O Códice Calixtino: patrimonio cultural?
A miña colaboración para este portal dixital do mes de xullo pasado foi sobre o Códice (ou códiche, na pronuncia feijoniana) Calixtino. Quería daquela chamar a atención sobre dous aspectos concretos: por un lado a importancia deste documento bibliográfico para situar Galiza no contexto europeo de entón, algo do que se deron conta a xente do extinto pola forza Seminario de Estudos Galegos, polo que intentaron sacalo do seu secretismo entre as paredes da catedral e dalo a coñecer á sociedade, facelo visible e útil, facelo accesible.
Outro aspecto que quixen salientar entón foi que si unha cousa é definida como patrimonio cultural é algo que é un ben ao servizo da sociedade. Senón é así será un tesouro agochado ou o que lle queiramos chamar, mais non patrimonio cultural, algo que estea ao servizo da sociedade.
Sobre este último aspecto quixera estenderme agora un pouco máis. Mais antes quero dicir que a aparición do Códice xerou moita tinta (impresa e dixital), mais vendo o acto de entrega un pensa que as ideas por modernizar o país en base tamén á recuperación do seu patrimonio cultural, que tiña a xente do vello Seminario de Estudos Galegos e os galeguistas, foron de novo enterradas por un resucitado nacional catolicismo con novos bríos, aínda que desta vez os cóengos non ergueron o brazo nin sacaron o palio para recibir ao presidente do goberno español e ao seu representante aquí (que non presidente dunha realidade política diferente), algo que si fixeron con decisión cando recibiran a Franco naquela visita na que este se presentou como novo liberador e aínda estaba fresco o sangue da barbarie.
A diferenciación entre o campo civil é o relixioso xa non é unha cuestión que presente límites confusos, senón que os representantes do poder civil seguen buscando a bendición do poder eclesiástico como nos tempos en que o Calixtino foi escrito. Isto non é un paso atrás, é un salto de séculos. Volvemos aos tempos dos súbditos e no que o “patrimonio” era cousa duns poucos, duns elixidos. Lonxe quedan, pois, o espírito modernizador de loitar por unha sociedade formada por cidadáns.
Se no contexto da Ilustración e da revolución francesa se foi capaz de dar capacidade política ao patrimonio cultural foi tamén porque os súbditos se converteron en cidadáns con dereitos políticos e con deberes e, tamén, porque a esas clases sociais lles foi apropiado ou confiscado ese patrimonio cultural que acumulaban, e faise isto para que sexa “devolto” á sociedade civil. Entón o patrimonio cultural tiña que servir para educar aos novos cidadáns, tiña que proporcionar recursos de identificación e de identificación nacional, algo que axude a construír un imaxinario simbólico compartido socialmente e reforce o sentido de pertenza social. Seguimos reivindicando esta lectura política do patrimonio, non unha lectura partidista e sectaria do mesmo.
Co tempo aprendemos que o concepto de patrimonio cultural é dinámico e tamén ten unha carga subxectiva, que non depende dos obxectos e bens en si, senón dos valores que a sociedade en xeral lles atribúe en cada momento da historia. O Códice Calixtino foi nun momento a proba de que estábamos en conexión cunha modernidade que outros rexeitaban porque preferían a barbarie. Agora volven os bárbaros a gobernarnos e borrar toda pegada de nós, volve unha nova versión do “Santiago y cierra España” que nos vai liberar da crise.
A historia tamén nos foi dicindo que bens eran patrimonio cultural e, polo tanto, debíamos protexer e conservar para a posterioridade. Fomos así ampliando o concepto de patrimonio cultural e rachando con esa visión restrinxida que entendía que patrimonio cultural tan só son cousas monumentais, antigas, raras e valiosas pola súa factura, que teñen que estar gardadiñas e que só uns poucos “elixidos” teñen acceso e capacidade para entender e interpretar. Non, o patrimonio cultural son tamén valores simbólicos, valores que teñen que ver cunha construción cultural dunha realidade social diferenciada. Polo tanto é algo público e ao servizo da sociedade.
Pero para chegar a esta concepción ampla de patrimonio cultural, a un avance conceptual significativo, tíñamos que agardar aínda á segunda metade do século XX cando, no avance social que agroma tras a guerra mundial, aparece o concepto de “ben cultural”, polo que patrimonio ten unha concepción cultural e é entendido como testemuño da cultura dunha sociedade e como algo público (isto non quer dicir que todos vaiamos pasarlle o dedo ao Códice). Un ben cultural é un todo cun significado cultural e, detrás, unha memoria que fala de nós.
O Códice Calixtino pode estar gardado na catedral, pero o Cabido non é o seu “dono”, non pode gardalo nun armario con tres chaves en mans de tres cóengos calquera. Non. Hai outras formas de gardar os bens culturais e, á mellor, é dándoo a coñecer aos cidadáns, mostrándoo en condicións dignas e fomentando os seus valores para que todos o aprecien e fagan propios os seus significados e valores.
Quizais xa son tempos de empezar a falar dunha nova relación entre sociedade civil e patrimonio cultural en mans da igrexa.