaración de Parque Natural para o espazo do monte Pindo, unha loita difícil nun país no que a protección da paisaxe é entendida como unha rémora para o progreso, cando realmente non hai progreso sen respecto polo medio natural e cultural. Si, medio cultural, porque toda paisaxe é a suma dun espazo natural máis a acción do ser humano ao longo da historia sobre o mesmo. Aquí xa non queda espazo natural sen intervención humana, pois a nosa pegada está en todos os lados.
O pasado 14 de abril mentres uns querían celebrar o día da República española cazando elefantes, outros molláronse para pedir maior protección para un lugar singular do noso territorio, como é o monte Pindo e a súa contorna. Só medio millar de persoas camiñaron desde o Ézaro até a vila do Pindo. Mais nesta marcha seica ían poucos veciños destes dous lugares, algo que tería que levarnos a unha reflexión e intentar esforzarnos para convencer e educar a estes veciños e veciñas na importancia da protección desta paraxe, da protección da paisaxe en xeral, mesmo que a protección redundará nunha mellor calidade de vida no futuro, non nunha diminución da mesma como moitos pensan e mesmo algún manifestou nalgún medio de comunicación ese día.
O monte Pindo é un lugar destacado no imaxinario galego desde hai séculos, especialmente desde o século XIX. Isto é así polo seu aspecto e configuración, pola súa impoñente orografía, pero tamén polo seu nome. Aspecto orográfico e nome axudaron a converter este espazo nun lugar simbólico, nun referente patrimonial para os galegos e galegas. Pero tamén é un lugar vinculado á vida cotiá das xentes do Pindo ou un lugar que está na memoria daqueles que tiveron que escapar da gadoupas da morte no fatídico ano de 1936.
O seu topónimo levou, especialmente a historiadores do XIX, a falar dun lugar colonizado polos gregos. Pero estas teorías baseadas en afinidades toponímicas non teñen base científica nin apoio arqueolóxico e xa foron criticadas no seu tempo, entre outros, por Martínez Salazar, para quen a orixe do nome Pindo nada ten de helénico e si de latino e galego. Estas teorías dunha suposta colonización grega de varias zonas da costa galega xorden a partir da interpretación dun texto de Estrabón, onde afirmaba que Asclepíades dixera que algúns gregos que foran na expedición de Teucro quedaran a vivir entre os “calaicos”, polo que serían estes os que deron o nome de Pindo a este monte, porque seica se semellaba ao deles e traíalles morriña. Pero estou seguro que quen afirmaba isto non é que non vira o Pindo grego, é que tampouco vira o galego.
Benito Vicetto dinos que os gregos viñeron ás terras da Fisterra seguindo o transcurso do sol e ver como se ocultaba, entón levantáronlle un templo, o Ara Solis. Moitos dos topónimos da zona, como Ézaro ou Corcubión e mesmo nomes comúns como broa, teñen, para este autor, unha orixe grega, polo que conclúe que houbo unha estreita comunicación entre a Grecia clásica e Galicia. Conclusión que, dun xeito ou doutro, fan súa máis autores, como por exemplo Verea y Aguiar.
Todos viron, e moitos aínda ven, nas singulares pedras deste monte, sinais dun primitivo destino relixioso, pegadas de numerosos rituais e cultos procedentes de relixións que nos precederon no tempo. Pero todo isto levou a algúns mesmo afirmar que aquí estivo o paraíso, outros dixeron que foi un monte sagrado para os druídas e centro de peregrinación para os celtas. Despois, cando chegan os romanos, o monte pasaría ser un lugar de culto a Marte, ou que aquí estarían unha das Aras Sestianas, concretamente no monte Penafiel, substituíndo unha ara de sacrificios, nada menos que sobre pedras manchadas de sangue ritual. E como non, outros suxiren que este puido ser o mítico monte Medulio.
