O concurso para destinar o cuartel de San Fernando de Lugo para centro de romanización

O concurso para destinar o cuartel de San Fernando de Lugo para centro de romanización

No mes de marzo escribía sobre o novo destino do Cuartel de San Fernando de Lugo, que logo de se salvar da destrución parcial ao querer incrustar nel outro edificio para destinalo a un auditorio, a intervención de ICOMOS fixo que se desistise de tal aberración, que no seu momento denunciamos algúns particulares e colectivos culturais.

En febreiro de 1999, o BNG pediu no Parlamento de Galicia que o edificio fose declarado BIC para evitar a súa derriba, pero non se fixo. Houbo que agardar ao Goberno bipartito para que Felipe Arias Vilas, director xeral de Patrimonio Cultural, iniciase os trámites para destinar o edificio a Centro de Interpretación e Museo da Romanización de Galicia, dentro da Rede de Patrimonio Arqueolóxico, e declaralo BIC coa categoría de Monumento, o que tivo efecto por decreto do 9 de xullo de 2009, polo actual Goberno que tamén convocou o concurso de ideas para rehabilitalo. Ao concurso concorreron setenta propostas gañando a presentada polos arquitectos madrileños Pedro Colón de Carbajal e Raquel Buj García. Pero o fallo do concurso, non pode se máis desconcertante xa que se premiou unha idea que elimina a maior parte dos forxados da planta primeira e do baixo cuberta, derruba muros interiores e abre portas exteriores onde agora hai ventás.

Cometer o mesmo erro

O erro do proxecto do auditorio en San Fernando, fixo que se demorase a construcción e que doce anos despois aínda non se comezase a obra noutro lugar. Agora a Consellería de Cultura volve a cometer o mesmo erro.

En 1998 o Concello chegou a un acordo co Ministerio de Defensa para adquirir o cuartel para instalar un centro cultural e un auditorio. Convocouse un concurso de ideas ao que se presentaron once proxectos, gañando o do arquitecto lucense Marcos Parga Prado. Díxose que o proxecto era moi respectuoso co edificio pero non era verdade, por que cortaba a parte central da nave oeste para inserir un cubo de cristal. Recorríase ao efecto espello para completar visualmente o patio.

Nunha xustificación truculenta dicíase que coa desaparición desta parte recuperábase a primitiva planta en U do edificio. Era unha verdade a medias. O edificio de planta rectangular cun patio central, non se terminou por razóns económicas ata 1865, quedando o patio aberto cara ao sur. O arquitecto abríao cara ao oeste.

O edificio estaba protexido polo Pepri con nivel de catalogación 2, correspondente a edificios singulares e de elevado valor arquitectónico, histórico e cultural, impedindo en teoría a actuación que se propuña, pero no interior deixábase a posibilidade de eliminar o edificio, ao especificarse que esa unidade de actuación deberíase dedicar a dotación cultural "coa conservación ou non" do edificio.

Presentado un recurso

É frecuente ver con desalento e certa indignación a manga ancha que as administracións teñen para as intervencións nos seus edificios, permitíndose o que nunca lle consentirían a un particular. O 16 de xuño deste ano coñecíase a proposta gañadora sinalando o xurado que "as actuacións propostas introdúcense no edificio dunha forma sutil e delicada". Unha vez máis agáchannos a realidade con palabras rimbombantes, pois ao examinar a proposta vemos que unha vez máis a destrución disimúlase con coidada literatura.

Elimínanse os forxados de madeira da primeira planta e do baixo cuberta na parte do edificio destinada a exposición, e coa mesma desenvoltura elimínanse muros e ábrense portas onde hai fiestras, o que está en contradición co que di para os BIC o artigo 39 da Lei do patrimonio Cultural de Galicia de 1995: "se respectaran as súas características esenciais e se conservarán as características volumétricas e espaciais definidoras do inmoble".

Pero ademais nos criterios de intervención do concurso recórdase que é obrigatorio para intervir no edificio, que a adecuación ao novo uso se subordine "a salvagarda dos valores que fundamentaron a declaración de BIC", e entre estes valores o decreto de declaración recolle "a conservación da estrutura e da organización espacial proxectada orixinalmente".a pesar de ter transcorridos 225 anos.

Como os BIC gozan da máxima protección e tutela, e a intervención neles queda subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación, entendemos que o xurado escolleu unha proposta que non cumpre nin coa lei de Patrimonio, nin co decreto de declaración de BIC, nin coas bases do concurso.

O estudio de arquitectura GAU que se presentou ao o concurso, recorreuno, pero a Consellería non quixo entrar no asunto alegando un defecto administrativo, xa que o presentaron no rexistro da Subdelegación do Goberno e segundo dixeron tiña que ser presentado no da Xunta. Pero o curioso é que varios membros do xurado negáronse a responder ás preguntas dos medios informativos, e algún que o fixo, como José Ignacio García Pedrosa, deu unha visión moi particular das intervencións que se poden facer nun BIC, afirmando que os muros interiores e os forxados non é obrigatorio mantelos. Pero os recorrentes consideran que sí, e presentaron un recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A ver por onde sae.