O caso Fraga Mandián


Faltan sete días exactamente para que se cumpran trinta da celebración na Audiencia provincial de A Coruña da vista oral do recurso de apelación presentado polo xuíz Fraga Mandián contra a sentenza que absolvera en primeira instancia a Carlos Callón, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. O artigo correspondente da lei procesual que rexe pare estes casos di literalmente que dentro dos cinco días seguintes á vista, deberá ditarse sentenza, isto é, o pasado día 17 expirou o prazo marcado pola lei para que se resolvese o recurso. Non se cumpriu unha vez máis un mandato legal, como vén sendo habitual en moitos outros casos. Estamos tan habituados a estes feitos que xa os consideramos absolutamente normais no comportamento dos órganos xurisdicionais. Mais, agora non quería determe a reflexionar sobre o incumprimento dos prazos por parte dunha Administración de Xustiza que aínda mantén aberto un procedemento por unha presunta falta que se refire a uns feitos que se remontan ao mes de xuño do ano 2008, isto é, a hai cinco anos! Bastaría a constatación desta dilación indebida para ilustrar o funcionamento do poder xudicial, pero o caso Mandián aínda dá para máis.

É a primeira vez, creo eu, que nun recurso de apelación dunha sentenza dun xuízo de faltas se admite por un maxistrado dunha Audiencia provincial unha proposta de proba consistente na repetición do interrogatorio ao denunciado. O artigo 790.3 da Lei de axuizamento criminal afirma que, no recurso de apelación, o recorrente pode solicitar a práctica das probas que non puido propor en primeira instancia e daquelas propostas que lle foron indebidamente denegadas. Mais, as probas ás que se alude nesta norma procesual son tan só as documentais, as baseadas en escritos, fotografías, gravacións sonoras e videográficas ou en calquera outro soporte que se descubrisen con posterioridade á celebración da vista oral no xuízo de faltas ou ben aqueloutras que, deste mesmo tipo, fosen indebidamente inadmitidas ou valoradas polo órgano xudicial. Así o entende a xurispru­dencia reiterada das Audiencias provinciais, que se manifestan tamén en acordos non xurisdicionais como o da de Barcelona, que, no ano 2012, aprobaba por unanimidade o seguinte: Nos casos en que no recurso se alegue erro na valoración de probas de carácter persoal (testifical, pericial ou declaración do acusado) e se solicite a admisión de que se practiquen novamente en segunda instancia, non procede a admisión das probas propostas en base ao artigo 790.3 da LECrim, que impide a admisión das xa practicadas na primeira instancia.

Pero, ademais das legais, existen aínda razóns tan contundentes para non admitir en apelación a repetición do xuízo oral neste caso. A presunta inxuria pola que se considerou ofendido o querulante ¾recordemos que consistiu en reprocharlle ao xuíz, a través da prensa, a súa compracencia no incumprimento da Lei de normalización lingüística¾ consistiu na publicación en varios diarios dun extracto dunha nota informativa enviada aos medios de comunicación por Carlos Callón como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. É dicir, a proba fundamental para soster unha posíbel acusación radicaría nos textos que publicaron os xornais naquel momento e non precisamente no que poida soster o acusado fronte ás preguntas da parte denunciante, que se lle formulan exactamente cinco anos despois de teren acontecido os feitos. Os documentos sobre os que se basearon as probas eran os procedentes dos propios medios de comunicación achegados á vista oral do xuízo de faltas en primeira instancia, que seguiron sendo exactamente os mesmos que figuran no rolo de apelación presentados na Audiencia provincial.

Para coroar o despropósito, non quero rematar sen referirme á pregunta que, ao principio do interrogatorio a Carlos Callón, lle formulou o avogado do denunciante: ¿Sabe usted si estaba en vigor la norma que reconoce como ilegal La Coruña? Descoñecemos a resposta do Presidente da Mesa porque todos os que estabamos asistindo como público, irreprimibelmente, non puidemos conter unha exclamación de estupor espontánea e unísona que motivou ipso facto, por parte do maxistrado xulgador, a expulsión colectiva e radical dos acompañantes. Como ten o atrevemento de formular esa pregunta un letrado que asiste como técnico a unha das partes que reúne a condición de xuíz e a quen se lle presupón, como a todos os membros do poder xudicial, o principio iura novit curia que implica o coñecemento das leis por parte de quen ten o deber de aplicalas?

Por certo, Sr. Fraga Mandián, a Lei de normalización lingüística é de 15 de xuño de 1983, neste mesmo mes cumpre trinta anos de vixencia e, entre outras disposicións, no seu artigo décimo, afirma claramente que os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega.