O encascador
Daquela íase ó mar coas pesas de algodón e, cando viñan uns días de nordés aproveitábanse para encascar os panos. Dábaselle á casca para que non apodreceran polo seu continuo traballo na auga salgada, e tamén, para seren máis resistentes ós rachóns que se lle facían de cando en vez.
Coa dorna fondeada preto dalgún abrigo, os mariñeiros quitábanas polo costado e sacudíanas contra o mar para sacarlle as escamas, argazos ou algúnha cabeza de sardiña que quedara prendida nas mallas. Cando quedaban limpas xa as ían cobrando para bordo.
O bater das trallas de cortiza, dos chumbos, os pes de galo, os chicotes das rabizas e boureis, a ruideira asemellaba lóstregos estalando moi preto.
Logo despois, varábase a dorna e deixábase a vela a aventar para que secase ben seca. Palmealas pesas ata o encascador, feito enriba das pedras da mallante, á beira das casas dos mariñeiros. A construción de planta térrea, os muros de cachotería ruín de escasa altura, teitume á vista sen faiado. A armazón coas trabes, pontóns, cangos e as táboas nas que se asentaban as tellas a unha auga.
O oco da entrada, pechado por unha porta dunha soa folla sen fiestra algunha para evitar as paraveas que puideran humedecer os panos.
Namentres, unha ringleira de mulleres acarrexaban auga para encher a caldeira. Gabeaban os chanzos da escada sen salucar unha pinga de auga polo pano de fío ou pola faciana, ergueitas, moi ergueitas, e o mulido asentando a sella no alto da caluga.
Cando remataban con este labor, había que encher a maseira para lavar ben os panos e sacarlle o salgado do mar. Ó remata-lo labor, amoreábanse a escorrer para logo poñerlle un encerado por riba e evitar a humidade que deixara a caldeira fervendo a cachóns.
Outras carrexaban feixes de leña miúda, para prender o lume e logo irlle botando as achas de castiñeiro e carballo que estaban estivadas contra a parede. Íanas arrombando coidadosamente por debaixo daquel mundo de cobre que ficaba adormecido enriba das trepias.
Debíase de manter a quentura por tres ou catro horas, ou algunhas máis, dependo dos panos. Por iso, había que estar pendente de manter o lume aceso e vivo ó longo dese tempo.
A casca de piñeiro moída gardaba nuns canastros de vimbios engadíndose a medida que a auga ía quecendo. E mentres, íase remexendo cunha vara que rañaba nas fonduras, para evitar que as tonas quedaran aló sen arriar a tanina e que as ferveduras verteran fóra.
Despois había que agardar a que toda aquela auga fora arrefriando. E cando estivera no seu punto, quedaba abrir a billa e deixala correr pola canaleta de pedra, que a comunicaba coa pía, para que os panos colleran a cor. Despois da tinxidura había que palmealas entre varios homes e poñelas nun engaretado a escorrer. E escorreitas, levalas aos varais, pendurándoas das varas de piñeiro, cravados en chantóns de salgueiro para poder aguantar o peso das redes. E daquela somentes restaba agardar que o nordés fixera o seu traballo, agardar o tempo preciso para poder largalas no mar.
Había que ter en moita conta o tempo que ía durar o nordés, pois no caso de que o vento cambiara e chamara pola choiva, o traballo valería para ben pouco, xa que se o tinguido non secaba ben seria máis prexudicial ca beneficioso. Estes coidados significaban dous ou tres anos de uso sen problemas de duración e, no caso contrario uns poucos meses de traballo. Estes eran días de folganza, taberna e cuartillos de anís da terra, que baixaban polas gorxas daqueles homes xenerosamente.