O Mariscal


O 17 de decembro de 1483 na praza de Mondoñedo foi decapitado o mariscal Pero Pardo de Cela por orde dos Reis Católicos, feito que representa o comezo da dominación castelá. A partir desta data comezan os séculos escuros e a aniquilación da nosa identidade.

A importancia da figura de Pardo de Cela non só é debida ao seu tráxico final senón que é un símbolo da resistencia a Castela pois durante case tres anos, de 1480 a 1483, resistiu na Frouseira o asedio castelán. Vai ser traizoado e préndeno no Castrodouro o 7 de decembro de 1483 e dez días despois mátano publicamente na praza de Mondoñedo.

A súa historia vaina manter o pobo. Parécenos relevante que da escasa literatura escrita no século XV e XVI conservemos dous documentos sobre Pardo de Cela: o "Pranto da Frouseira" e a "Relazón da carta executoria". Ademais a través da literatura popular na zona do Valadouro chega até os nosos días a súa vida. Nos textos conservados case contemporáneos a Pardo de Cela e na literatura popular destacan dous aspectos: a traizón e o enfrontamento a Castela.

No século XIX van ser os historiadores os que lle dediquen atención a esta figura aínda que a reivindicación de Pardo de Cela como heroe galego será obra das Irmandades da Fala. Un dos obxectivos das Irmandades é a promoción do teatro e dentro dese proxecto colectivo Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte escriben O mariscal, traxedia histórica ou lenda tráxica en verso. Nesta obra dramática aparece a lenda, a historia, o mito e a realidade sobre Pardo de Cela mesturados. Destacan nesta obra tres temas: o anticastelanismo, a liberdade e a relación con Portugal.

A obra de Cabanillas e Vilar Ponte publicouse en 1926 mais non chegou a representarse. En 1929 Eduardo Rodríguez Losada compón a ópera O mariscal. Estreouse o 31 de maio de 1929, en Vigo no Teatro Tamberlick. Tamén se representou en Pontevedra, Ferrol, A Coruña e Madrid. Os figurinos e decorados eran de Camilo Díaz Baliño. Esta era a primeira ópera galega de compositor galego.

O 17 de decembro vai ser lembrado polos nacionalistas do primeiro terzo do século XX e tamén na emigración e exilio posteriormente. Dáse inclusive un debate dentro do nacionalismo desta época para cambiar o Día de Galiza para o 17 de decembro pois representaría mellor que o 25 de xullo a nosa historia.

O xoves 18 de novembro, en Vigo e o venres 19 de novembro, na Coruña, 81 anos despois, estreouse a ópera O mariscal, dentro do programa do Xacobeo. Classics, con música de Eduardo Rodríguez Losada e con libreto de Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte.

Esta estrea en tempos modernos, en versión de concerto presenta algunhas diferenzas coa obra orixinal de 1929. Neste caso non é unha representación senón un concerto protagonizado pola Orquestra Sinfónica de Galiza, Teresa Novoa, soprano, Javier Franco, barítono, Pablo Carballido, tenor e Joám Trilho, director musical. A reestrea desta obra é unha versión na que se eliminaron partes como o apresamento do Mariscal ou a intervención final de dona Sabela e non inclúe os decorados.

Esta ópera lírica divídese en dúas partes. Na primeira parte hai un preludio e prólogo onde un cego acompañado dunha moza vai cantando polos pazos. Aparece a figura da raza que vai ter un papel importante ao final da obra: "De verbas antigas con fonda saudade/ a musa da raza fuxiu da cidade,/ e en sacra cobiza de maino consolo/ topouno da aldea nun tépedo colo." O cego invita a coñecer esta historia: "Oíde esta historia de tempos mellores/ que nela florecen uns tenros amores/ e hai doas fermosas e bos loitadores/ cadeas... misterios... e sangue... e traidores!/Ouvide esta historia de tempos mellores!" A mociña canta un antigo romance no que a Frouseira é a protagonista: "Frouseira, triste Frouseira,/ onde o teu poder ficou?" onde se pode ver unha referencia ao "Pranto da Frouseira".

No primeiro acto aparecen dúas das personaxes principais da obra, Elvira, criada no pazo de Castrodouro, e Amaro, soldado ás ordes de Mudarra, quen asedia a Frouseira. Na primeira escena despídense os dous namorados e Amaro pensa que logo van vencer a Pardo de Cela: "Preto está o día glorioso/ no que o pendón castelán/ na Frouseira e en Castrodouro/ a erga de novo e triunfal." Elvira contéstalle: "A Frouseira! Ergueita, inmóbil/ a todo resistirá!/ Fai conta que dentro dela/ alenta, forte e lanzal/ o rexo Pardo de Cela,/ o valente Mariscal". Elvira está segura de que Castela perderá a guerra pois asegura: "indo coa túa bandeira,/ carón do teu capitán,/ queimando viñas e aldeas/ doído de non triunfar,/ a paso longo e batido/ cara a Castela iraste". A única solución para derrotar a Pardo de Cela é a traizón. Na escena 2ª Amaro disfrazado de cego entra no pazo de Castrodouro e convence a Elvira para ser desleal ao seu señor.

A segunda parte comeza coa escena 4ª do acto II. É a escena máis lírica e nela nárrase o encontro entre Xoana, a filla do señor de Castrodouro, e Pedro, o fillo do Mariscal. A continuación vén a escena 1ª do acto III que se desenvolve no cárcere de Mondoñedo onde están un capitán do Mariscal, o Mariscal e o seu fillo. O Mariscal intervén unha soa vez e falará da liberdade: "Liberdade da morte,/ como ningunha de baril e rexa,/ contra a que nada poden mando e forza/ deses reis tiranos." A obra remata coa aparición dunha vella que representa a Raza e ofrécelles o grial.

Na actualidade a figura de Pardo de Cela, igual que a nosa propia historia, cuestiónase e négase como consecuencia do dominio que sufrimos desde o século XV. Porén, a reivindicación de Pardo de Cela mantense todos os anos por exemplo nas Xornadas do Reino de Galiza que organiza Galiza Nova ou na literatura dramática en obras actuais como A noite dos cabaleiros, de Manuel Lourenzo.

Lembrarmos a nosa historia, a figura de Pardo de Cela, o significado do 17 de decembro é importante para non sermos asimilados e como maneira de avanzarmos en conciencia.