O Códice Calixtino: un ben cultural colectivo
Sobre a desaparición do Códice Calixtino xa correu moita tinta e algunhas reflexións atinadas, como a que neste mesmo medio deitou Francisco Rodríguez. Seguramente se pode e debe dicir aínda moitas cousas. Só quero facer aquí un par de reflexións: sobre o papel do Seminario de Estudos Galegos na recuperación desta obra para a sociedade civil e, a outra, sobre a custodia do patrimonio en mans da igrexa.
Hoxe todos falan do Códice Calixtino como unha obra clave na propagación do culto a Santiago. Quizais a parte máis coñecida do mesmo sexa o seu libro V, o que se considera a primeira guía do Camiño e, tamén, unha das primeiras guías turísticas, pois o peregrino comparte co turista de hoxe a convicción de que certos lugares e certos obxectos poseen un inusual poder espiritual e que un será mellor persoa visitándoos. Pero a popularización actual deste libro é unha cousa bastante recente á que contribuíu o vello Seminario de Estudos Galegos (SEG), é dicir, a xente que quería dignificar a nosa cultura e o noso país.
O primeiro en intentar que o Códice fose accesible, máis aló de catro especialistas, foi o americano Walter Muir Whitehill, alentado e apoiado polos membros do Seminario de Estudos Galegos. Mais o levantamento militar e fascista do 18 de xullo impediu que a obra vise a luz. O traballo de Whitehill consistiu en transcribir totalmente o Calixtino coa intención de permitir a súa lectura sen ter que ir follear o orixinal, pois até entón non había outro xeito de lelo que acudindo ao arquivo da catedral ou a unha desas copias que se gardan nalgún outro arquivo, como a de Salamanca, e accesible non só a aqueles familiarizados co latín medieval, senón a uns poucos que podían acceder a eses arquivos. Entre estes poucos algúns estudosos de fóra, e así falan do Códice americanos e ingleses que viñeron a Galiza nas primeiras décadas do século pasado, como Giorggina Godard King ou Ruth Matilda Anderson, por citar só o nome de dúas mulleres. A xente do SEG era consciente do valor deste documento cara a fóra e do prestixio que lle daba a Galiza; era un chanzo importante para pór a nosa cultura e ao noso país no mundo e, eles, querían pór de novo a Galiza no mundo, volver ser unha cultura con presenza no presente e con ansias de futuro, para iso había que rescatar do esquecemento os elementos da nosa identidade colectiva e que estes axudaran na construción da armazón que sostivese á sociedade civil.
Pero será a francesa Jeanne Vielliard a primeira, en 1938, en traducir a unha lingua romance unha parte do Códice, en concreto o libro V, o que fala do Camiño e das súas etapas, tamén o que verte tópicos sobre os vascos, entre outros. Esta tradución axuda á popularización do mito xacobeo e do camiño cara a Compostela desde o corazón da vella Europa. Algo no que estaban interesados desde o Seminario, en dicir que Galiza estaba nas orixes desa Europa e na vangarda da modernidade histórica na que eles querían que o noso país volvese estar, que volvese ser unha realidade diferenciada, recoñecida e prestixiada polo noso papel histórico. Eran conscientes de que a realidade histórico-social ten lugar sobre un territorio concreto. A realidade na que eles querían actuar era a Europa do seu tempo, situada nun dos extremos dese territorio e marcada pola presenza de Compostela, referente importante da mesma.
Posteriormente, e xa desmontado o vello Seminario de Estudos Galegos pola barbarie fascista, será o Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento", que nace sobre os restos do vello Seminario, o que saque á luz a transcrición e estudo de Walter Muir Whitehill; tamén será o "Sarmiento" o que faga a primeira edición en español do Códice, pero o contexto social xa será outro, as ilusións tamén.
O outro tema a comentar aquí sería o da custodia dos bens culturais en mans da igrexa, do mal chamado "patrimonio eclesiástico", porque somos da opinión de que só hai un patrimonio cultural e ese patrimonio ten que estar a disposición e servizo da sociedade civil, senón non é patrimonio, serán tesouros agochados, reliquias ao servizo de coleccionistas, curiosidades, o que queiramos chamarlle, pero non un ben cultural ao servizo da sociedade, nunca un referente colectivo.
Son da opinión de que o Códice Calixtino estaba no lugar no que tiña que estar, pois non se pode illar un ben cultural do contexto inmediato no que xurdiu, mais todo indica que non estaba nas condicións apropiadas. Lamentables as imaxes do cóengo arquiveiro pasando as follas como se estivese folleando un libro calquera e sen moito interese nunha librería. Isto pode ter que ver cunha imaxe de "propiedade" que non responde coa función dos bens patrimoniais. Os que ás veces andamos polos arquivos nos ten pasado máis dunha vez atopármonos coa sen razón dalgún crego que non che deixa consultar os fondos, simplemente porque non lle dá a gana e porque se considera "dono e gardián" dese patrimonio, tamén porque pensan que podemos facer un "mal uso" do mesmo sacando á luz unha información que "non interesa". E conto aquí un caso que lle pasou a un amigo hai uns anos nunha parroquia do sur do país. Quería facer unha consulta nun arquivo parroquial pero ao párroco non lle parecía de fiar e díxolle que non. Intentouno varias veces, pero nada. Entón un día agardou a que o crego estivese dicindo misa e entrou na reitoral, colleu os libros e marchou. O crego sae alporizado da igrexa ameazando con denuncialo. O investigador volveuse ao crego e díxolle que quen o ía denunciar era el por non permitir o acceso a un ben cultural e que os libros parroquiais ía levalos ao arquivo no que tiñan que estar e no que están agora á disposición de quen queira consultalos.
Todo isto ben a conto do pouco control que as institucións civís teñen sobre o patrimonio en mans das institucións eclesiásticas. Eis un problema sen resolver e que semella de difícil solución por falta de vontade política, tamén porque até agora os gobernos non tiveron interese ou non quixeron marcar os límites entre unha sociedade civil laica e o papel da igrexa, caendo nun servilismo e nunha submisión máis propios do antigo réxime que dunha sociedade que se considera avanzada.
O goberno ten a obriga de custodiar o noso patrimonio, estea este en mans civís ou eclesiásticas. A responsabilidade da desaparición do Códice Calixtino non é só do deán arquiveiro da catedral compostelá, que a ten, tamén é dun goberno que actúa con desidia e permite o descontrol. Non valen só lamentos, cómpren actuacións concretas, medidas que restitúan o patrimonio á sociedade civil, a única propietaria do mesmo, aínda que os posuidores sexan outros.