O epistemicidio na Galiza (II)

O epistemicidio na Galiza (II)
Dicía Vicente Risco: “Universidade galega! Eu quixera saber que é o que ten de galega a nosa Universidade: nin a lingua, nin a literatura, nin a historia, nin a xeografía, nin a economía, nin os costumes xurídicos, nin ningún dos aspectos da vida galega é alí obxecto de ensino”.

E pasaron cen anos desde que aquela Xeración “Nós” tivo que facer o que desde os ámbitos académicos non se facía, e hoxe ninguén lembra en que estaban enredando nas aulas daquel entón os seus eximios catedráticos senón no labor que estaban a facer por fóra aqueles intelectuais que se sentían na obriga de ser útiles ao país. E algunhas cousas mudaron. Mais moito queda por facer.

Esta denuncia de Risco tiña como obxectivo demandar a atención do saber académico cara a nosa Terra e non excomungalo como incompatíbel co estudo das nosas cousas. Hai a tentación dos que traballan no activismo cultural de desprezar aos que viven do saber como mercenarios, sexan de institucións públicas ou privadas. Esa profesionalización é sospeitosa de acochar intereses que van alén do coñecemento polo coñecemento. Parece que se impón que para facer carreira un ten que someterse á lóxica da meritocracia aínda a custa de atribuírse o traballo doutros. Algo que só se pode facer silenciando e desprezando dito traballo por canto poida deixar en evidencia a dubidosa adxudicación dos beneficios da descuberta.

Esta é un receo comprensíbel máis que non debe impedir á necesaria colaboración. Lembremos os rexeitamentos que desde o movemento memorialístico houbo nun primeiro momento a colaborar co proxecto universitario “Nomes e Voces”. Como ao final se logrou un achegamento positivo, foi posíbel sumar, e con iso conseguiuse mellorar os resultados dun traballo moi necesario para saber do noso pasado silenciado. E así se ten feito en moitos outros ámbitos.

Nese sentido hai apostas claras por atopar puntos de encontro entre o mundo académico e o mundo activista. Véxase a Semana Galega de Filosofía que cumpre este ano a súa 36 edición. Un espazo híbrido onde mistaran xentes de ámbitos epistemolóxicos diferentes e que debaten e confrontan as súas múltiples olladas.

Mais a desconfianza que o activismo ten no ámbito institucional non é infundado. E insisto en referirme tanto ás institucións públicas (Concellos, Universidade, etc...) como privadas, pois hoxe compre lembrar que se está privatizando grande parte do saber e da animación socio-cultural. Esta suspicacia non é paranoia cautelosa. É produto da experiencia frustrante de tentar achegarse e conciliar esforzos a prol de socializar o coñecemento e toparse unha e outra vez coa apropiación e o desprezo.

Para ilustrar isto podemos referirnos a dous exemplos recentes na comarca de Tabeirós-Terra de Montes nas últimas semanas. Neste territorio interveñen dous colectivos como é Capitán Gosende ou a A. C. Vagalumes a través dos caes unha serie de persoas están a traballar a prol do coñecemento de divulgación do patrimonio desta zona. Non reciben ningún tipo de subvención as entidades nin remuneración os seus membros. Simplemente a satisfacción de facer algo útil ao pais que tanto aman. Nese sentido o produto destas actividades póñense a disposición de todos para que sexan usados libremente por quen queira saber máis de nós, visitar un determinado ben, revivir un feito histórico, etc.... Nalgúns casos mesmo se oferta directamente está man de obra gratuíta a aqueles que mesmo vivindo disto, están a traballar no mesmo e, con iso, tratar de favorecer a calidade e cantidade dese traballo. Non se busca méritos porque quen isto fai non vai presentar folla de servizos para ningún posto ou cargo ao que aspire, pero si que é certo que -conscientes do moito que queda por facer- si se agarda un certo recoñecemento para con este tipo de labor co fin de animar a máis voluntarios a poñer o ombreiro para erguer estes proxectos tan necesarios.

Por iso é lóxica a indignación cando desde o concello recentemente inventado de Cerdedo-Cotobade se trata de lexitimar esta falcatruada de fusión contra-natura (con concellos de diferentes comarcas e partidos xudiciais) e se contrata unha empresa para facer un vídeo sobre o seu patrimonio común sen referencia ningunha a quen o está a defender (Capitán Gosende), reproducindo os erros e disfrazando as desfeitas que activistas como Calros Solla teñen máis unha vez denunciado. Mais porque este interese en persistir no erro senón para combater a quen o ten resolto? Como no caso da A. C. Vagalumes, porque logo de tentar colaborar para que se fixera o estudo da nosa toponimia por parte daqueles que se teñen asignado esta función, de toparse coa porta pechada constantemente, ao final, unha vez que se acomete por parte da presidenta desta entidade, Clara Iglesias, este inxente traballo sen ningún tipo de compensación nin apoio, e se publica a custa da propia asociación, saca a oficialidade o seu estudo no que se coincide co mesmo libro que vimos de tirar da imprenta hai un ano para que en ningún caso se cite este na súa longa bibliografía. Non vai ser que poida estenderse o exemplo e se poña a xente a traballar de balde a prol da causa.

Porque en definitiva o obxectivo de quen así actúa desde as institucións é desmobilizar a sociedade e encerrar o saber nun círculo pechado do que só unha minoría teña a chave. Algo que pasa en todo o mundo e pasou sempre. O problema é que nun país en emerxencia nacional coma o noso ten consecuencias terríbeis. O noso patrimonio material e inmaterial está sendo destruído logo de séculos de transmisión. Asistimos a unha época na que se está a borrar a nosa cultura, lingua, historia, etc... como si se estivesen a formatear o noso disco duro para implantar o que lle interesa a quen nos domine. E nesta batalla contra a auto-ignorancia non sobra ninguén agás os que se prestan ao sectarismo egocéntrico e os vendidos que tan baratos lle saen aos inimigos do país. Afortunadamente existen Calros, Clara e asociacións, colectivos, iniciativas de base por todo o país, e tamén institucións e membros destas que están abertos a colaborar no obxectivo común de defender o noso patrimonio. Dentro de cen anos, douscentos da Xeración “Nós”, se aínda existe Galiza será grazas a eles e así serán recordados, e non aos que hoxe tanto antepoñen perpetuar o seu nome ao proxecto colectivo, nomes, por certo, que no futuro xa ninguén lembrará.