O galego, unha lingua ameazada

O galego, unha lingua ameazada

Están ben, e son mesmo precisos, os discursos positivos sobre o noso idioma propio que sirvan para combateren o desánimo e para xeraren ilusión. No entanto, tal necesidade e conveniencia non nos debe levar a ignorarmos ou inclusive a ocultarmos a realidade da situación actual do galego, que, como moito ben intuímos e sabemos, non é nada boa. Desde a ignorancia ou a ocultación dos feitos reais será imposíbel tracexarmos ningún proxecto de futuro nin programarmos medidas eficaces de avanzo na normalización.

No Atlas das Linguas en Perigo no Mundo (UNESCO Atlas of the World’s Languages in Danger), no ano 2001 o galego figuraba dentro do grupo de linguas “en perigo”, xunto co éuscaro, en canto o catalán aparecía no de linguas “potencialmente en perigo”. Porén, na terceira edición presentada en 2009 e dispoñíbel en internet con actualización constante o éuscaro mantense entre as 2.500 linguas en perigo, mais o galego foi eliminado pola súa proximidade do portugués. Trátase, pois, dunha cuestión metodolóxica e non de teren mudado favorabelmente as condicións do galego. Este non é, con efecto, unha das linguas en perigo do mundo porque co nome de ‘portugués’ se fala en varios continentes e goza de plena normalidade como lingua oficial de estados como Portugal ou o Brasil, que ten 190 millóns de falantes.

Mais onde non goza da mesma normalidade é precisamente alí onde conserva o seu nome orixinario de ‘galego’, que remite para a Gallaecia histórica en que se formou. É xustamente na Galiza onde non ten garantido o seu futuro. E isto é o que realmente nos importa a aquelas persoas que queremos unha Galiza orgullosa da súa lingua e dona do seu destino, á marxe de que tamén consideremos moito importante aproveitarmos e pormos en valor esa proxección exterior.

O galego é hoxe unha lingua ameazada e minorizada porque no seu propio territorio partilla espazo con outra lingua de máis prestixio que historicamente foi e aínda é a lingua de poder. Talvez estea tamén agora no transo de perder a condición de lingua maioritaria da sociedade galega que tivo anteriormente, desde a época medieval até finais do século XX. Por tanto, é unha lingua en declive que corre algún tipo de risco de desaparecemento porque está a ser substituída paulatinamente polo español, seguindo un proceso histórico que xa dura máis de 500 anos. Nas últimas décadas este proceso de substitución lingüística acelerouse de modo vertixinoso.

A dinámica do contacto entre o galego e o español segue dúas vías complementares: a da substitución, que neste caso supón unha perda constante de galegofalantes e o consecuente incremento dos castelanfalantes, e a da asimilación ou proceso de castelanización progresiva das formas e estruturas internas do galego. Canto ao número de falantes, a mudanza de século supón o momento máis crítico da historia da lingua galega, de seren fiábeis os datos máis recentes do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, dados a coñecer en dous volumes publicados respectivamente en 2007 e 2008, e que estudan a situación do galego na populación de 15 a 54 anos.

Segundo os datos do primeiro volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004 (quérese dicir que foron recollidos neste ano), en doce anos (1992-2004) teríase producido unha diminución do 40% de persoas que teñen o galego como lingua inicial. Tamén pon este estudo en relevo o avanzo do monolingüismo inicial en español e do bilingüismo inicial. Destaca como grupo máis numeroso o dos bilingües iniciais (41%), embora nel o predominio do español (25.9%) se impoña sobre o do galego (15.1%). Constata igualmente que a adquisición inicial única ou preferente da lingua galega só é maioritaria entre as persoas que naceron en localidades con menos de 10.000 habitantes e entre as que residen nas de menos de 5.000; no resto dos hábitats é maioritaria a adquisición inicial do castelán.
Non menos alarmantes para o futuro da lingua galega son os datos que recolle o segundo volume, centrado nos usos lingüísticos: neses doce anos que van de 1992 a 2004 duplicouse o número de persoas que nunca falan galego (do 13% ao 25.8%), dividiuse á metade o de monolingües nesta lingua (do 30.5% ao 16%) e reduciuse en 22 puntos o número de persoas que a teñen como lingua habitual (do 61% ao 39%); isto é o mesmo que dicir que o uso monolingüe do galego se reduciu en 14.5 puntos porcentuais, que o monolingüismo en castelán avanzou 12.8 puntos e que en xeral se mantén o bilingüismo mais “cunha suba importante de 9.3 puntos na categoría máis castelán e unha caída de 7.6 na de máis galego”. De isto ser así, inverteríase practicamente a situación lingüística a respecto de 1992 e por primeira vez proclamaríase estatisticamente que o galego é a lingua minoritaria da Galiza..

Á vista destes datos, recollidos dun estudo feito por especialistas, avalado pola Real Academia Galega e financiado con fondos públicos, como pode dicir o actual presidente do Goberno galego que a lingua propia do país non ten ningún problema?