O maio de Laza


Parece ser unha, se non a única, representación que nos queda da celebración da primavera ao xeito noso e coa riqueza característica do propio ciclo festivo. Celebrar a chegada da primavera con toda a simboloxía deste tempo no que o campo se veste coas súas coloridas galas, dun xeito tan popular e sentido, e até coas características que a historia foi arrimando, é como entrar no corazón máis xenuíno de sentimentos, costumes e sentires. Iso, precisamente, do que estes tempos carecen por persecución do emocional fronte ao práctico represivo (a máquina fría fronte a todo o humano).

Laza, esa fermosa vila acariñada polo Támega noviño e cantareiro, verde, co brillo das esmeraldas e animada polas luces e colorido das súas xentes, volve ser a pioneira desas nosas bandeiras da tradición e do ser, da identificación e do sensíbel. Garda o talismán que nos orgulla. Vímolo xa nese Entroido tan característico e galego, e secundámolo este día 3 de maio, de novo con emoción e mesmo a admiración ante xentes que son capaces de resistir o abouro da asimilación coa creación máis viva e suxestiva dos devanceiros.

Saíu a Maia, ou Eva, do seu anonimato ao ser recibida ante a casa onde as mordomas a engalanaron e na cal pasou a noite, polo Maio ou Adán e os seis danzantes. El, co sacho ao lombo, símbolo do traballo; eles vestidos de branco e coa franxa azul da bandeira cruzando o peito; e ela, a Maia maior, tamén de branco, coa diadema de raíña e as flores prendidas no vestido, e a roca e o fuso que non abandonou durante a animada procesión. Pero antes disto, na noite do 30 de abril, mozos e maiores foran recoller a árbore de Maio ao monte, un alto e estirado piñeiro librado dos ramallos que só deixaron no remate, e que espetaron pretiño da praza principal de Laza, a da Picota, escenario principal deste interesante ciclo da doce primavera.

O pagán foi asimilado pola Igrexa, sempre temerosa e represora da alegría, grande pecado: o riso, a danza, a música, as mulleres... como representación do mal a perseguir. E nesa popular e viva representación da natureza, introduciron o sacrificio de Isaac cos outros dous personaxes, Abraham e o Anxo, nun auto que, sempre co mesmo texto e en español, representan moi solemnemente na Praza nun dos descansos da procesión e despois das seis danzas que os bailarín van tecendo ao longo do traxecto polas rúas da vila. E aínda introduciron ao longo dos séculos esa loita entre o musulmán e o cristián na que, obviamente, acaba vencendo este último.Estudan ben esta historia os nosos etnógrafos, como Vicente Risco e Xaquín Lorenzo na Historia de Galicia dirixida por Otero Pedraio; e máis actualmente , a arqueóloga Nieves Amado Rolán.

Guía a procesión o Ramo, fermosa e alta rama de loureiro que leva un home da parroquia, adornado con fitas de cores, o roscón polo que ao final da mañá correrán os danzantes en atlética liorta, e o galo acomodado na súa base. Detrás, aparte de estandartes e cruces, van os personaxes definidos, e logo o Cristo e mais a virxe do Rosario. Estes, como impostos, pois non teñen protagonismo algún, resaltado nas danzas e nos xogos que caladamente vai argallando Adán para conseguir o riso dunha Eva seria que só o poderá mostrar cando ao final dos actos da mañá saia ao balcón da casa onde durmiu a saudar á xente co ademán do brazo e co sorriso.

Os tempos da asimilación foron destruíndo ou destronando estas manifestacións identitarias da nosa cultura. Por razóns obviamente diversas nas que destacan a españolización e cristianización, armas dos poderes políticos e relixiosos censores do distinto. A frescura natural da expresión popular, xa que logo, foi abondosamente abourada. Pero aínda así fican estes casos que, se miramos a representación da cultura en xeral, se multiplican unha miga. Como todo o galego, poda que de non unir e intensificar as distintas formas de defendelos, non duren moito, o que significaría a morte dunha expresión propia que mantén o aspecto nacional da nosa idiosincrasia. A desaparición acelerada do mundo labrego está levando, mesmo, a graves problemas coa permanencia do noso idioma.

O que máis estraña é que aqueles e aquelas que din defender as nosas características nacionais estean de costas a estas manifestacións que son mostra precisamente diso. Que as ignoren ou non as teñan na axenda da acción é, de todas formas, incomprensíbel. E causa máis estrañeza na medida en que a acción tampouco apareza na loita cultural do momento, desorientada e afogada polos complexos que trae iso que chaman modernidade. Nos concellos destas comarcas de Verín e Viana que se amplían até a parte portuguesa de Bragança, hai representación nacionalista importante. Pero onde están? Onde, cando a xente popular se mata cada ano por traer os mozos e mozas que residen en lugares afastados para así non deixar morrer a festa.

Precisamos cambios radicais na acción fronte á agonía de toda a nosa simboloxía. Ter conciencia da súa importancia tamén de cara ao futuro. A ignorancia, falta de sensibilidade ou desorientación nunca traerán solucións e poden pasar ante os nosos ollos verdadeiros exterminios sen que tan sequera nos decatemos. A prédica e o sermón non valen de nada se por riba se enchen cada día de novas contradicións. Polo menos, sexamos consecuentes e admitamos con valentía o grave erro. E despois a organizar a festa e levantar e protexer os nosos símbolos.