O destino das coleccións de arte das caixas
Aínda que un sabe algo máis que ler e escribir, non se pode subtraer á sensación de que nos están enganando. O pasado día 1 de outubro botei en falta en algúns diarios galegos uns titulares que nos dixesen que NCG Banco fora nacionalizado, ou que Galicia perdera as dúas históricas caixas que se fixeran e medraran cos aforros dos galegos. Son os benéficos efectos da sopa boba que reciben do poder político, maxistralmente definido no refrán que di "O gaiteiro toca ao son de quen lle paga".
Como ocultar a realidade das cousas pode ser pan para hoxe e fame para mañá, creo que convén falar con claridade, aínda que non nos guste, e que alertemos aos que o poden facer de que aínda estamos a tempo de poder salvar algo do seu patrimonio cultural que tamén nos pertence. Que o noso silencio, non sexa cómplice dun posible espolio, porque parecendo inviable o sostemento da obra social das antigas caixas cos beneficios que poida producir o 6,84 % de participación no novo banco a ver se a Xunta, co apoio dos partidos políticos, é capaz de salvar, polo menos, os seus fondos artísticos evitando que sexan mal vendidos.
A situación financeira
A nacionalización polo Estado de NCG Banco, a entidade xurdida da fusión de ambas as dúas caixas, valorada polo Banco de España en 181 millóns de euros fronte aos 1.714 millóns de euros de capital social que dicían que valía os responsables da entidade, ao non poder recapitalizarse coa entrada de novos investidores privados, aboca á desaparición da obra social por falta de fondos para o sostemento. O Estado pasa a ser o propietario maioritario coa abafadora participación do 93,16 % do capital, fronte a un ridículo 6,84 %.
De maneira que esta é a cera que arde e xa non valen os alardes dos políticos, as paletas rivalidades entre Coruña e Vigo, coma se fosen os dous embigos do mundo, e o traslado de responsabilidades a Zapatero e ao bipartito. Tal discurso resúltame ofensivo porque é querer tratarnos de parvos, pois Zapatero non ten a culpa do que agora asoma como pésima xestión dos seus xestores metidos na especulación do ladrillo, e tampouco o bipartito porque "a herdanza recibida", sexa boa, mala ou regular, asúmea con todas as consecuencias o goberno que sucede voluntariamente a outro, máis aínda coa promesa de que ten solucións para todo e de que o vai facer moito mellor que o que había. Suponse que en base a iso os cidadáns lle outorgan a confianza. Xa que logo resulta intolerable en democracia que se queira tapar a ineficacia con esas simplezas logo de transcorrida media lexislatura.
Salvar as coleccións de arte
Polo titular pode parecer que me intereso polo destino das coleccións de arte da parte social das entidades financeiras que nestes momentos pasan por apuros de liquidez e de solvencia. Como persoa á que lle gusta a arte en xeral efectivamente preocúpame o destino dese patrimonio cultural que se fixo cos beneficios do diñeiro que depositamos nelas moitos aforradores. Pero neste caso refírome, pola súa inmediatez, ás coleccións que ao longo de moitos anos foron formando Caixa Nova e Caixa Galicia, constituídos fundamentalmente por obras de artistas galegos modernos e contemporáneos, tanto de pintores como de gravadores e escultores.
Se NCG Banco non consegue o 15 % de participación no prazo dun ano, os beneficios producidos por ese 6,84 % en que a valorou o regulador, non chegarían para cubrir os gastos da obra social e cultural, de maneira que na situación actual pódese afirmar que se consumou a desaparición das dúas caixas, e aventurar que está en portas a extinción da súa obra social e a venda das súas coleccións.
Como para comprar accións se necesita capital, nunha situación normal do mercado inmobiliario, ese capital poderíase conseguir vendendo unha parte do patrimonio inmoble da obra social, co consecuente prexuízo para o desenvolvemento dos seus fins. Os expertos din que a venda de edificios neste momento é difícil dado que polas características dos inmobles, centros sociais, auditorios, salas de exposicións, e similares, serían as institucións públicas os posibles compradores. Pero como todos sabemos nin a Xunta, nin os concellos, nin as deputacións están na mellor situación para adquirir novo patrimonio coas cargas que leva o seu mantemento, máis ben téndese a reducir. Xa que logo quédalles o seu patrimonio artístico que pode ser apetecible a xente rica, que a hai, que o pode adquirir a prezo de saldo, e iso si que non se debería permitir porque habería que recuperalo como un patrimonio público que puidesen gozar non só os galegos senón tamén calquera persoa que admire a arte.
Un museo de arte galega no Gaiás
Como non hai mal que por ben non teña, perdida a galeguidade do aforro, fagamos agora un esforzo para non perder o que foron acumulando as antigas caixas de capital cultural que tamén ten un valor no mercado, aínda que posiblemente menos do que se cre. Porque se á vista do resultado final xa ninguén dubida de que a xestión de ambas as caixas deixou moito que desexar no económico, tamén tivo as súas sombras e deficiencias a adquisición de obras de arte por parte dos responsables das coleccións.
Recordemos o episodio da compra de obra supostamente pintada por Maruja Mallo, que no seu día Isaac Díaz Pardo dixo que eran falsificacións e que por obra e graza dos tribunais conseguiron a autenticidade.
A Xunta, e en particular o seu presidente o señor Núñez Feijoo, debería xestionar a compra de ambas coleccións para instalar no edificio destinado a Museo de Galicia no Gaiás, que o singular conselleiro de cultura, Roberto Varela Fariña, nun acto friki, propio da xenialidade creativa dun artista de vangarda, e tamén de manifesta incapacidade para desempeñar o cargo, anunciou que se abriría ao público sen nada, co pretexto de que admiremos a súa arquitectura, primeiro o 11 de novembro, e agora debido ás eleccións xerais, a finais de setembro.
Descoñezo se algún grupo político ou colectivo cultural pediu a súa dimisión e a do director de Acción Cultural dá Cidade da Cultura, Ignacio Santos Cidrás, xa coñecido pola súa xestión como xerente da S. a. de Xestión do Plan Xacobeo.