O meu País


Nestes tempos que arrecian colonizacións futbolísticas e seudodeportivas. Nestes tempos de miopía extrema e fragamnesia insultante. Nestes tempos de personalismos narcisistas, busco o meu país. Das poucas cousas, escasísimas cousas, que non teño dúbidas. O meu país.

Busco entre os vellos discos e non atopo aquel fermosísimo single de Miro Casabella de 1972, aínda que gravado no 1970, ao que pertence a foto que axuntamos na que están o autor da música e o autor da letra: Xoán Manuel Casado. Foi presentado en Sargadelos de Barcelona por insistencia de Isaac Díaz Pardo, que tanto admiraba a cantautor do Valadouro. Nese contexto tamén se inauguraba a semana do libro galego na cidade condal e que tería continuación no Castro de Sada, do que falaremos noutra ocasión.

Miro Casabellla actuara, en 1970, na mítica Cova del Drac, de Barcelona, é moitos quedaron prendados da súa voz, entre eles o escritor Manuel Casado Nieto, fiscal e presidente do Centro Galego.Tamén un editor chamado Salinger, de Música del Sur, que axiña convenceu a Miro e a Xoán Manuel Casado para que gravaran o disco. Como se observa na portada que aquí ofrecemos, saíu en EMI-REGAL tendo como cara B a que sería máis emblemática: O meu país. Este disco, de 45 RPM, esta xoia, é hoxe practicamente inencontrable... Editáronse tamén as dúas cancións traducidas ao castelán é un texto introdutorio do propio Miro Casabella. Tamén se fixo unha versión en catalán por Jaime Picas. Apareceu o disco. Escoito o meu país. O meu país. Non teño outro.

O meu país

O meu país/ é verde e neboento
É saudoso e antergo,/ é unha terra e un chan.
O meu país/ labrego e mariñeiro
É un recuncho sin tempo/ que durme nugallán.

Q quece na lareira,/ alo na carballeira
Bota a rir.
E unha folla no vento/ alento e desalento,
O meu país.

O meu país/ tecendo a sua historia,
Muiñeira e corredoira / agocha a sua verdá
O meu país/ sauda ao mar aberto
Escoita o barlovento/ e ponse a camiñar

Cara metas sin nome/ van ringleiras de homes
E sin fin.
Tristes eidos de algures,/ vieiros para ningures,
O meu pais.
O meu país/ nas noites de invernía
Dibuxa a súa agonía/ nun vello en un rapaz.
O meu país/ de lenda e maruxias
Agarda novos días/ marchando de vagar.

Polas corgas i herdanzas
Nasce e morre unha espranza/ no porvir.
E unha folla no vento/ alento e desalento
O meu país.
,
Coma os vellos trovadores

Coma os vellos troveiros
que cantaron ao mar
e soñaron luceiros
nas noites de luar.
Coma os vellos troveiros
eu tamén
quixera ser mariñeiro
no mencer.

Coma os vellos troveiros
dun século maior
que souberon de mozas
e do viño mellor.
Coma os vellos troveiros
cantarei
unha cantiga sinxela
por lecer.

Coma os vellos troveiros,
como un troveiro máis,
namorado da Terra,
No camiño a vagar.
Coma os vellos troveiros
eu darei
a testemuña do pobo,
por segrel.

LETRAS: XOÁN MANUEL CASADO
MÚSICA: MIRO CASABELLA