O exterminio planificado do galego e da ciencia galega
Lembrounos Joaquín Abellán no tomo 2, páx. 60, da obra colectiva Historia de la Teoría Política, en Alianza Editorial, que o grande filósofo Hegel gabou a Christian Wolff como o "mestre dos alemáns", por ser el "quen ensinou á filosofía a falar en alemán, dándolle desta maneira 'patria' en Alemaña, pois para Hegel só se pode dicir que unha ciencia pertence a un pobo, cando a posúe no seu propio idioma". Unamuno, en 1904, chegou a afirmar que se pode soster que hai tantas filosofías como idiomas e tantas variantes destas como dialectos, incluíndo o que poderiamos chamar o dialecto individual. Continuou dicindo que, se hai unha filosofía alemá, non é máis que a filosofía do idioma alemán e que así sucede cos restantes, engadindo que é a lingua francesa a que explica a Descartes. Coida que isto é natural, pois "cada pobo foi asentando na súa linguaxe a súa concepción abstracta do mundo e da vida, e na extensión e comprensión que dá a cada verba vai implícita a súa filosofía", pois "o filósofo non fai máis que sacar da linguaxe o que o pobo todo metera nel perante séculos".
Terán ouvido falar disto algunha vez o presidente Feijóo, o conselleiro de educación (!) Vázquez e o mutante -polos cambios de postura científica, de opción política e de postos no organigrama da Xunta- Lorenzo? Coido que non, porque, para facer o que andan a facer, ou son fantásticos "simuladores e disimuladores de calquera cousa", como dixo Salustio de Catilina, ou, o que é moito máis probable, para a "Blitzkrieg" que hai tres anos decretaron contra as esencias patrias de Galicia, posuír esta caste de saberes constituiría un lastre, un atranco intelectual. Para ocupar os postos claves na aniquilación dun país non hai como a construción de oxímoros, xuntando nas mesmas persoas verbas como educación e analfabetismo, cultura e ignorancia.
Dicir que Cataluña e Euskadi son moi distintas de Galicia non é descubrir nada novo. Tampouco é esta a ocasión de analizar os factores históricos que levaron a tres nacións periféricas do estado, con lingua e cultura de seu, a un sentimento nacional tan diferente; pero a realidade está aí e a min dóeme constatar como, nas defensas das peculiaridades destas terras singulares fronte ao uniformismo xacobino español, as alusións a Galicia hai un tempo que principiaron a escasear. Semella que cataláns e vascos se están fartando dos comportamentos electorais do pobo galego. Entre eles teñen moito en común; con nós cada vez menos; pero a cousa vén de vello, como podemos ver con estes exemplos: no decurso da 1ª Guerra Carlista, concretamente en 1839, o pretendente D. Carlos presentouse diante das tropas navarras e alavesas, arengounas e díxolles en español se o recoñecían como rei. A resposta foi o silencio; preguntou ao brigadier Iturbe que pasaba, e este respondeu que non entendían o castelán. "Pois dillo en vasco", insistiu o pretendente. Iturbe empregou o vasco, pero, para evitar problemas, preferiu preguntar: "Queredes paz e foros, soldados?". Resposta entusiasta: "Bai jauna" ("Si, señor"). Algúns entenderían, pero moi posiblemente fose verdade que moitos non entenderan o español, xa que, 70 anos despois, sobre 1907, Benigno Rodríguez, comisionado pola Mariña de Guerra para entrevistar mariñeiros, deixou escrito que "en Guipúzcoa, en muchos puertos, todavía hay bastantes pescadores que no comprenden absolutamente nada de nuestra lengua". Acaba de rematar a Guerra Civil en España, un crego catalán volve á súa parroquia e, no primeiro sermón dominical, di o seguinte: "Ya veis el castigo por nuestros pecados: nuestros muertos, nuestra iglesia quemada, derrumbada y yo hablándoos en castellano".
Calquera semellanza con Galicia é casual. Cando, pouco despois de facer esa referencia ao idioma, o mesmo Benigno Rodríguez chegou aquí e entrevistou mariñeiros, non tivo problema ningún co idioma, e eu non imaxino a ningún cura galego, xa non no 39, senón nin tan sequera hoxe, equiparando como desgraza a igrexa destruída, os mortos e o ter a obriga de falar español. Galicia é así e ten uns comportamentos políticos en consonancia; os elixidos sábeno e utilizan as armas que o pobo lle deu contra os que aínda nos resistimos a desaparecer. Hoxe mesmo, 7 de xaneiro, leo nun xornal que o PP se gaba de ter duplicado en catro anos a afiliación e, maioritariamente, de xente nova, porque "el PP es el partido con el que más se identifica Galicia". Estiven hai uns días nun loureiro e o amigo que me levou a el fíxome notar que aquilo era Galicia profunda: casa de boa feitura tradicional galega, lareira acesa no interior e fóra, viño propio, moi ben de prezo, petiscos xenerosos e de balde, cancións en galego, entorno fechado con metálicos vellos e lingua de resposta ao noso natural vernáculo... o español.
,O PP é o partido de maior implantación no territorio, coñece moi ben a realidade de Galicia, sabe que os seus votantes son maioritariamente galeguistas, que aman a Galicia daquela maneira e que ven no PP o partido que mellor pode representar o seu amor á terra, con cantareas tabernarias en galego, lareiras, metálicos, ladrillos ao ar e lingua española con tódolos visitantes, aínda que sexan alemáns. Por iso está presidindo Galicia un verdadeiro inoperante como Feijóo, encargado de non sei cantas áreas, todas e as que lle boten, pois, para o caso tan só se preocupa dos faladoiros madrileños, aqueles aos que, xa en 1902, se refería Unamuno, cando dicía que "El principal centro productor de ramplonerías en España son los cafés de Madrid". O que non diría, se tivese visto Intereconomía! E este individuo con poder -recibido dos galegos- nomea un conselleiro de educación, Vázquez, que tan só demostrou ignorancia ata na nomenclatura propia do seu departamento (aínda lembro o das materias "troncales") e no convencemento de que se pode saír do bacharelato sabendo inglés fluído e, digo eu, por que non historia, matemáticas ou bioloxía? Pechariamos as facultades por innecesarias, aforrariamos moitísimo e mesmo a el o mandariamos ao paro, ao remate da súa bicoca política. E o mesmo destino tería o ínclito asesor do PSOE, Lorenzo, que foi contratado para exterminar o galego e, se non fose porque algúns temos o pelexo duro, teríao conseguido. Seica o debeu de facer moi ben, porque, coa práctica adquirida, agora encargárono de botalo fóra do mundo cultural. Dixo onte o novo secretario de estado de cultura, Lassalle, que ten por diante potenciar esa enorme riqueza que é a lingua española. Feijóo copia o esquema, elimina a consellería e nomea un secretario xeral tamén coa misión -e desgraciadamente non me vou equivocar- de potenciar a lingua de Castela, tan atacada, vilipendiada e supoño que en proceso de desaparición.
Cando en Galicia tódolos traballos científicos se deixen de facer en galego, e ese é o camiño polo que imos e que sospeito se vai potenciar, mesmo pola valoración numérica que as universidades dan aos traballos en función das linguas en que están escritos, deixará, como dirían Hegel ou Unamuno, de haber ciencia galega. Algúns seguiremos firmes, mesmo contra as opinións, erradas, dos amigos.