Tamén están as teorías que tratan de explicar as orixes das descarnadas rochas deste monte. Isto, xunto coa fervenza do Xallas, non puido xurdir doutro xeito que non fose dunha maneira violenta e extraordinaria. Así, houbo autores que ven a orixe deste especial lugar nun cataclismo que tivo lugar no século XIII, para uns en 1217, para outros en 1272. A idea dun cataclismo, que transforma a paisaxe e dá orixe a novos espazos e novos xeitos de vida, é algo que está en moitas partes do mundo, é dicir, é unha idea común. Pódese entender que a defenderan historiadores do XIX, pero a data de 1272 propóñena autores que escribiron na segunda metade do século XX e que aínda son citados como referencias bibliográficas fundamentais para entender o proceso de formación deste monte.
Ese carácter do monte Pindo como un espazo especial e peculiar, tamén tiña que ter algo de marabilloso, algo fóra do normal. Así se resaltan aspectos vinculados a unha fertilidade extraordinaria, que as súas augas eran boas, que a herba medraba moito da noite para a mañá, que os animais son aquí moi fecundos, que até aquí subían as parellas estériles.
Todo isto axudou a crear esa imaxe de monte especial e foron agromando as lendas, que o envolveron aínda moito máis nunha aureola de misterio e encanto, facéndoo aínda máis atractivo, poñéndoo con máis forza no noso imaxinario. Entón, por aquí pasaría a raíña Lupa e outros seres míticos até convertelo nun “monte sagro”, como lle chamou o poeta Francisco Añón, ou nunha “paisaxe enmeigadora”, que diría López Abente. Todo isto axudou a súa apropiación simbólica. E até a cima da Moa subiron os membros do Seminario de Estudos Galegos nunha das súas xeiras para coñecer e amar o país, xeira que non puido seguir adiante naquel verán de lume e medo fascista.
,Pero o monte é máis que pedras con formas caprichosas. Tamén é un espazo da vida cotiá para os pindegos e outros veciños da contorna. Era un lugar de pastoreo ou un lugar a onde saían a buscar leña, especialmente os do Pindo, para poder acender o lume todos os días nos seus fogares en tempos nos que unha cheminea botando fume era sinal dunha casa con vida. E estas eran algunhas das historias que reteño na memoria que me contaban dous veciños da miña parroquia da xeración do meu pai. Xente que viviu a guerra civil na súa nenez e medraron nos anos da fame e do medo, que coñeceron historias de represión e miseria, que traballaron duro. Eran moitos os días tiñan que subir ao monte e baixar cargados cos feixes de leña ao lombo. Esta xente saíu pronto do Pindo a buscarse a vida e empezaron novos a romper pedra para abrir as estradas. Vindo rompendo pedra, de sol a sol, pola estrada cara a Muxía casaron na miña parroquia e eran coñecidos co alcume de “os pindeghos”; sempre estiveron dispostos a apoiarnos e colaborar nas diversas angueiras políticas que os nacionalistas levábamos a cabo en Muxía. Para eles o monte Pindo era parte da súa memoria vivencial, non era só un lugar espectacular, era un lugar da vida cotiá vinculado a un tempo histórico concreto da súa existencia. E mentres eles e outros rapaces subían ao monte, as nais marchaban de noite por camiños que as levaban despois de varias horas a petar nas portas das casas labregas e ofrecer a súa forza de traballo a cambio dun pouco de millo para levarlle un anaco de pan aos fillos e, sempre, co medo de atoparse cos gardas e que llo requisasen. Se eran capaces de xuntar varios ferrados podía vir unha lancha buscalo, como me contaron en Moreira (Touriñán), pero sempre navegando de noite. Protexer, para preservar esta paisaxe, ten tamén que recuperar as vivencias cotiás que nos vinculan directamente cun territorio, co construír un espazo vital, neste caso concreto un territorio cunha gran dose de espectacularidade, cunha paisaxe especial e cargada de simbolismo.
Protexer para evitar a súa degradación tamén é protexer o noso futuro e evitar a degradación da nosa vida como seres pertencentes á sociedade galega, porque estamos activando referentes da nosa memoria como pobo.
----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------